viernes. 21.01.2022 |
El tiempo
viernes. 21.01.2022
El tiempo

Ratifican a prisión provisional para o detido polo crime de Vigo

Os axentes trasladan a David M.C. desde os xulgados de Vigo. EUROPA PRESS
Os axentes trasladan a David M.C. desde os xulgados de Vigo. EUROPA PRESS
O mozo volveu acollerse ao seu dereito a non declarar

O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo ratificou a medida de prisión provisional, comunicada e sen fianza, para David M.C. veciño de Monforte de 21 anos de idade, investigado pola súa presunta vinculación co asasinato dun profesor xubilado en Vigo

O mozo chegou na mañá deste xoves aos xulgados da cidade olívica procedente da prisión da Lama, onde ingresou o pasado venres por orde do Xulgado de Instrución número 5. 

Esa sala inhibiuse en favor do Xulgado de Instrución número 4, que estaba de garda no momento dos feitos, e ante cuxo titular compareceu o investigado, que de novo se acolleu ao seu dereito a non declarar. O maxistrado ratificou a medida de prisión ditada hai case unha semana. Ademais, tomáronselle mostras de cabelo para análise de tóxicos.

DETENCIÓN. David M.C. foi detido o pasado 4 de xaneiro, após ser interceptado pola Garda Civil nun control de tráfico na AP-53, no municipio de Silleda (Pontevedra).

A súa actitude e, sobre todo o feito de que portaba documentos dun veciño de Vigo (Benito T.S., profesor xubilado de 69 anos) e os seus cartóns bancarios, levantou as sospeitas dos axentes, que contactaron con Policía Local e Policía Nacional de Vigo. 

Os funcionarios policiais tentaron localizar ao veciño da cidade olívica e, após falar cun familiar, accederon ao seu domicilio na rúa Areal. Alí atoparon o seu cadáver cun corte profundo no pescozo, cortes no peito e golpes na cabeza.

A Policía continúa coas pescudas para tratar de esclarecer as circunstancias que rodean este crime, entre elas, os gastos que o investigado (que ten antecedentes por estafa) realizou cos cartóns bancarios da vítima, e a posible adquisición de dous vehículos de segunda man con diñeiro do falecido. 

Ratifican a prisión provisional para o detido polo crime de Vigo