Sogama convoca un concurso de fotografía para enxalzar a riqueza paisaxística de Galicia

Os interesados en participar dispoñen de prazo ata o 22 de xuño para enviar as súas mellores instantáneas

Imagen concurso gallego

Baixo o lema 'Pon o teu obxectivo na natureza', e no marco do Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este martes 5 de xuño, Sogama convoca un concurso de fotografía ambiental co apoio da marca Galicia Calidade a través do que pretende enxalzar a beleza natural e paisaxística da nosa comunidade. 

O espírito do certame é precisamente mostrar, desde diferentes ángulos, contornas, perspectivas e visións, a diversidade das paisaxes galegas, poñendo en valor a súa riqueza estética e natural a fin de fomentar a conservación e protección das mesmas.

Os interesados en participar dispoñen de prazo ata o 22 de xuño para enviar á entidade as súas mellores instantáneas, que deben ser canalizadas a través dun formulario específico habilitado no sitio web www.sogama.gal, no que deixarán constancia dos seus datos persoais e outros tales como o lugar no que se realizou a fotografía, título da mesma, mensaxe a transmitir, etc. 

SORTEO E PREMIOS. A designación dos premiados efectuarase por sorteo, que terá lugar na propia sede da Sociedade Galega do Medio Ambiente en Cerceda e ante unha comisión designada aos efectos, estando conformada por un presidente, un secretario e dous vogais, todos eles membros da entidade.

O certame contempla tres galardóns, cedidos pola marca Galicia Calidade. O primeiro consiste nunha noite para dúas persoas no Hotel Nanín Praia Sanxenxo, incluíndo aloxamento e almorzo. O segundo, un xamón Torre de Núñez, e, o terceiro, un lote de viños e conservas certificados por Galicia Calidade.

A compañía publicará na súa páxina web, así como nas súas redes sociais en Facebook e Twitter, a resolución do concurso, poñéndose en contacto cos agraciados a través dos medios facilitados por estes. A entrega dos premios será realizada directamente por Galicia Calidade.

Comentarios