domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

Supendido de novo Luciano Méndez, o profesor máis polémico da USC

Luciano Méndez e unha captura da denuncia pública da alumna da USC. EP
Luciano Méndez e unha captura da denuncia pública da alumna da USC. EP
Tal e como adiantabamos este martes e como xa sucedeu noutra ocasión, unha alumna denunciou o docente por unha referencia ao seu escote durante unha clase

O profesor da Universidade de Santiago (USC) Luciano Méndez foi suspendido de novo das súas funcións por facer referencia nunha clase ao escote dunha alumna como na anterior ocasión na que fora sancionado polos mesmos feitos. 

Así o confirmaron a Europa Press fontes da USC, que explicaron que o reitor da USC, Antonio López, acordou a suspensión de funcións deste profesor que "non pode exercer a función docente". 

Ao mesmo tempo iniciouse un expediente sancionador en relación aos feitos denunciados por unha alumna de Luciano Méndez. En caso de ser sancionado, sería a segunda ocasión xa que fora suspendido por alusións ao escote doutra estudante. 

Luciano Méndez, coñecido ademais por unha serie de vídeos colgados en redes sociais nos que apoiaba a La Manada e criticaba a vítima, foi detido o pasado mes de maio por un suposto delito de violencia machista. 

En xuño do ano pasado, Luciano Méndez fora arrestado logo de agredir a dous axentes da Policía Nacional nun altercado en relación co vehículo do profesor, cando un policía lle foi a advertir de que non se podía aparcar na zona da comisaría e que os mandos a distancia dos vehículos non funcionan polo inhibidor. 

Entón, Méndez Naya foi detido pola Policía Nacional polos delitos de lesións e atentado á autoridade tras agredir a dous axentes deste corpo policial, que resultaron feridos. 

EXPEDIENTE. No seu día, ademais, a USC abriu un expediente informativo a Luciano Méndez Naya, quen, pola súa banda, reafirmouse nas súas declaracións de apoio a La Manada en vídeos colgados en redes sociais. 

O expediente informativo aberto pola USC foi remitido a Fiscalía para pescudar se das súas declaracións podían derivarse actuacións penais. No entanto, non se impuxo ao docente ningunha sanción, xa que as consideracións foron feitas nun marco privado. 

Con todo, xa foi sancionado anteriormente con dous meses sen emprego e soldo por facer comentarios sobre o escote dunha alumna en clase, feitos similares aos denunciados esta semana por outra estudante. 

Despedimento disciplinario ou traslado forzoso
O proceso disciplinario polas accións do profesor Luciano Méndez dará comezo de inmediato. A Universidade de Santiago de Compostela xa suspendeu preventivamente ao docente das súas funcións na facultade, que terá que afrontar unha nova investigación e unha máis que probable sanción debido á intencionalidade e a reincidencia dos feitos denunciados contra el. 

No caso de que isto se formalice sería a segunda sanción imposta na súa contra por alusións públicas á vestimenta e ao escote dunha alumna durante unha clase. Unha situación que, como recoñeceu este mércores o reitor da USC, Antonio López, supón unha conduta e uns feitos "moi graves" e "que hai que tratar de erradicar desta universidade". 

O responsable da institución académica non quixo entrar nas sancións concretas ás que se podería enfrontar o profesor, pero si que estas están tipificadas no Estatuto Básico do Empregado Público. 

A normativa recoñece as faltas disciplinarias como moi graves, graves ou leves, e a partir de aí detalla diferentes sancións que poderían aplicarse en función do grao da infracción cometida. Entre elas, a separación do servizo dos funcionarios ou o disciplinario do persoal laboral, que só poderá sancionar a comisión de faltas moi graves e comportará a inhabilitación para ser titular dun novo contrato de traballo con funcións similares ás que desempeñaban. 

Outras sancións implicarían a suspensión firme de funcións, ou de emprego e soldo no caso do persoal laboral, cunha duración máxima de 6 anos; traslado forzoso, con ou sen cambio de localidade de residencia, polo período que en cada caso se estableza; demérito, que consistirá na penalización a efectos de carreira, promoción ou mobilidade voluntaria, entre outras.

O alcance de cada sanción establecerase tendo en conta o grao de intencionalidade, descoido ou neglixencia que se revele na conduta, o dano ao interese público, a reiteración ou reincidencia, así como o grao de participación. 
 

Supendido de novo Luciano Méndez, o profesor máis polémico da USC
Comentarios