Rueda insiste en que se suspenda a folga de xustiza "mentres se negocie" e nega que sexa "chantaxe"

O seguemento mantense este luns arredor do 90% ► Os funcionarios acudirá o martes ao Parlamento á intervención do vicepresidente da Xunta

Alfonso Rueda. AEP
photo_camera Alfonso Rueda. AEP

Cando está a piques de cumprirse un mes de folga na Xustiza, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este luns a súa petición de que se suspenda a "mentres se negocie", e subliñou que se trata dunha petición "absolutamente lóxica" para permitir que os cidadáns "reciban servizos", á vez que negou que dita petición sexa unha "chantaxe". 

Así o manifestou en declaracións aos medios á saída dun acto en Vigo, e insistiu en que a Xunta ten "vontade de pechar un acordo canto antes". Segundo precisou, non se trata dunha petición de desconvocatoria, senón dunha suspensión: "Se logo non se chega a un acordo, que eu creo que si, os sindicatos son libres de continuar, pero creo que non sería necesario". 

Alfonso Rueda sinalou que esa petición "en ningún caso é unha chantaxe" e que pretende "que se deixen de producir prexuízos aos cidadáns". 

A ese respecto, apuntou que a Xunta xa trasladou ao TSXG a súa posición acerca de "trámites fundamentais" que se deixaron de prestar con motivo da folga e que, a xuízo do goberno galego, deben "entrar dentro da catalogación de servizos mínimos" porque se podería "impedir o exercicio de dereitos importantes". 

Por outra banda, o vicepresidente galego lembrou que comparecerá este martes a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar a situación da administración de xustiza, "todo o proceso, as múltiples reunións que houbo para tentar un acordo, a oferta actual", e a "esperanza" da Xunta de "poder chegar a un acordo e pechar a folga canto antes". 

COMPARECENCIA. Pola súa banda, preguntado sobre a postura da Xunta neste conflito nunha rolda de prensa en Santiago, o portavoz do PPdeG na Cámara galega, Pedro Puy, considerou que o Executivo autonómico "deu pasos" e mostrou "plena disposición para negociar". 

Ademais, asegurou "comprender" que o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, pedise, nunha entrevista radiofónica, "diálogo construtivo" para chegar a unha solución na folga indefinida que os traballadores da xustiza protagonizan desde o pasado 7 de febreiro. 

Respecto diso, referiuse á comparecencia que realizará este martes no pleno do Parlamento o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, para asegurar que servirá de "oportunidade" para "escoitar" a posición da Xunta que "quedará clara" despois da súa intervención. 

O seguemento mantense no 90%
Mentres, mantense o seguemento entre os funcionarios arredor do noventa por cento. Segundo os sindicatos, este luns foi dun 90% en Vigo, un 89% en Pontevedra, un 88% en Ourense, un 84% en Santiago, un 81% en Lugo e un 80% na Coruña e Ferrol, con máis dun 85% nos partidos xudiciais máis pequenos.

Os traballadores acudirán este martes ao Parlamento de Galicia, onde comparecerá o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza para dar conta do estado das negociacións.

Comentarios