Sábado. 21.07.2018 |
El tiempo
Sábado. 21.07.2018
El tiempo

Unanimidade no Hórreo para pedir o inicio da reclamación xudicial de Meirás

Ana Pontón recibe aos 19 de Meirás no Parlamento. PEPE FERRÍN
Ana Pontón recibe aos 19 de Meirás no Parlamento. PEPE FERRÍN

As discrepancias sobre usos e unha posible indemnización non impediron chegar a acordo: "Non deixemos morrer esta oportunidade" 

Todos os grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia acordaron urxir á Xunta que proporcione a documentación necesaria e inste ao Goberno a que inicie as accións legais para a recuperación do Pazo de Meirás, coa vontade expresa de que isto non supoña "un novo custo para o pobo de Galicia". 

O acordo unánime naceu a raíz de tres proposicións non de lei presentadas polos grupos de PPdeG, En Marea e BNG neste sentido e que, tralo diálogo entre as formacións, levaron a un único texto consensuado. 

Na proposición aprobada, en Parlamento recoñece o traballo realizado "desde fai anos" por historiadores, asociacións de memoria histórica, Xunta pro Devolución do Pazo e outras institucións na recuperación deste ben patrimonial. 

Do mesmo xeito, insta á Xunta a "remitir urxentemente" o informe elaborado pola Comisión de Expertos ao Estado, "coa petición de que se realicen as accións legais" necesarias para reintegrar o Pazo de Meirás "ao ámbito dos bens de dominio público da Administración Xeral do Estado", como propón este informe. 

A maiores, solicita que a Xunta se adhira a esta acción legal en canto sexa exercida e expresa a súa "vontade" de que a recuperación deste ben para o patrimonio público "non implique un novo custo".

APOIO Á UNANIMIDADE. Malia que as iniciativas tocaban aspectos diferentes, desde os grupos apelouse reiteradamente durante o debate á necesidade de alcanzar un acordo de unanimidade que permitise fixar unha postura galega na materia. 

"Non deixemos morrer esta oportunidade, sería unha deslealdade coa xente que pelexou por iso", dixo, durante a súa intervención, o deputado de En Marea Antón Sánchez, que afeou esta "infamia" que "dura xa varias décadas" e destacou que "hai acordo no fundamental" malia as "diferenzas de matiz". 

A "entrega do Pazo de Meirás" foi, para o deputado, un "expolio organizado polas autoridades e membros da contorna franquista", algo que, segundo as súas palabras, require o apoio de todos os representantes públicos para "recuperar para o pobo a dignidade e os bens roubados". 

Na mesma liña, a deputada nacionalista Ana Pontón confiou, antes de chegar ao acordo, en que todos os grupos políticos soubesen "estar á altura do reto" suscitado para a recuperación de Meirás. 

O deputado popular Pedro Puy foi o que fixo máis fincapé na necesidade de que o acordo que se aprobase na sesión deste mércores contase co apoio unánime dos grupos, algo que, na súa opinión, demostraría "a superioridade moral da democracia sobre a ditadura". 

"O pazo de Meirás debe volver ao patrimonio público porque nunca deixou de ser público", dixo o deputado socialista Xoaquín Fernández Leiceaga durante a súa intervención no debate, na que eloxiou o carácter "plural" e "técnico" do informe da Comisión de Expertos e garantiu "todo posible para alcanzar o consenso" que, finalmente, se produciu.

INDEMNIZACIÓN. Un dos puntos discordantes do debate foi a posibilidade de que a demanda civil suscitada para recuperar este ben abra a porta a indemnizar aos herdeiros do dictador, algo que suscita o informe da comisión de expertos impulsada polo Goberno galego. 

Neste sentido, Antón Sánchez opúxose de pleno a que a iniciativa contemplase esta posibilidade, xa que considerou que se trata de anticipar a situación, á vez que apostou por que a recuperación se faga "sen custo para as arcas públicas". 

