Roberto Varela:''La Cidade da Cultura ya está sobrepasando las expectativas''

Hai xa máis de dous anos que o actual conselleiro de Cultura decidiu mudar Estados Unidos por Compostela para pasar a formar parte do novo goberno de Alberto Núñez Feijóo. Logo dunha intensa e longa carreira como diplomático e tras 20 anos fóra da súa terra natal, Roberto Varela volveu a Galicia para dirixir a súa política cultural e turística. Promocionar a Cidade da Cultura ou a continuidade da afluencia de turistas tras o Xacobeo son algúns dos asuntos que ten sobre a mesa do seu despacho en San Caetano.

PREGUNTA: A Cidade da Cultura está cumprindo as expectativas de visitantes?
RESPOSTA: Non é que se estean cumprindo, é que se están sobrepasando. Cando fixen a primeira previsión, falaba de 100.000 visitantes durante todo o ano e nestes catro meses levamos superados os 145.000. E moitas actividades teñen as entradas esgotadas. Pero aínda queda moito traballo. Acabamos de presentar a programación do segundo semestre, que vai ser vital.

P: Como vai ser esa programación?
R: Moi extensiva, en colaboración coa fundación privada, que se involucra definitivamente no proxecto financiando actividades.

P: Como vai a conexión coa AP-9?
R: Era unha obriga que tiña o Estado e que non chegou a cumprir. Se o Estado non cumpre teremos que que facelo nós e dame a impresión de que o imos ter que facer.

P: A que ritmo vai a construcción das partes que restan?
R: O ritmo que leva o museo é o máximo. Estiven onte alí [o xoves 9] e quedei sorprendido, porque está practicamente rematado. Penso que poderemos facer as primeiras visitas tras o verán. Queremos que o público coñeza un dos museos máis modernos e espectaculares do mundo. Gustaríame que durante un tempo o público coñecese ese edificio coma un obxecto museable, é dicir, como se a exposición fose o propio edificio.

P: Como se fará?
R: Temos deseñado un programa que inclúe actividades de carácter cultural para poñer en valor a parte arquitectónica, tal e como se fixo noutros grandes museos europeos, coma o Neues Museum de Berlín. É unha oportunidade única, porque despois nunca máis volveremos ter a oportunidade de ver ese edificio baleiro.

P: Cando se encherá de contido?
R: De cara a abril ou maio de 2012 inauguraremos o museo con pezas expositivas, neste caso coa mostra 'Gallaecia Petrea', na que a provincia de Lugo vai ter un protagonismo especial, xa que moitas das pezas atópanse no Museo Provincial de Lugo. É moi ambiciosa.

P: O Pazo de Meirás abriu hai pouco as súas portas cunhas cifras récord de visitantes. Segue ese furor?
R: Creo que as visitas están pechadas ata dentro de dous ou tres meses. Foi unha negociación moi dura, pero non queriamos facer ningunha excepción coa familia Franco. Chegamos ata o máximo que nos permite a lei. De feito, hai outros BIC en Galicia nos que os propietarios non permiten a entrada de visitantes e nós aquí forzamos que se puidese. Calquera acusación de que tivemos unha relación preferente pódese desmontar rapidamente. É certo que é un BIC especial e, polo tanto, garantir a seguridade era moi importante.

P: Despois do Xacobeo, o turismo está respondendo?
R: Empezou este ano dunha maneira non moi positiva, pero, afortunadamente, os resultados de abril melloraron notablemente, incluso superamos o ano 2009. Compararnos co 2010 é un exercicio un pouquiño ambicioso de máis, porque foi ano Xacobeo. Gustaríanos chegar a esas cifras, pero, obxectivamente, é demasiado ambicioso.

P: Entón, estase logrando ese obxectivo do que falaba cando chegou á consellería de deslocalizar e desestacionalizar o turismo?
R: Iso non se consegue dun ano para outro. Queremos vender a Galicia interior, o turismo cultural, o termalismo, o deporte... Son cousas que se poden facer ao longo de todo o ano, sobre todo o termalismo. A desestacionalización gustaríanos e, dende logo, tamén a extensión por toda Galicia. Ese é o motivo polo que imos crear os xeodestinos, unidades cun carácter homoxéneo e que se poidan promocionar conxuntamente. Penso que non hai un só recuncho de Galicia que non sexa explotable turisticamente, ou ben pola paisaxe, ou ben pola gastronomía, ou ben pola cultura, ou ben polo patrimonio, ou ben polos catro.

P: Pódese lograr que o modelo galego de tres aeroportos resulte atractivo para as liñas de baixo custo?
R: As compañías teñen a súa propia política aeroportuaria. Quizais, se volvésemos atrás, un só aeroporto sería a solución ideal. Creo que todo o mundo o pensa. Pero temos tres e hai que aproveitalos.

P: Como?
R: É importante lograr esa coordinación que faltou, unha política aeroportuaria única, sen rivalidades e unha competencia absurda. Un aeroporto con tres terminais, cun destino único que é Galicia, paréceme unha moi boa idea. Desgraciadamente, o ano pasado, as diferenzas que había cos alcaldes e as súas posturas un pouco localistas fixeron fracasar a organización do mapa aeroportuario. Hai que dicir que a Xunta de Galicia non ten estas competencias, que son do Estado. O que nós facemos son campañas publicitarias que fan rendibles as rutas.

P: Aínda hai algún modo de roubarlle pasaxeiros a Oporto?
R: Non falaría de roubar dentro da Unión Europea, porque existe liberdade de movementos, pero si é un pouco irónico que tendo tres aeroportos moitos galegos prefiran ir a Oporto. Penso que a solución pasa por ter unha mellor oferta de voos e para iso teriamos que coordinar mellor os tres aeroportos. Trátase de facilitarlle ao pasaxeiro poder voar a cidades estranxeiras sen ter que facer unha conexión con Madrid. Penso que a solución podémola ter nós, sen entrar a roubarlle nada a ninguén.

Comentarios