jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

Valentín García: ''No estamos tan lejos del consenso en la lengua; tenemos que trabajar juntos y olvidar viejas confrontaciones''

Ilusión, traballo e diálogo. Esa é a carta de presentación de Valentín García (Silleda, 1970, aínda que estradense de corazón), no seu novo posto tras vinte anos como lingüista a nivel municipal.

Pregunta: ¿Como afronta esta nova etapa?
Resposta:  Moi ilusionado e con ganas de facer cousas. Este cargo, para un lingüista coma min, é unha honra e todo un reto. E iso que sei da dificultade que ten por cuestións non puramente lingüísticas.

P: ¿Sorprendeuno que o chamaran?
R: Sempre sorprende. De todos os xeitos, un lingüista sempre ten a ilusión de poder dirixir a política lingüística do seu país. É unha gran responsabilidade, pero tratarei de facelo o mellor posible, como un servidor público que son.

P: ¿Como deixou as cousas o seu antecesor, Anxo Lorenzo?
R: Deixou unha situación estabilizada e moitos proxectos en marcha. Eu xa colaboraba con Anxo, do que son amigo. Por iso non cheguei sen saber a onde veño.

P: Librouse da implantación do controvertido decreto no ensino. ¿Como vai a súa aplicación?
R:  Non ten problema ningún. O decreto está funcionando e non hai queixas nin expedientes. Os recursos están pendentes.

P: Tras unha época de grande axitación social en torno ao galego, parece que volveu a calma. ¿Como viu ese conflito lingüístico?
R: O conflito foi máis mediático que outra cousa. A sociedade galega non percibe ningún conflito lingüístico, que se produciu noutros ámbitos a raíz do decreto. Pero se logramos a paz lingüística poderemos levar adiante proxectos ilusionantes e gañar moitos usos para o galego e espazos nos que podemos traballar todos, cada un desde as súas ideoloxías.

P: ¿Cales serían eses espazos?
R: As novas tecnoloxías, a Xustiza, a sanidade, a xuventude, o deporte e os ámbitos urbanos. Temos que traballar xuntos e esquecernos das vellas confrontacións, que non conducen a nada.

P: ¿Algunha vez se alcanzará o consenso en torno á lingua?
R: Si, e creo que non estamos tan lonxe del. De feito, o consenso funcionou moito tempo e rompeuse por un decreto. Pero volveremos a el, como se volveu en comunidades con conflitos maiores.

P: Vostede foi coordinador técnico da Rede de Dinamización Lingüística, o gran reto do departamento.
R: Si, é o gran proxecto destes anos en materia de política lingüística, porque supón levar a planificación e a dinamización a lugares e ámbitos onde non tivo presenza ningunha ou esta foi mínima.

P: Falamos de concellos pequenos.
R: Efectivamente. Temos moitos con menos de 5.000 habitantes e ingresos minguados e a Rede vai permitir chegar a eles, con programas para nenos, mozos... Vai facilitar que interactuemos varias administracións e entidades que se están adherindo.

P: Coa crise, ¿recortáronse os cursos Celga?
R: Non, só se adaptaron á demanda.

P: Non había demanda fóra logo.
R: Desactivamos cursos no exterior porque había algún onde ían a exame unha ou dúas persoas e manter iso era carísimo.

P: ¿Como ve o galego hoxe en día?
R: Na actual sociedade moderna o galego ten que buscar o seu espazo. Eu non podo pretender que siga sendo a lingua que falaba miña avoa no rural, onde todos falaban
galego porque non sabía castelán.

P: E nesa Galicia moderna, ¿como está o noso idioma?
R: Eu véxoo ben, gañando espazos de uso que non tivo nunca. Din que nas cidades se fala pouco galego, ¿e cando se falou moito? Agora podes chegar falando galego a un centro médico, a un banco, a un xulgado, cousa antes impensable. ¿Que hai moito que mellorar? Evidentemente. Pero a situación nunca foi a panacea.

P: ¿Como viviu a recente desaparición de medios en galego?
R: Foron noticias moi dolorosas. Pero non descartamos que volvan reaparecer algúns outros medios e imos reforzar a presenza do galego nos que quedan.

''Os servizos de normalización nos pequenos concellos terán que agruparse para manterse''
P: Tras o peche de 16 servizos, dixo que ve insostible a rede municipal de normalización do galego.
R: Eu non dixen que fose insostible, pero se hai concellos de menos de 3.000 veciños que non son capaces de ter un arquitecto técnico, ¿como lles imos pedir que teñan un lingüista? O que queremos facer a través da Rede, e da liña de axudas para manter estes servizos municipais –de 520.000 euros este ano–, é impulsar que ou se agrupen ou traballen desde
concellos que poidan mantelos.

P: O futuro pasa logo polas fusións.
R: O futuro pasa por que os concellos pequenos se agrupen entre eles e poidan manter o servizo, ao igual que terán que facer coa recollida de lixo ou o mantemento de instalacións deportivas. A Rede é unha axuda porque xa fornece de actividade lingüística desde o concello máis grande ao máis pequeno. Tal e como estaban concibidos, de un concello
un servizo, teñen un percorrido que se esgota, e máis coa crise, de aí os peches. Porque cando baixan as axudas o primeiro que cortan os concellos son os servizos subvencionados
ao 100%, como o lingüista ou o técnico de emprego.

P: ¿Sobrevivirán estes servizos?
R: Nós tentaremos solventar na medida do posible a súa desaparición. Temos máis de cen solicitudes de concellos que queren manter os seus servizos, e mesmo se crearán algúns novos.

''A muller de Neira Vilas sempre dicía que eu era o fillo que nunca tiveron''
P: As súas principais afeccións son...
R: Ler, escoitar música e pasear por lugares en silencio. Nacín na aldea e encántame o rural.

P: ¿Algún autor galego de referencia?
R: Gústanme moitos, como Carlos Casares, Manolo Rivas e Neira Vilas, por suposto. Eu
nacín a dez quilómetros da súa casa e a súa muller, Anisia, sempre dicía que eu era o fillo
que nunca tiveron. De feito, se me dediquei á lingua foi por Neira Vilas e Raimúndez
Portela; por toda aquela xente vinculada ao galeguismo de corte piñeirista de ámbito rural.

P: Xusto hoxe cúmprense 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro...
R:  Rosalía tamén é outra das miñas autoras favoritas. O primeiro texto que lin en galego
foi Cantares gallegos.

P: ¿Vai a miúdo ao cine ou ao teatro?
R: Máis ao teatro, ao que estiven moi vinculado na Estrada.

P: Non sae da casa sen...
R: ¡O móbil!.

P: ¿A súa palabra favorita
en galego?
R: Axóuxere.

P: ¿Un lema na vida?
R: Ser leal, a lealdade.

P: ¿Traxe ou vaqueiros?
R: (risas). Agora traxe, antes vaqueiros.

P: ¿Unha viaxe especial?
R: Moitas, porque me encanta viaxar. Quedo con Exipto.

P: ¿E unha paixón?
R: Os meus nenos, de 8 e 5 anos. O non poder velos tanto é o que máis me está custando.

Valentín García: ''No estamos tan lejos del consenso en la lengua;...
Comentarios