miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

"Debemos pór á fronte do PSdeG ao mellor e ao que gañe eleccións, sexa da Peroxa, Vilalba ou Fene"

Voz autorizada dentro do PSdeG, o alcalde das Pontes rexeita o papel de barón do norte e non quere oír falar de loitar pola secretaría xeral. El prefire pacificar o partido, desterrar dunha vez o debate territorial e de nomes, ampliar a xestora e, cando toque, elixir un equipo "gañador"

Antes de nada, gústalle o título de barón do PSdeG no norte?

Non, para nada. Non me gustan eses títulos e combatereino na medida do que poida.

Que tal se leva, por certo, co barón do sur, Abel Caballero, co que xa mantivo algunha discrepancia pública en máis dunha ocasión?

Eu con Abel Caballero a pouca relación que teño é boa, aínda que manteñamos algunha discrepancia sobre temas concretos. Primeiro de todo, somos compañeiros e iso ten que prevalecer; compartimos a mesma ideoloxía e poñemos a sociedade por diante doutro tipo de intereses. No persoal só nos vimos dúas veces na vida e en realidade hai unha boa relación, o que é un bo caldo de cultivo para construír.

Rivalidade "Só estiven dúas veces na miña vida con Abel Caballero e levámonos ben; penso que é un bo caldo de cultivo para construír"

 

Abertamente, está disposto a dar o salto para liderar o PSdeG?

Estou centrado na Deputación e no Concello e non teño outra perspectiva de futuro que non sexa esa, que xa me parece abondo. Outra cousa é que poida axudar na medida do posible ao partido que quero e á ideoloxía que quero como instrumento para mellorar a sociedade; por suposto que estarei aí para botar unha man, pero centrado na vida municipal, que é a que me gusta.

Descarta entón dar ese paso?

Nin o descarto nin o deixo de descartar. Ese escenario non é o que preocupa á xente. Temos que centrarnos primeiro en sosegar as augas e logo, en recuperar a confianza da cidadanía, e cada quen no seu ámbito debe facer o seu traballo o mellor que poida; e o meu ámbito é o municipal.

Por onde pasa entón o futuro do Partido Socialista en Galicia?

Temos que poder contar con todo o mundo, porque todos somos compañeiros, pero hai que pór á fronte do partido a xente que saiba articular ben o verbo gañar. Hai que gañar! Temos que ser un partido que non teña como única aspiración ser parte dunha coalición, senón que debemos vencer nas eleccións. E non polo simple feito de gañar, senón porque entendemos que o precisamos para poder implantar un modelo socialdemócrata na economía e a sociedade galega con liberdade para facelo, porque Galicia precisa esa revolución ambiciosa. E para lograla hai que pór á fronte a xente que gañe.

Como valora o papel da xestora galega nestes nove meses?

A xestora galega ten un perfil baixísimo, que é o que debe facer, pero polo que se ve vaise estender bastante no tempo. Penso que non estaría de máis unha xestora que puidera enriquecerse con xente que agora non está pero respectando á que si está, non cambiando unhas persoas polas outras. De cara a tirarnos un ano máis nesta situación de provisionalidade, como pode ocorrer, o PSdeG necesita ter máis caras, máis voces e máis opinións en todos os temas que afectan a Galicia e non só no Parlamento, onde xa contamos cun portavoz acreditado. Entendo que enriquecer a xestora, que é un asunto que xa se plantexou, non estaría de máis.

Persoal "Estou centrado na Deputación e no Concello e non teño máis perspectiva que esa"

Vostede é amigo de José Ramón Gómez Besteiro. É dos que defende que o exsecretario xeral regrese á primeira liña do partido unha vez resolva os problemas xudiciais?

Son amigo de Gómez Besteiro, pero o PSOE ten 136 anos de historia e non se para nunca, ten que responder ás necesidades sociais do momento. José Ramón Gómez Besteiro foi unha persoa moi importante e querida no socialismo galego, escribiu unha páxina no partido e pode escribir outras no futuro, pero o PSdeG non pode estar parado agardando pola súa resolución xurídica. Nin el espera iso nin está pendente diso! Polo tanto, o desexo de todo o mundo é que a súa situación xurídica se resolva, pero o PSOE ten vida propia e non espera por Valentín, por Besteiro, por Pedro Sánchez nin por Felipe... A sociedade galega quere perservar ese PSOE socialdemócrata, activado e en plena forma, co líder que teña en cada momento. Dos milleiros de afiliados ten que saír o novo equipo que faga do PSOE un partido que gañe as próximas eleccións.

Pero segue falando a día de hoxe con Besteiro?

Si, falamos moito.

Goberna o PSdeG desde a sombra, como din algúns?

Non sei en Lugo, na Coruña non, que va! [ri] Nin a el se lle ocorrería.

É certo que lle ofreceron a vostede no partido presentarse ás primarias para ser candidato á Xunta?

Non é certo. Ese tipo de conversas saen moitas veces entre militantes ou xente que te quere ben no teu pobo, pero... que capacidade teñen sete militantes das Pontes e un de Vilalba, por exemplo? Presentarse ás primarias é moito máis complexo que todo iso, e máis nunha situación tan convulsa como a que vivía nesa época o PSdeG. No partido saben que a miña intención non era esa e tampouco houbo ninguén de forma organizada ou con certo consenso que me plantexase iso.

