viernes. 05.03.2021 |
El tiempo
viernes. 05.03.2021
El tiempo

A socialista Noelia Rodríguez é investida nova alcaldesa de Ridabavia

A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, toma posesión do bastón de mando ante o exalcalde César Fernández.BRAIS LORENZO (Efe)
A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, toma posesión do bastón de mando ante o exalcalde César Fernández.BRAIS LORENZO (Efe)
O PP tilda de "peregrina" a "escusa" de non ter aprobados os presupostos para sacar adiante a moción de censura

A socialista Noelia Rodríguez foi investida como nova alcaldesa de Ribadavia (Ourense) ao prosperar a moción de censura contra o rexedor do PP, César Fernández Gil, cos sete votos a favor do PSOE e de Ribeiro en Común, a abstención do BNG e o rexeitamento dos cinco edís populares.

A ausencia duns orzamentos municipais para o 2021 foi a motivación para levar adiante a moción de censura en Ribadavia contra o goberno popular, segundo manifestaron tanto socialistas como membros de Ribeiro en Común.

Un detonante que desde o Partido Popular describiron como "escusa peregrina" posto que, mentres Partido Socialista e Ribeiro en Común rexistraban as firmas para a moción de censura, a aínda concelleira de Facenda presentaba o orzamento municipal.

Durante o pleno da moción de censura ratificaron que ese foi o motivo principal sumado a "non lograr sacar adiante proxectos importantes para o Concello durante 2 anos" e "impedir que outros tivesen lugar como distintos talleres de emprego". Así, PSOE e Ribeiro en Común aseguraron que "após dous anos para porse de acordo, van gobernar xuntos por Ribadavia".

Na quenda de palabra do xa exrexidor César Fernández reiterou que se trata de "unha escusa", afirmando que as contas para o 2021 estarían aprobadas no pleno ordinario" que tería que celebrarse mañá". Deste xeito, aseverou que a moción é unha "incongruencia" que só "atrasará eses orzamentos, mínimo, un par de semanas".

Neste sentido, sentenciou que todo "se sustenta nun relato falso entre Ribeiro en Común e Partido Socialista, un relato que non queren que a realidade estragar". "O goberno que chegou até aquí debería irse como entrou, coa cabeza alta e sen estridencias, é o que imos facer, non como outros que se atopan preto e non poden dicir o mesmo", manifestou.

Ademais, instou ao Partido Socialista a realizar mocións de censura naqueles Concellos "nos que si gobernan e non teñen aínda un orzamento municipal" pondo por caso Manzaneda, Trives, San Amaro, Castro Caldelas e O Carballiño.

Pola súa banda, o até a data portavoz de Ribeiro en Común, Brais Fidalgo, censurou que se pon fin "ao baltarismo e cesarismo" e apelou a un goberno "coa humildade que lle faltou ao alcalde", asegurando que, "a pesar de non esperar nada del foi unha decepción importante e unha deriva caciquil que se dedicou a polarizar e dividir aos veciños".

Ignacio Gómez, do Partido Socialista, continuou as palabras de Ribeiro en Común e manifestou que "farán agora o imposible para que non volva posto que chegou a experiencia destes dous anos". 
Despois das alegacións, procedeuse á votación após a que saíu proclamada nova alcaldesa Noelia Rodríguez Traveso do Partido Socialista. Pola súa banda, será tenente de alcalde Paula González de Ribeiro en Común.

Despois de coller xuntas o bastón de mando a actual alcaldesa, Noelia Rodríguez, referiuse aos seus socios no goberno como "un mesmo equipo" e pediu que "das discrepancias saian acordos" instando á oposición "a traballar en positivo". Expuxo que asume o cargo "con honra de ser a primeira muller alcaldesa da vila, emoción, ilusión, respecto e paixón".

Así trasladou que "o primeiro" serán catro obxectivos fundamentais: os orzamentos sociais, reforzar os servizos sociais, a axuda á demanda de emprego e Ribadavia como destino turístico.

"Abordaremos as necesidades das persoas máis vulnerables, haberá un plan específico de infraestruturas, obras e servizos, reforzo de asuntos sociais e un plan de dinamización económica", destacou.

A socialista Noelia Rodríguez é investida nova alcaldesa de Ridabavia
Comentarios
ç