A USC oferta para o próximo curso dez novos másteres

En total, son 63 os títulos de posgrao oficial da institución académica

Victoria Otero y Antonio López. USC
photo_camera Victoria Otero y Antonio López. USC

A oferta de másteres oficiais da Universidade compostelá será de 63 títulos para o próximo curso, dos que dez son de nova implantación. O número de prazas ofertadas este ano na Universidade de Santiago de Compostela para cursar másteres é de 1.829.

Os matriculados terán a posibilidade de estudalos en Santiago e Lugo e en modalidade presencial ou virtual, segundo informaron este martes en rolda de prensa o reitor da USC, Antonio López, e a vicerreitora de Titulacións, Vitoria Otero Espinar.

O reitor indicou que con esta convocatoria a USC pretende facer fronte ao problema que representa a "escasa" continuidade que teñen os estudos de másteres para poder completar a formación universitaria.

A formación de posgrao que se incorpora á oferta da USC este ano por primeira vez son os de Biodiversidade terrestre e xestión do medio natural, Enerxías renovables, Cambio climático e desenvolvemento sostible, Investigación e innovación en didácticas específicas para Educación Infantil e Primaria, Operacións e enxeñería de sistemas aéreos non tripulados (Lugo), Xeoinformática, Erasmus Mundus Encrucilladas nas narrativas culturais, Xenómica e Xenética (en modalidade presencial en Lugo ou semipresencial), Computación de Altas Prestacións (presencial ou a distancia) e os de Optometría e Economía na modalidade semipresencial. 

A oferta inclúe varios títulos que se poden cursar tanto en Santiago como en Lugo; é o caso dos másteres en Dirección de Empresas e en Profesorado de ESO e Bacharelato, FP e Ensinos de Idiomas.

Con respecto aos necesarios para a exercer a profesión, na USC impártense tres títulos habilitantes –Enxeñería Agronómica, Enxeñería de Montes e Profesorado, os tres en Lugo e o último tamén en Santiago– e o de Avogacía, non obrigatorio pero si vinculado ao exercicio da profesión.

Do total da oferta, son 27 os másteres cuxa organización é interuniversitaria, dos que 15 coordina a Universidade de Santiago de Compostela. 

Ademais, a institución académica compostelá ofrece dous exclusivos: o de Optometría en modalidade semipresencial e o de Enerxías renovables, cambio climático e desenvolvemento sostible.

O prazo para solicitar praza nalgún dos másteres, tanto por criterios xerais ou específicos -que contempla outros aspectos ademais do expediente- así como para o de Formación de Profesorado finalizará o día 20 de xullo. No caso de haber máis demanda que prazas ofertadas, publicarase a lista de admitidos e a lista de espera o día 27; e a matrícula deberá formalizarse entre o 30 de xullo e o 1 de agosto.

No caso dos másteres con sistema de matrícula directa, o prazo está xa aberto e estenderase ata o 14 de setembro. 

Comentarios