"¿Para que anticipar esa conclusión? Se un xuíz logo estima a demanda e fixa unha indemnización, xa se verá o que se fai", dixo Sánchez. 

Na mesma liña, Ana Pontón considerou que esta indemnización sería unha "humillación" que "houbese algún tipo de indemnización" por "devolver o roubado". 

"Si o acordo é que indemnicemos á familia Franco, non imos estar nese acordo", dixo a deputada do BNG, que esixiu que a recuperación deste ben "non teña ningún tipo de novo custo para o pobo galego, que xa o asumiu no seu momento". 

Sobre esta cuestión, Xoaquín Fernández Leiceaga tamén recordou que neste caso será "un xuíz" e "un procedemento xudicial" os que decidan "si vai haber unha indemnización", tralo que indicou que non está "a favor da incautación de bens, si non de seguir as regras". 

Para concluír, o PPdeG, en voz de Pedro Puy, defendeu a mención á posibilidade de indemnización aos Franco alegando a necesidade de recordarlle ao Goberno que "contraponga os custos" que supuxo para as arcas públicas este patrimonio no caso de que un xuíz estableza algún tipo de compensación. 

No entanto, os grupos acordaron finalmente expresar a vontade de que non exista un custo para os galegos neste proceso.

INFORME DA DIPUTACIÓN. Durante o debate, os grupos da oposición reclamaron tamén que, ademais do informe de expertos encargado pola Xunta, remitísese ao Goberno central o estudo realizado pola Diputación da Coruña, mentres que o PPdeG aferrouse ao realizado a iniciativa do Goberno galego. 

Do mesmo xeito, tanto En Marea como BNG reclamaban que se incluísen no acordo parlamentario os posibles usos futuros do Pazo de Meirás, que vincularon á Memoria Histórica. 

Nesta liña, Ana Pontón rexeitou que o espazo poida converterse en "un circo" e reivindicouno para a "recuperación da Memoria Histórica", mentres que Antón Sánchez expresou a "vontade de converter Meirás nun símbolo democrático e destinado a usos públicos centrados na Memoria Histórica galega". 

Sobre esta cuestión, Pedro Puy pediu aprazar estas consideracións ata que haxa unha decisión sobre a titularidade. "Oxalá teñamos que debater os usos", dixo.

OS 19 DE MEIRÁS. Na proposición presentada polo BNG incluíase ademais unha reclamación expresa para que o Parlamento galego reclamase ao Estado a "ilegalización" da Fundación Francisco Franco. 

Ana Pontón recordou na súa intervención que "o fascismo é incompatible coa democracia" e considerou a existencia desta fundación "unha aberración democrática". "É feriente para a democracia, para as vítimas e para a dignidade do país", explicitou. 

Do mesmo xeito, o BNG pediu que o Parlamento "mostre a súa solidariedade" coas persoas que "están sendo perseguidas" pola familia Franco a raíz dun acto "democrático", en referencia aos 19 militantes denunciados por ocupar o Pazo de Meirás. 

O representante de En Marea tamén se mostrou de acordo con esta petición e apuntou que si tanto o proceso contra estas persoas como a recuperación do Pazo "non saen así, o que haberá que concluír é que esta lexislación non é xusta". 

Pola súa banda, o deputado popular Pedro Puy rexeitou "mollarse" nunha cuestión que "está sub iudice". No entanto, deixou ver o apoio a esta reivindicación. "O Partido Popular, nun preito, está cos que foron ao Pazo de Meirás e non coa familia Franco, non teña dúbida", respondeu a Pontón. 

Finalmente, as peticións do BNG votáronse por separado e foron rexeitadas coa oposición do PP e a abstención do PSdeG. 

Tras coñecer o acordo, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica emitiu un comunicado no que felicitou aos partidos políticos polo "esforzo" de chegar a este texto, que demostra a "madurez democrática" de Galicia e que marca "un antes e un despois" nesta reivindicación. 

Unanimidade no Hórreo para pedir o inicio da reclamación xudicial...