Traballadores de Alu Ibérica piden a implicación das administracións ante o paro na actividade

Recorda que a produción de aluminio foi declarado sector estratéxico durante a pandemia
Participantes en la marcha de este sábado en A Coruña por el futuro de Alu Ibérica. EFE
photo_camera Participantes en la marcha de este sábado en A Coruña por el futuro de Alu Ibérica. EFE

Os traballadores de Alu Ibérica na Coruña reclamaron ás administracións central e autonómica que se impliquen no futuro da factoría despois do cesamento de actividade decretado o venres polo administrador xudicial designado pola Audiencia Nacional para a antiga planta de Alcoa.

O peche temporal non colleu por sopresa aos empregados da fábrica, como apuntou en declaracións aos medios este sábado o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, que asegura que a actividade está interrompida "na súa totalidade" desde principios do mes de xullo.

"Alí non se produce nada. A xente ía ao seu posto de traballo pero sen actividade algunha", incidiu López Corbacho, que responsabiliza aos antigos xestores da planta da situación da factoría, onde "non hai materia prima" e existen falta de pagamentos aos provedores.

Isto derivou nun contexto de falta de seguridade para os traballadores dentro da planta, polo que o administrador xudicial decide interromper de forma temporal a actividade na factoría, á que unicamente acudirán os empregados dos servizos de seguridade e vixilancia.

E é que, como advertiu López Corbacho, "entrar na planta pode implicar unha posta en risco dos traballadores", polo que manifestou que os empregados comprenden a decisión do administrador xudicial.

"O que nos preocupa é ver a planta inactiva e que nestes momentos non se estean poñendo as medidas necesarias para pola en marcha canto antes", engadiu o líder sindical, que instou ás administracións a porse "ao lado" dos traballadores para que a factoría recupere a súa actividade.

López Corbacho lembrou que a produción de aluminio foi declarado como sector estratéxico durante a pandemia, o que levou a sentenciar que tanto o Goberno central como o galego deben facer "todo o necesario para activar a planta".

Neste sentido, apuntou que o prezo da tonelada de aluminio "incrementouse moitísimo" durante os últimos meses e alcanza os 2.500 dólares, polo que cre que, coa axuda dos gobernos, a factoría tería futuro.

"Necesitamos que, dos provedores aos clientes, nos boten unha man. Pero sobre todo quen ten que aparecer ao noso lado son as administracioes para pornos a producir. É a única maneira en que imos aguantar até o final", apostilou. 

Comentarios