jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

A realidade aumentada chega os balnearios

Imagen de una de las piscinas exteriores del Balneario de Mondariz. DP
Imagen de una de las piscinas exteriores del Balneario de Mondariz. DP
Unha guía interactiva difundirá entre os escolares de toda Galicia a importancia para a saúde das augas mineromedicinais da comunidade

A GUÍA didáctica Os balnearios galegos. Descubre as súas posibilidades para a saúde é unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que este ano cumpre o seu 10º aniversario. Presentouse este mércores na Universidade de Santiago, coa presenza da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; Lorena Casal, profesora do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC e autora da guía; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño; e o director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés.

O proxecto que promove a USC permite visitar 21 instalacións

Desde a Cátedra de Hidroloxía Médica destacan a importancia de que as futuras xeracións coñezan xa desde a infancia a importante riqueza de augas mineromedicinais que existe en Galicia e os seus posibles usos. Por esta razón encargáronlle ao Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago a elaboración deste material didáctico interactivo en formato dixital e de alta calidade pegagóxica.

"Con esta guía preténdese axudarlle ao profesorado e achegar o alumnado dos últimos cursos de primaria e primeiros da ESO de toda Galicia ao coñecemento da importancia da auga para a vida e, en especial, das augas mineromedicinais e as súas aplicacións na promoción da saúde, no tratamento das enfermidades e mesmo na procura do benestar", –salientou o director da Cátedra, o doutor Juan Gestal–.

Xa están a experimentar con este material os alumnos e profesores do Colexio O Cruce de Cerceda. A guía distribuirase en todos os centros públicos e privados de Galicia. Nestes intres xa pode descargarse e difundirse libremente da páxina web de Balnearios de Galicia (www.balneariosdegalicia.gal) e do repositorio da USC.

A profesora Lorena Casal explicou que, a través do uso da realidade aumentada, pódese facer un percorrido polos 21 balnearios galegos a través de calquera dispositivo móbil.

Na súa intervención, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, manifestou que "este material didáctico é unha boa noticia para todo o alumnado galego. Nesta época de preocupación polo coidado do medioambiente, axudará a reflexionar aos máis novos sobre o valor da auga, transmitindo o respecto por un recurso limitado, ao tempo que contribuirá a preservalo. Axudaraos a medrar como cidadáns respectuosos".

A guía consta de cinco apartados nos que se combinan texto e enlaces con diferentes materiais didácticos dixitais. No primeiro amósase o ciclo da auga na natureza e a súa importancia para a saúde, como identificar os diferentes tipos de auga e coñecer os usos que se lle pode dar para fomentar un consumo responsable. No segundo defínense as augas mineromedicinais, a súa orixe, clasificación e propiedades. No terceiro analízanse as diferenzas entre balneoterapia e hidroterapia e os seus procedementos de aplicación. No cuarto defínese o balneario, os seus usos terapéuticos e de lecer, a cura balnearia, os diferentes métodos de aplicación das augas e os tipos de patoloxías que tratan. Finalmente, preséntase a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e as actividades que está a desenvolver.

O doutor Juan Gestal salientou que "as augas termais utilízanse dende a Antigüidade para o tratamento de numerosas patoloxías. Hoxe en día a cura termal, xa sexa como terapia coadxuvante das terapias medicamentosas, ou como remedio en si mesma, resulta moi útil no tratamento de numerosas patoloxías crónicas do aparato locomotor, respiratorio, da pel e doutros órganos; enfermidades todas elas que teñen unha elevada frecuencia e que supoñen unha carga importante para o noso sistema sanitario. Ademais, apenas ten contraindicacións nin efectos secundarios".

A realidade aumentada chega os balnearios
Comentarios