Escenarios ao volante para coñecer Galicia

Coa Semana Santa ás portas a Axencia de Turismo de Galicia, dependente da Xunta de Galicia, pon a disposición de todas aquelas persoas que queiran gozar percorrendo a comunidade ata 25 rutas polas mellores paisaxes baixo o título ‘Escenarios ao volante’ para facer en coche
Cabo Home. TURISMO DE GALICIA
photo_camera Cabo Home. TURISMO DE GALICIA

En Galicia podemos subir ás montañas do macizo de Pena Trevinca que superan os 2.000 metros, navegar polos canóns do río Sil ou do río Miño, perdernos nas praias case desertas da Costa da Morte, de Ortegal ou da Mariña Lucense ou mesturarnos cunha natureza feraz percorrendo os bosques do Courel ou dos Ancares. Podemos sentarnos a sentir a vertixe de cantís case verticais que superan os 600 metros de altura de caída sobre o mar, ou acubillarnos en mornos vales; e aproveitar a riqueza pesqueira dunhas rías que acugulan os sentidos coa súa beleza.

Para gozar destas paisaxes únicas a Axencia de Turismo de Galicia propón 25 rutas para percorrer en coche a comunidade baixo o título Escenarios ao volante. Un plan perfecto para a Semana Santa.

De Cabo Udra a Cabo Home

A ruta entre cabos conecta os espazos naturais do extremo sur da ría de Pontevedra cos do extremo norte da ría de Vigo. O percorrido pola fachada continental atlántica da península do Morrazo non perde de vista o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Entre medias un fantástico itinerario costeiro que inclúe a ría de Aldán e condensa os valores representativos das Rías Baixas: natureza, bo clima e praias.

O Cabo Udra (Bueu) é un es pazo natural localizado no extremo sur da ría de Pontevedra, compartindo a entrada coa ría de Aldán e fronte á Illa de Ons. Polos seus valores naturais foi declarado Zona Especial de Conservación e forma parte da Rede Natura 2000, contando cunha Aula da Natureza.

Partindo deste punto, o itinerario transcorre por zonas poboadas, na típica imaxe das Rías Baixas como lugar residencial. Entre plantacións forestais, chégase a Aldán (Cangas), terra de mariñeiros e padexeiros.

A viaxe continúa ata O Hío que ten como centro a súa igrexa co espectacular cruceiro que lle da sona. Dende este punto un desvío diríxenos cara a Costa da Vela, pasando preto de recomendables praias como Nerga ou Barra.

A chegada a Donón introdúcenos no último tramo do percorrido. O punto de referencia é A Buguina, fermosa escultura en forma de caramuxo obra de Lito Portela.

No caso de contar con tempo recomendamos subir ao monte do Facho. O acceso, por unha vella calzada de pedra, leva a un auténtico miradoiro natural sobre as illas Cíes. A ruta lévanos finalmente ata Cabo Home, o lugar máis preto das Illas Cíes.

De Ribadeo ao Pico da Frouxeira

Praia das Catedrais
Praia das Catedrais. AEP

Unha segunda ruta percorre o litoral de Ribadeo e Barreiros que conta cun rico patrimonio e a presenza de vilas senlleiras como Rinlo e Ribadeo. A Mariña Oriental de Lugo conta cun dos litorais máis singulares de Galicia. A ampla chaira costeira configura un espazo no que se asentan aldeas e vilas, campos de cultivo e montes. As amplas vistas ao mar Cantábrico mostran unha sucesión de areais, tendo na praia das Catedrais o seu principal referente. Un pouco máis adiate atopamos a vila de Ribadeo.

O río Eo fai de límite entre Galicia e Asturias, unidas simbólica e fisicamente pola Ponte dos Santos. Moderna e funcional, a ponte une as ribeiras dende 1987, contando con senllas capelas en cada extremo (San Román en Castropol, San Miguel en Ribadeo) que explican a súa denominación.

A Mariña Oriental é unha comarca que conta con interesantes espazos naturais para a observación de aves. A combinación de augas doces e salgadas das rías de Ribadeo e Foz proporcionan hábitats que acollen unha importante diversidade de especies.

O itinerario está en contacto co mar dende o punto de inicio Vistas de Cabo Udra, Cabo C e da Praia das Catedrais. turismo de galicia no Peirao de Porcillán, a carón do porto deportivo de Ribadeo. Tras pasar por baixo da Ponte do Santos, a denominada Estrada do Faro lévanos, ao pouco cara a primeira parada obrigada: o Castelo de San Damián e o Cargadoiro. O primeiro é un forte do século XVIII que protexía a ría de Ribadeo, declarado Ben de Interese Cultural no ano 1994. O segundo é un antigo cargadoiro de minerais creado a comezos do século XX para darlle saída ao ferro das minas de Vilaodriz, unidas por tren co peirao.

Seguindo a costa, un curto desvío leva cara o vello faro de Illa Pancha, edificado no 1857. O percorrido prosegue entre os campos da chaira litoral até chegar a Rinlo, un dos núcleos de poboación senlleiros da costa galega.

Seguindo a rentes do mar achegámonos ás praias de: Os Castros, As Illas, Esteiro… que deixan paso á máis coñecida de todas elas, As Catedrais, cos seus famosos arcos de pedra.

Do faro de Fisterra ao miradoiro do Ézaro

Fisterra será o inicio dunha fermosa ruta que bordea o litoral, pasando por lugares míticos da Costa da Morte: Corcubión, Cee, a fervenza do Xallas… e un espectacular final no miradoiro do Ézaro, a carón do monte Pindo, o olimpo sagrado.

Dende o punto de vista xeográfico, Fisterra é un exemplo categórico do que é un cabo. Unha longa península que remata nun potente promontorio no que se situou o faro no ano 1853. No 1888 foi engadido un sinal acústico que, pola similitude do seu son, pasou a ser coñecido como a vaca de Fisterra.

Saíndo da vila, un desvío levaranos cara a Redonda e o cabo Cee, de fermosas vistas e onde se sitúa o faro coñecido como faro de cabo C. Tralo paso polo Castelo do Cardeal, construído no século XVII, achegámonos a Corcubión. A ruta prosegue ata O Ézaro, un núcleo pequeno, labrego e mariñeiro. As súas praias de augas azul intenso conviven con dous colosos, a inmensidade do Pindo e o cabo Fisterra no horizonte. Á altura da ponte do Ézaro, un novo desvío dirixe o percorrido cara á fervenza do Xallas.

O miradoiro do Ézaro ofrece unha ampla panorámica: cara o sur, o Pindo, coa súa sucesión de cristas graníticas, cara o oeste, en primeiro termo, a desembocadura do Xallas coa súa última volta e ao lonxe, o cabo Fisterra e a inmensidade do Atlántico.
 

Outras rutas | Mar infinito
Entre as 25 rutas que propón Escenarios ao volante atópanse englobadas en Mar infinito outras opcións para coñecer a costa galega, entre elas a que vai desde o Porto de Espasante ao Faro de Estaca de Bares, de e Cedeira a cabo Ortegal, o a que vai desde o castelo da Palma ao castelo da Nogueirosa e que percorre o Golfo Ártabro, un arco marítimo no que se inclúen as rías da Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol. Máis información na web de Turismo de Galicia. https://www.turismo.gal.

Comentarios