Pensa que unha posible saída á fractura do actual PSdeG sería apostar por algún tipo de bicefalia? Por exemplo con Carmela Silva, do sector crítico, que ten máis peso en Pontevedra e Ourense, á fronte do partido e vostede, que conta con máis apoios na Coruña e Lugo, fose candidato á Xunta.

Estades facendo un plantexamento absolutamente erróneo que me gustaría erradicar radicalmente. Non é certo que haxa un contrapoder territorial; o criterio norte-sur é hoxe totalmente inexistente no PSdeG. Se o PSOE de Vigo propón para a secretaría xeral unha persoa que guste na Coruña vai ser apoiada. Se levamos esa reflexión territoral ao extremo, damos por feito que se Felipe González nacese en Monfero nunca podería ser presidente do Goberno! Eu digo que poñamos ao mellor que teñamos á fronte do partido, sexa da Peroxa, de Vilalba ou de Fene. O criterio territorial non o admito porque é un lastre que nos pode levar ao erro da terceira vía. Respectemos todos os territorios e que deles saia un bo equipo, no que nos baseemos na calidade persoal, na cualificación política e nos resultados electorais dos seus integrantes. Insisto en que temos que pór xente que gañe procesos electorais, iso é clave, sexan de onde sexan. Se é alguén de Chapela, en Vigo, e cumpre eses parámetros e non criterios territoriais, vai ter o meu apoio.



Logo non lle gusta a bicefalia.

Non a comparto para nada, porque é un síntoma de debilidade. O PSdeG necesita un ou unha líder que xestione o partido e que teña un equipo capaz.

Pero é innegable que no PSdeG, malia que non hai baronías ao uso como no PPdeG de Fraga, si existe a percepción de que hai maior sintonía entre Vigo e a xestora nacional e entre a xestora de Pilar Cancela e as provincias do norte.

Iso é unha realidade, pero é certo que o proceso de normalización xa comezou. Mantemos conversas e estamos normalizando as relacións, e o espírito construtivo que detecto é enorme.

Ve logo o PSdeG menos dividido hoxe que hai uns meses?

Si, véxoo bastante mellor. Non ben, pero si mellor do que estaba.

Sobre a relación con outros partidos, no seu caso goberna a Deputación da Coruña co BNG. É tan boa a relación de portas para adentro como parece?

Mellor. Non nos gusta andar forzando poses para demostrar que nos levamos ben. As reunións de traballo dos venres son superprodutivas, a relación é boa e non hai sensación de competencia.

O seu goberno provincial está sostido ademais por deputados das mareas e partidos independentes, un total de cinco. Xéralle certa inquedanza depender destes partidos, aos que en ocasións criticou?

Inicialmente si que ma xerou, non o vou negar. Cando cheguei á Deputación o escenario era tremebundo e eu nunca gobernara en coalición, polo que lle tiña respecto ao bipartito, que ademais nin sequera tiña maioría. Pero visto o ano e medio que levo aí, hoxe non estou nada preocupado. Nunca vin en risco os asuntos verdadeiramente importantes.

Futuro "Vexo o partido mellor que hai uns meses; non ben, pero si mellor. Agora non estaría de máis sumarlle xente á xestora"

Como valora os gobernos municipais das mareas nas cidades?

Na súa xestión hai luces e sombras, como todos. Pero quen puxo ás mareas nos concellos foi a xente e é esa xente a que ten que valorar. De todas formas, nas grandes cidades da Coruña o PSOE tivo un papel progagonisa enorme durante décadas; construímolas nós, e convertémolas no que son! As mareas xestionan o labor de corporacións anteriores, aínda que esperemos que nas vindeiras eleccións municipais volvan a ser socialistas de novo.

Aproba os acordos do PSOE con Rajoy a nivel nacional?

Comparto calquera estratexia conxunta nun momento tan delicado. Este país necesita seriedade, sentar a falar e pactar cuestións esenciais para xerar confianza. Os partidos debemos por fin poñernos de acordo no modelo para facer un país eficiente e sostible. Temos unha débeda pública enorme e crucemos os dedos para que non cheguen os populistas a Alemaña e Francia e tomen a decisión de cobrarnos só un 1% da débeda pública, xa que serían 100.000 millóns de euros. O custo das pensións son 60.000 millóns, o do paro 30.000 e xa nos custa axustar os 8.000 que nos impón a UE.

E como ve o futuro do seu partido a nivel estatal?

A situación é complexa, pero ilusionante. Ata agora ningún compañeiro deu un paso adiante, porque sería aportar máis inestabilidade a un escenario xa de por si desdibuxado e inestable. Pedro Sánchez anda de ruta por España, Susana Díaz parece que avanza pero non di claramente se se presenta, fálase dunha terceira e dunha cuarta vía con nomes como Pachi López ou Pepe Borrell... Hai que esperar a ver quen da o paso, pero a min gustaríame que o modelo que defendo para Galicia se aplicase tamén a nivel nacional: xente con capacidade para gañar as eleccións.

Cando habería que celebrar os congresos estatal e galego?

Creo que canto antes mellor, pero a capacidade para convocar tena Ferraz e a xestora xa anunciou que pretende facelo antes do verán. O galego sería entón xusto despois.

"Debemos pór á fronte do PSdeG ao mellor e ao que gañe eleccións,...
Comentarios