Sanidade lembra que hai máis parámetros para decidir restricións que o mapa da incidencia

As novas medidas dependerán do contexto de cada municipio
El conselleiro Julio García Comesaña. XOÁN REY
photo_camera O conselleiro Julio García Comesaña. XOÁN REY

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remitiuse ás decisións que adopte o comité clínico para establecer se se fixan novas restricións en máis municipios galegos ante a progresión dos casos de covid-19. 

"Farémolo noutras áreas se o contexto xeral, non só a incidencia acumulada, así o suxire", expuxo nunha visita, xunto ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ao servizo de Covid-Auto Escola, instalado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). 

Así, preguntado se se aplicarán medidas máis "duras" en municipios como Santiago de Compostela e Arteixo, que se atopan entre os concellos galegos no nivel máximo de alerta, o 3, precisou que os datos que se manexan para establecer as restricións inclúen "moitas variables" e "moitos parámetros". 

Entre estes, citou a incidencia acumulada, a trazabilidade dos casos ou a información que achegan as xerencias sanitarias e as xefaturas territoriais de Sanidade. 

"Os clínicos serán os que nos digan se temos que tomar algunha medida", expuxo o conselleiro, quen no caso das xa adoptadas en Ourense agradeceu á poboación o "cumprimento" das mesmas.

DEMANDAS EN ATENCIÓN PRIMARIA. Por outra banda, preguntado polas denuncias de persoal de Atención Primaria sobre a falta de recursos, admitiu que para a mesma é "un momento especial". "Hai que seguir traballando para que teñan máis ferramentas", recoñeceu o conselleiro. 

Sobre a posibilidade de contratación de máis facultativos, afirmou que "o problema" é que "non hai facultativos de Atención Primaria dispoñibles para ser contratados". "Poremos os recursos na nosa man como leva facendo", apostilou. 

En canto as denuncias de falta de persoal no centro de saúde de Cambados (Pontevedra), o conselleiro avanzou que está previsto abordar esta cuestión por parte do xerente desta área sanitaria, mentres que afirmou que a Xunta traballa en "solucións a curto, medio e longo prazo" para "mellorar o acceso" ao servizo de atención telefónica. "Solucións de moi curto prazo", recalcou.