Román Rodríguez pide "responsabilidade colectiva" na volta ás aulas

O conselleiro de Educación espera que os centros sigan sendo "espazos seguros" como no primeiro trimestre
Román Rodríguez González. GONZALO GARCÍA
photo_camera Román Rodríguez González. GONZALO GARCÍA

O conselleiro de Cultura, Educación, Universidade, Román Rodríguez, fixo un chamamento á "responsabilidade colectiva" para manter os centros como "espazos seguros", ante un regreso ás aulas tralas vacacións de Nadal que se produce no medio dunha situación "complexa" polo repunte de contaxios por Covid-19. 

Así o trasladou en declaracións aos medios este xoves, nas que lembrou que o primeiro trimestre do curso "demostrou que os centros son espazos seguros" grazas ao "grandísimo traballo do conxunto da comunidade educativa" e o cumprimento dos requisitos e as "normas de adaptación". 

Rodríguez incidiu en que ese "traballo e esforzo" ten que manterse no inicio deste segundo trimestre, que arrinca este venres, que se producirá nun contexto social "complexo" e que "sen dúbida" terá o seu efecto na comunidade escolar. 

En todo caso, o titular de Educación insistiu en que a dinámica de contaxiados nos centros "evoluciona de modo parello" á da sociedade xeral, pero nos que non se produce "transmisión interna". 

Por iso insistiu na importancia de manter o "respecto, á prudencia e a responsabilidade" ás normas a través da "implicación" de todos os membros da comunidade educativa. 

Comentarios