Un ano de Mancomún

Mancomún cumpre o seu primeiro ano de vida como difusor do código aberto na comunidade galega. A iniciativa, impulsada pola Dirección Xeral de Promoción e Sociedade da Información (DXPSI), naceu para promover e difundir o software libre en Galicia, e tamén para artellar as diferentes iniciativas que neste senso existen na nosa comunidade.

Neste ano de actividade, Mancomún coordenou a localización de programas ao galego para que calquera usuario poida dispor "dun computador totalmente libre e en galego". Xa están dispoñibles na nosa lingua o navegador web Firefox e as aplicacións ofimáticas de OpenOffice.org, e estase a traballar nas localizacións do escritorio Gnome,  o xestor de correo electrónico ThunderBird, ou o programa de mensaxería instantánea Pidgin.

A Iniciativa polo Software Libre ten como obxectivos estratéxicos consolidar unha comunidade tradutora que continúe no camiño de localizar programas de código aberto ao galego, e conseguir desenvolver unha industria local de software competitiva. E isto pasa por conseguir que os programas non propietarios ofrezan solucións adaptables e coñecidas polos usuarios en todos os ámbitos: dende a xestión das PEMES, o ensino, a Administración electrónica e a informática doméstica.

Comentarios