O túnel da Cañiza reabre tres meses despois do incendio do camión

Os traballos de reparación dos danos causados polo lume costaron máis de 2,4 millóns de euros
Camión en llamas en el túnel de A Cañiza. CEDIDA
photo_camera Camión en llamas en el túnel de A Cañiza. CEDIDA

O túnel do Folgoso (A Cañiza) na autovía A-52, que conecta Galicia coa Meseta, reabrirá ao tráfico este venres, segundo confirmou o delegado do Goberno, José Miñones, que lembrou o compromiso do ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de poñelo de novo en servizo antes de finalizar o mes de abril. 

Nunha rolda de prensa, após manter un encontro co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e en resposta a preguntas dos medios, o delegado do Goberno lembrou que xa na reunión entre Ábalos e Feijóo "trasladouse a problemática do túnel da Cañiza" e houbo un "compromiso" por parte do Ministerio de reabrilo antes de final de mes. 

Respecto diso, Miñones avanzou que haberá un acto este venres con motivo da reapertura desa infraestrutura en sentido Ourense, tres meses despois do seu peche, no que "se explicará a complicación técnica das obras" necesarias para poder habilitalo de novo. 

De feito, o Goberno aprobou este martes en Consello de Ministros o acordo polo que se tomaba razón da declaración de emerxencia das obras de reparación dos danos ocasionados no túnel do Folgoso. 

Os traballos tiveron que realizarse para reparar os danos rexistrados como consecuencia do incendio sufrido por un camión o día 25 de xaneiro de 2021 no punto quilométrico 280+720 (na marxe esquerda) da autovía A-52, e para emendar unha situación de grave perigo. O importe das obras ascende a 2.407.661,18 euros. 

Comentarios