martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

Tellado non aclara se o PPdeG pactará con Vox nas municipais porque "non existe en Galicia"

Miguel Tellado. P. FERRÍN
Miguel Tellado. P. FERRÍN

Pide "respectar" os procesos electorais na comunidade, onde goberna a "estabilidade" do PP por "non deixarse levar por extremismos" 

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, evitou aclarar se os 'populares' pactarían con Vox nas próximas eleccións municipais en Galicia porque o partido de Santiago Abascal —apuntou— "non existe" na comunidade. Nunha rolda de prensa ofrecida este venres, o número dous do PP galego, respondendo preguntas dos xornalistas, pediu "non falar de supostos que non existen", á vez que asegurou que ese escenario "non se dá nin se vai dar". 

"Esa situación non se dá grazas a que o PP ten sido unha fórmula eficaz contra o nacionalismo en Galicia. (...) Sigamos confiando no PP, que foi capaz de parar o nacionalismo, de defender os intereses xerais de Galicia e de que Galicia non fose un terreo de confrontación", manifestou. E é que, tras o resultado das eleccións autonómicas en Andalucía o pasado domingo, nas que Vox conseguiu ter representación nunha institución lexislativa por vez primeira, Tellado apuntou á "responsabilidade" do PSOE do crecemento deste partido, porque "se apoia en extremistas para gobernar España".

O PP "NON SE DEIXA LEVAR POR EXTREMISMOS". No lado oposto, Tellado situou a Galicia, onde "goberna un partido que reivindica que ser galegos e españois forma parte da mesma identidade". Así, celebrou que o PP goberne na Comunidade cunha "estabilidade que non se deixa levar por extremismos". 

"En Andalucía, os andaluces votaron libremente e cada un votou o que quixo. Hai que respectar a quen votou a Vox, como punto de partida esencial", manifestou, para despois asegurar que "a formulación" é que o resultado dos comicios "marcou un desexo amplamente de cambio", despois de que o PSOE-A de Susana Díaz caese en 14 escanos. 

Por tanto, Tellado apelou a "respectar" os resultados electorais, tanto en Andalucía como en Galicia e, insistindo sobre un hipotético acordo con Vox, asegurou que o PP mantén "un pacto cos galegos". "Quédense con que, en Galicia, ese escenario non se dá nin se vai dar", sentenciou.

"NON VE UN CAMBIO DE POSTURA" NO PP NACIONAL. Así mesmo, cuestionado sobre se o discurso do presidente do PP nacional, Pablo Casado, durante a campaña electoral en Andalucía se corresponde co dunha dereita moderada, o secretario xeral dos 'populares' galegos respondeu que "non hai un cambio de posición ideolóxica". 

"Non se pode confundir a vehemencia e a claridade coa que un fala coa modificación de posicións ideolóxicas. O PP está onde sempre estivo, defendendo o que sempre defendemos", continuou Tellado, para dicir que "non ve un cambio de postura".  Ademais, asegurou que "o Pablo Casado "de antes da moción de censura e o Pablo Casado de despois da moción de censura" é "o mesmo". A continuación, criticou que "o que cambiou é Pedro Sánchez". 

Así, ao seu modo de ver, "a ciencia debería estudar" o caso do secretario xeral do PSOE e actual líder do Executivo central, quen —en palabras de Tellado— é "o exemplo de renovación celular nun período de tempo cortísimo". "Ao acceder a Moncloa é un home novo que nin sequera defende o que defendía antes nin é capaz de criticar o que criticaba antes", esgrimiu. 

Tellado non aclara se o PPdeG pactará con Vox nas municipais porque...
Comentarios