Rosario Álvarez: ''El problema del gallego no se resuelve en la enseñanza; hacen falta medidas sociales profundas''

Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) recolleu o 25 de xullo a Medalla de Ouro de Galicia coa que a Xunta distinguiu os 40 anos de traballo do Instituto da Lingua Galega (ILG) cun discurso preocupado no que reclamou medidas "eficaces" que garantan a supervivencia do idioma. É que nesas catro décadas houbo un avance "extraordinario" no seu estudo, impulsado en boa medida polo ILG, pero tamén retrocesos "preocupantes" nalgúns indicadores da súa saúde, como na transmisión familiar. Así as cousas, Álvarez --catedrática de Filoloxías Galega e Portuguesa, á fronte do ILG desde o 2005 e membro da Real Academia Galega-- advirte de que "temos a obriga de defender a lingua e de transmitírllela enriquecida aos que veñen detrás".

PREGUNTA: Repasando os corenta anos que leva traballando o ILG, ¿cal é o labor do que están máis orgullosos?
RESPOSTA: É difícil escoller un. Cando naceu o instituto apenas había estudos sobre o galego, e era tal o silencio sobre as súas características que moitos estudosos mesmo pensaban que morrera. Nestes corenta anos houbo unha produción extraordinaria sobre o galego e hoxe hai un gran coñecemento sobre el, divulgado tamén fóra de Galicia. Cumpríronse etapas que noutras linguas levaron 300 anos. Iso, que non só fixo o ILG, pero si de maneira importante, é un factor relevante. Outro é a contribución á elaboración do estándar do galego actual, que se fixo fundamentalmente con traballo feito aquí e con datos que o instituto comezou a recoller desde o inicio.

P: ¿O idioma avanzou menos a nivel social, en falantes?
R: Houbo un movemento social de distintas direccións. Houbo un ascenso do uso do galego en ámbitos nos que non estaba, aínda que nalgúns menos do esperado, como os medios de comunicación ou a docencia universitaria. Pero tamén é certo que hai un retroceso na transmisión familiar moi preocupante, porque se se perde é probable que se perda a lingua. Os últimos indicadores facían ver unha certa recuperación entre a xente nova, que parecía consecuencia de accións no ámbito escolar, e moito me temo que as últimas medidas do Goberno galego fagan que ese tímido avance retroceda.

P: O ILG recibiu con críticas o decreto do ensino, ¿ven xa os seus efectos?
R: É cedo, pero parece que empeza a haber signos preocupantes de involución, porque se rompeu o tipo de medidas que moi lentamente estaban dando resultados que parecían positivos.

P: ¿En que se deben implicar institucións e colectivos máis aló do ensino?
R: O problema do galego non se resolve no ensino. É vital como se trata nel, e non me refiro só ás horas que teña, pero non é razoable poñer toda a responsabilidade no ensino nin que a lingua teña un gueto nel, porque tamén hai familia, amigos, ocio. Hai que ir a medidas de tipo social máis profundo, a prestixiar, abrir campos para o galego... Non digo que sexa fácil, pero hai expertos e iniciativas levadas a cabo noutros lugares. É cuestión de querer facelo de verdade.

P: ¿Pode chegar un momento no que o arquivo oral do ILG sexa o vestixio dunha lingua morta?
R: Sei que para moitos é un exceso de optimismo, pero creo que non. Espero que o sentimento identitario dos galegos arredor da súa lingua sexa máis forte que as medidas transitorias de gobernos. Os movementos sociais son difíciles de explicar, pero, da mesma maneira que segmentos castelanfalantes serviron como modelo imitativo, agora hai modelos galegos que poden servir para que outros non se vexan tentados a abandonar a lingua materna ou decidan o retorno. Ademais, nas últimas décadas produciuse algo que nunca se dera, e é que persoas procedentes dun medio castelanizado escolleron o galego por razóns ideolóxicas, de adhesión persoal. Benvidas sexan.

P: Con todo, no arquivo oral debe de haber fala que xa non existe.
R: Si existe. Os cambios lingüísticos son moi lentos, e as linguas que non cambian están mortas. É certo que nos últimos tempos houbo un cambio acelerado no galego, pero é que houbo un cambio acelerado na sociedade. Agora, se me dis se a lingua está moito máis castelanizada, non a vexo máis do que estaba. O galego dos falantes non está tan deturpado como algúns din.

P: ¿O ILG ten agora novos retos?
R: Claro, o asunto é conseguir os recursos. Algúns retos son ampliación dos anteriores; seguimos cos proxectos que tiñamos e preocupados por recoller o oral, por medo a que con moitos vellos se nos vaia un saber irrecuperable. Tamén estamos volcados en proxectos que lle saquen todo o zume ás novas tecnoloxías. E coa gramática da Academia, co dicionario dos apelidos, coa análise da entoación...

P: ¿Estáselles complicando moito o traballo coa crise económica?
R: Cada vez hai menos fondos. O noso presuposto sempre foi pequeno e agora estase achicando porque, por exemplo, moitas convocatorias públicas desapareceron e o número de bolsas de contratos de investigación decreceu moitísimo. Xa se imos á vía de convenios, cada ano se están reducindo un 30%.

P: Na recollida da Medalla de Galicia foi reivindicativa. ¿Que lle pide ao Goberno galego?
R: Solicitaría que se contemple que a investigación de humanidades existe, que é valiosa e ten que ser avaliada con criterios adecuados. E gustaríame poder chegar á sensibilidade do Goberno para que teña en conta que a lingua non é unha teima de catro iluminados. É o patrimonio máis valioso que produciu este pobo e cando se perda non se pode recuperar. Non temos dereito a deixalo perder.

Comentarios