"Sumar Galicia non é a enésima refundación das mareas, é outra cousa, algo diferente"

Este xornalista, politólogo e profesor é o elixido por Yolanda Díaz para pilotar o lanzamento de Sumar Galicia. Convencido de que "só haberá cambio na Xunta" se está a súa papeleta, avanza nomes "moi relevantes" no proxecto, pero garda silencio do "candidato ou candidata".
Paulo C. López, portavoz de Sumar Galicia. AGN
photo_camera Paulo C. López, portavoz de Sumar Galicia. AGN

Como acaba Paulo Carlos López de voceiro de Sumar Galicia?
Eu veño da cultura política progresista, da esquerda, xa desde que tiña 17 ou 18 anos no movemento estudantil. Logo estiven emigrando varios anos en Ecuador, dando clase na universidade, e cando regresei en 2019 volvinme meter, con discreción, na política. Nas últimas xerais xa colaborei con Sumar e involucreime con todas as da lei. É unha evolución ata certo punto lóxica e froito dunha reflexión: Sumar Galicia é a síntese entre os valores progresistas e de esquerda e os valores de aspiración nacional, coa aposta pola plurinacionalidade.

En que fase está o partido agora?
O partido inscribiuse a semana pasada. Publicitouse a portavocía, a semana que vén imos publicitar a comisión promotora, que incluirá nomes do eido político, sindical, académico... E que incorporará tamén unha pata cidadá, xa que Sumar Galicia que trascender os lindes dos espazos políticos convencionais. E desa comisión promotora nacerá una permanente para o día a día orgánico e que fixará as condicións para afrontar os retos que temos por diante.

E o candidato para cando?
No tema da candidatura hai que completar uns pasos previos. O primeiro é seguir tecendo un proxecto de país a través de achegas que fai a sociedade civil, para elaborar un programa feminista, verde e alternativo para Galicia. E en segundo lugar, ten que haber un proceso de escoita onde territorialmente vaian xurdindo homes e sobre todo mulleres que sexan quen de encabezar o proxecto. De aí sairá o candidato ou candidata á Xunta, tras un procedemento de escoita regrado e democrático.

Será vostede candidato?
Imos facer primeiro ese proceso de escoita do que sairá.

Xa saíron nomes: Teresa Táboas, Martiño Noriega, Marta Lois...
Saíron moitos nomes pero é moi precipitado. Sabemos os tempos e as circunstancias, pero a persoa candidata terá o refrendo do conxunto do espazo e vai ser unha candidatura referencial.

Xa que fala de tempos, cando cre que serán as eleccións galegas?
Polo que se intúe e se di haberá adianto electoral, que nos pode situar nunha tesitura de acudir ás urnas en marzo. Nós, como organización política, estamos xa preparados tanto no deseño do programa como na capacidade de mobilización política para ofrecer unha alternativa ao PPdeG. Polo que escoito e polos datos que manexamos, se Sumar Galicia está nesas eleccións, haberá cambio na Xunta, porque somos quen de mobilizar ese electorado abstencionista e feminino. E dígoo con total convición.

Precisamente Sumar pode animar ese electorado de esquerda que queda na casa nas autonómicas, pero tamén pode dividir o voto.
Ese relato de que pode restar ou dividir a esquerda eu non o compro. Os datos postelectorais das xerais amosan que unha gran porcentaxe de persoas ou apostaban por Sumar en Galicia ou quedaban na casa. É unha forza capaz de mobilizar electorado que non mobilizan o resto de forzas, e por iso creo que en Galicia, realmente, sumamos. E logo temos un marco de acción política que apela moito á muller. Nas anteriores autonómicas, desde 2009, non houbo posibilidade de cambio en Galicia: pero agora hai un actor novidoso e, con datos na man, ese cambio é posible.

Non compro o relato de que dividimos o voto de esquerda; Sumar é a única forza que move certo electorado abstencionista

Vaise presentar Sumar Galicia nas catro provincias?
Si, en toda Galicia.

Aquí está demasiado recente a experiencia de En Marea entre o electorado. Pode penalizalos?
Eu non estiven en En Marea pero podo asegurar que Sumar é outra cousa. Pode haber persoas que compartiran experiencias políticas previas, pero Sumar Galicia non é a enésima refundación das mareas, é distinta. Un proxecto que a nivel de Estado lidera Yolanda Díaz que fai política útil cun elemento novidoso: abandonar o ruído político e revalidar as políticas públicas que chegan á cidadanía. Aí está a suba do salario mínimo, o escudo social... Tamén en Galicia se poden facer esas políticas, por exemplo en industria, que é competencia da Xunta pero onde desde 2009 perdemos 40.000 empregos. E defendemos un autogoberno con máis competencias.

EU e Podemos están dispostos a unha coalición. Está xa falado?
Estamos en diálogo con Podemos e EU para concorrer conxuntamente, pero non hai acordo pechado. Tamén Equo amosou interese.

Queda excluída Anova?
Non, non! Xa tivemos contactos informais. Ofrecemos o marco amplo de Sumar a todas as forzas que se sintan a gusto nun proxecto progresista e plurinacional.

A política estatal está alterada. Como pode influír en Galicia?
No Estado viuse o fracaso do modelo político do PP de Feijóo e en Galicia os seus herdeiros ven que é posible que remate o seu ciclo. Hai unha oportunidade de cambio e a existencia dun Goberno progresista no Estado axudará.

Comentarios