Sabucedo remata este luns unha das rapas máis bravas dos últimos anos

Bestas que nunca foran aloitadas e temperaturas frescas favoreceron onte o espectáculo, nun curro bastante accidentado

2019070813562594573
photo_camera Un dos momentos do aloitamento no curro. P FIGUEIRAS

Eran as once da mañá e nas grellas dos postos de comida xa se cociñaban os primeiros anacos de churrasco. Para moitos dos que pasaran a noite en Sabucedo foi o almorzo do día. Arredor do curro, longas ringleiras de xente agardando para acceder ás gradas e sentar. A esa hora aínda quedaban entradas dispoñibles, que se esgotaron minutos antes de iniciarse a segunda rapa do ano. Ó igual que o sábado, despacháronse arredor de 1.800 pases e volveu quedar xente fóra.

As bestas baixaron do peche de Cataroi, onde dormen estes días, máis tarde do previsto. As primeiras pisaron a area ás 12.29 horas, con case trinta minutos de retraso debido ás dificultades para conducir ó curro a O Raio, un garañón que nunca fora aloitado. Sería polas gañas de medir as forzas na nobre loita que foi este o primeiro animal que se saltou. Roi dacabalo, Santi de segundo e Carlos ó rabo, foron os tres aloitadores que entraron en liza co animal, ó que lle cortaron as sedas e desparasitaron. "Estabamos
preocupados, porque é moi bravo", recoñecía máis tarde o presidente da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, Henrique Bazal. O Raio e a súa manada foi collido preto de Sabucedo, nunha zona de monte pertencente a Forcarei.

DOMINGO SEGUNDO CURRO RAPA (2)

Precisamente, o brío das bestas, máis bravas que de costume pola boa temperatura, sen exceso de calor nin chuvia, dou espectáculo, pero tamén propiciou máis dun percance, que rematou con aloitadores e fotógrafos lesionados. Foi unha rapa bastante accidentada, cunha quincena de personas atendidas na enfermaría, se ben non houbo incidentes de gravidade.

Un dos aloitadores sufriu unha patada na cabeza, polo que tivo que ser atendido, contratempo que non lle impediu volver á area minutos despois. Non puideron facer o mesmo outros dous que na xornada do sábado se feriron nas costelas e nos dedos. Aínda que ganas de volver aloitar non lles faltaban, por prescrición médica tiveron que quedar de espectadores na segunda rapa desta edición. A bravura dos animais este ano explícase tamén pola presenza de reses salvaxes que nunca pisaron o curro de Sabucedo.

Daniel Parada -16 anos; dous aloitando-: "Empecei a entrar no curro en 2013, cos poldros. Ó principio estou un pouco nervioso, pero despois pásaseme"

RELEVO XERACIONAL. Foi case unha hora e media de espectáculo na que veteranos e novos aloitadores demostraron que están feitos doutra pasta e que o relevo xeracional parece garantido. "Hai bastante xente nova, si. Hai relevo", corroboraba Henrique Bazal unha vez rematada a rapa de onte. Dato significativo é tamén o número de autorizacións solicitadas para participar nos curros. Entre o sábado e a xornada dominical rondaban as 80, computando adultos e nenos, que se inician no ritual apartando os poldros pequenos antes de comezar os saltos. "É o segundo ano que aloito. Ó principio estou un pouco nervioso, pero cada vez mellor e con ganas de que chegue xa mañá outra vez", admitía nada máis rematar o estradense Daniel Parada, que se estreou con 15 anos no salto ás bestas.

Carlos Janeiro -46 anos; 35 aloitando-: "Lémbrome de baixar 400 e 500 cabalos a Sabucedo; agora non os hai nin no monte, que está impracticable pola maleza"

Esta edición será lembrada tamén polo menor número de bestas reunidas: unhas 210. Conta Carlos Janeiro, aloitador dende hai 35 anos, que houbo ocasións nas que chegaron a baixar ata medio milleiro. Agora o estado do monte, sen pasto pola maleza, dificulta a conservación das greas. "Agora hai moitas manadas con poucas reses e é moi difícil collelas", argumenta Bazal, que precisa que no monte quedaron sen capturar outras cen, aproximadamente. "E logo temos unha problemática, que é que vén moita xente axudar a cabalo que non coñece o monte e non se pon a disposición da organización. Van, moven todo e despois é moi difícil reunilas. Complican o traballo moito", admite.

O curro de onte foi presenciado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva; polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, entre outros. O luns ás 12.00 horas celébrase o terceiro e último curro do ano.

DOMINGO SEGUNDO CURRO RAPA (1)

Comentarios