Un cento de mulleres, integrantes de varias asociacións que traballaron na elaboración da Lei contra a Violencia de Xénero, acudiron hoxe ao Parlamento para asistir ao debate e aprobación deste texto lexislativo. Era o cumio de meses de traballo "un día histórico", segundo elas.
O debate plenario rematou co consenso dos tres grupos políticos a favor da lei e cunha grande ovación que emocionou ás asistentes. A presidenta da Asociación de Empresarias de Ferrol, Ana Armada, lembrou o arduo traballo e esforzo común que foi necesario para sacar adiante esta lei.
Pese á satisfacción pola aprobación desta medida, as representantes dos colectivos de mulleres lembraron que aínda queda moito camiño por andar na loita contra a violencia machista.
A presidenta da Asociación de Mulleres contra os malos tratos de Vigo, Josefa Martínez, recalcou que aínda hai algo pendente, unha lei estatal que contemple o maltrato como terrorismo, para que non se produzan reducións de condena nin conmutacións de pena, posto que de momento "a un home sáelle moi barato matar unha muller".
A voceira desta mesma asociación, Rosa Fontaíña Pazos, amosou tamén a súa satisfacción pola aprobación desta norma, ao tempo que avogou pola implicación de toda a cidadanía e pola prevención como os eixos da loita contra a violencia machista.