Tensión tras chancear unha deputada do PP cun cadro dedicado a Bóveda, avó de Ánxeles Cuña

A deputada de En Marea cualificou de "indignante" que se utilice ese cadro sobre o intelectual pontevedrés para falar de Podemos

Un fragmento de 'A derradeira lección do mestre'. DP
photo_camera Un fragmento de 'A derradeira lección do mestre'. DP

O pleno da Cámara galega viviu na tarde deste mércores un tenso debate despois de que unha deputada do PPdeG, Teresa Egerique, chancease sobre un cadro de Castelao, A derradeira leición do mestre, dedicado ao intelectual galeguista Alexandre Bóveda, que é avó da parlamentaria de En Marea Ánxeles Cuña. 

"A verdade é que este cadro é impoñente e impresionante, ten dous metros de alto e, para facer unha broma, quedaría moi ben en paredes de grandes chalés como o que teñen algúns dirixentes políticos", manifestou a Egerique durante nunha intervención na que fixo varias referencias ao "chalé de Galapagar" do líder de Podemos, Pablo Iglesias. 

Esta afirmación tivo lugar durante unha pregunta que a deputada popular formulaba ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Unviersitaria, Román Rodríguez, sobre a exhibición en Galicia, a partir do próximo mes de outubro, deste cadro propiedade do Centro Galicia de Buenos Aires.

Na súa intervención previa, Egerique destacara a importancia deste cadro que representa o pranto de dous nenos ante o cadáver do seu mestre. 

"Ese cadro, A derradeira leición do mestre, está dedicado ao meu avó. Pediría un pouco de respecto, non temos amnesia, temos memoria", respondeu Ánxeles Cuña, que xusto interviña ao finalizar a pregunta sobre a obra de Castelao. 

A deputada de En Marea cualificou de "indignante" que unha deputada do Partido Popular "utilice este cadro" para dicir que "podería estar nun piso" coa "transcendencia que ten". "Chámano o Gernika galego, por algo será", manifestou Ánxeles Cuña, que pediu "recuperar o ton" na Cámara.

INTERVENCIÓN DO CONSELLEIRO. Ante estas palabras, o conselleiro, que ía dar resposta a unha pregunta sobre o Centro Dramático Galego, asegurou ser consciente dos "tráxicos sucesos" que o franquismo supuxo polo que destacou que o seu departamento "sempre expuxo" a exhibición deste cadro en Galicia como "unha oportunidade para ser conscientes do pasado". 

"Hoxe temos unha oportunidade para ser conscientes, como país, de que houbo momentos que oxalá non pasaran", manifestou. 

Este debate deixou nun segundo plano a pregunta formulada por Cuña, que criticou a "tendencia burocratizante" que, na súa opinión, está a adquirir en Centro Dramático Galego (CDG), cuestión á que Román Rodríguez replicou asegurando que este centro forma parte da estrutura pública polo que "está sometido a criterios de regulación pública". Pola súa banda, a deputada avanzou que volverá levar esta cuestión á Cámara.

CONSULTAS DE PODEMOS. Xusto con anterioridade, o deputado do PPdeG Miguel Tellado aproveitou unha pregunta no mesmo pleno sobre o aeródromo de Rozas, en Lugo, para ironizar sobre as consultas ás bases que estes días desenvolven Podemos tanto no ámbito estatal como En Marea, en Galicia. 

Este feito motivou unha queixa ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, por parte do portavoz de En Marea, Luís Villares, quen tamén fora aludido por Tellado por unha recente visita a Rozas. 

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, limitouse a destacar, durante as súas dúas quendas de resposta, que neste aeródromo o que hai son "realidades" e "feitos", con empresas "traballando", desenvolvendo iniciativas de I+D e xerando postos de traballo. 

Comentarios