Sanidade avisa de "comportamentos irresponsables" na hostalaría: "Xóganse o peche futuro"

Chama ás forzas e corpos de seguridade a ser "inflexibles" cos incumprimentos e a "redobrar os seus esforzos" ► A Policía Autonómica levantou 50 actas de infracción
Dous policías locais controlando o aforo dunha terraza. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Dous policías locais controlando o aforo dunha terraza. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avisou este sábado de que unha "cantidade moi considerable" de establecementos hostaleiros "non abriu coas condicións fixadas" polo que o seu "comportamento irresponsable" está "a pór en risco a todos". "Os que incumpren xóganse o peche futuro dos seus locais, pero tamén dos que están a cumprir as normas", sostivo. 

Nunhas declaracións difundidas pola Xunta aos medios, o conselleiro asegurou que están "francamente preocupados" por "como se está producindo a desescalada", especialmente neste sector, e lembrou que moitas familias "sufriron enormemente polo peche das últimas semanas", tanto hostaleiros como provedores. 

"Por iso, toda a hostalaría abriu as súas portas con ilusión e, en moitísimos casos, con responsabilidade para que nos locais e nas terrazas poidamos estar coa máxima seguridade", sinalou. 

O titular de Sanidade lembrou que "tanto no interior como no exterior deben de estar todas as mesas montadas" e que "só o 30% no interior e o 50% no exterior" deben estar habilitadas. "Isto favorece o control visual de todos, tanto de usuarios como dos propios hostaleiros e, ademais, garante a distancia de seguridade", sinalou. Tamén incidiu en que, nas terrazas, por cada mesa ocupada, debe de haber unha desocupada ao seu lado. 

"Así o falamos cos hostaleiros e así está recollido no DOG e, por tanto, é a norma", subliñou en consellerio, que pediu "responsabilidade" á hostalaría. "Ás asociacións, que insistan nesta mensaxe; e aos propietarios, que cumpran co que está pactado e é norma", apuntou. 

Neste sentido, tamén chamou ás forzas e corpos de seguridade a ser "inflexibles" cos incumprimentos e a "redobrar os seus esforzos". "Xogámonos moito no sanitario e no económico", indicou. 

Por último, apelou á responsabilidade dos cidadáns. "Que esixan eles tamén este cumprimento pola súa seguridade e que utilicen a máscara todo o intre, salvo no momento que van comer e a beber", pediu o conselleiro, que tamén lembrou que non se pode fumar nas terrazas. 

"Apoiamos aos locais e cidadáns que cumpren e aprememos e concienciemos a aqueles que non o están facendo", subliñou. 

A Policía Autonómica levantou 50 actas de infracción
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que esta fin de semana intensificarase a vixilancia para garantir que se cumpren as normas na desescalada ante "incumprimentos, algúns flagrantes", detectados durante a primeira xornada. 

"Este venres xa comprobamos que a pesar de que en xeral había un comportamento dos hostaleiros e dos clientes, que cumprían, tamén vimos incumprimentos, algúns flagrantes, que teñen que acabar", sinalou Rueda, segundo un audio remitido pola Xunta. 

Para acabar con estes comportamentos insistiu en que esta fin de semana haberá unha "intensificación da vixilancia" e advertiu de que non haberá dúbidas á hora de sancionar condutas que o merezan, xa que "pon en risco a saúde de todos". 

Destacou que tanto a policía local como o resto de axentes doutros corpos saben cales son as normas e están absolutamente comprometidos para garantir o seu cumprimento. 

Segundo indica a Vicepresidencia Primeira nun comunicado, os axentes adscritos á Policía Autonómica levantaron desde este venres 50 actas de infracción no marco do Plan de Hostalaría Segura.

Desde o vindeiro venres, ademais, será "obrigatorio" contar cun cartel nun lugar visible no exterior no que se informe da capacidade máxima do local e do aforamento e porcentaxe permitidos no exterior e no interior segundo a normativa vixente.

Comentarios