Miércoles. 19.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 19.06.2019
El tiempo

Vigo centraliza a protesta galega dos educadores infantís contra unhas condicións laborais "indignas"

Concentración en Vigo. CC.OO.
Concentración en Vigo. CC.OO.

CC.OO. apunta que máis do 85% dos traballadores do primeiro ciclo en escolas privadas e de xestión indirecta secundou a folga na comunidade ► Só catro dos máis de 170 centros da Xunta notan o paro

Entre o 85% e o 90% dos traballadores do primeiro ciclo de educación infantil (de 0 a 3 anos) en escolas privadas e de xestión indirecta secundaron en Galicia o paro convocado para este martes, atendendo aos datos do sindicato Comisións Obreiras. A central chamou a unha xornada de protesta en toda España no primeiro ciclo de Educación Infantil contra a sinatura do novo convenio colectivo no sector e para censurar unhas condicións laborais que creen "indignas".

Segundo informou o sindicato a Europa Press, a concentración galega centralizouse en Vigo, "polo importante número de delegados que ten CC.OO. na cidade olívica". Con todo, acudiron traballadores de toda a comunidade. 

Fontes do Concello de Vigo confirmaron que, das oito escolas infantís municipais que ten a cidade, todas permaneceron pechadas este martes pola folga. "O seguimento foi total", sinalaron. 

Na mesma liña insistiu a Asociación Galega de Centros de Educación Infantil (Agadei), que explicou que a folga se focalizou en Vigo, onde houbo máis seguimento.

PRIORIDADES. Comisións Obreiras entende que o sector deixou "moi claro" que as prioridades das traballadoras -o 95% son mulleres- pasan polo recoñecemento profesional das tarefas que veñen desenvolvendo, e denunciou que a formación e a responsabilidade que asumen "non se corresponden en absoluto coas retribucións irrisorias que veñen percibindo". 

"Os 930 euros brutos que o novo convenio pretende establecer de salario base para as educadoras é mostra do ninguneo e desprezo cara a un colectivo con retribucións conxeladas desde hai máis de sete anos", criticou CC.OO. 

A central cifrou en máis dun 80% o seguimento da folga en toda España, especialmente significativo en Galicia, Andalucía, Madrid, Cataluña, Comunidad Valenciana e Castilla y León.

A firma do XII Convenio Colectivo de Centros de Asistencia e Educación Infantil está prevista para este mércores. Os sindicatos FSIE, USO e UXT si apoiarán a rúbrica.

"NON SOMOS CRIADORAS". Verónica Simón, educadora dunha escola infantil municipal de Vigo, destacou en declaracións aos medios de comunicación que a xornada foi "histórica", e recalcou que non só loitan por unhas mellores condicións laborais, senón tamén para reivindicar "a educación" que imparten. "Non só damos de comer e cambiamos cueiros, tamén educamos", proclama Simón.

As traballadoras exhibiron carteis nos que se podía leer 'Non somos criadoras, somos educadoras' ou 'Sector feminizado, sector mal pagado'.

Verónica Simón fixo fincapié en que este colectivo leva desde 2012 cos soldos conxelados e en que unha educadora con xornadas de oito horas, "que non é o normal", cobra uns 901 euros brutos.

CENTROS AUTONÓMICOS. Case ningún traballador dos centros públicos autonómicos da Xunta secundou a folga. Segundo datos do Executivo galego, das máis de 170 instalacións autonómicas, só sete son de xestión externa.

É dicir, non as xestiona directamente a Xunta. En tres delas (Betanzos, Carballo-A Braña e Coristanco) ningún traballador faltou hoxe ao seu posto, mentres que nas outras catro (Pontevedra-Monte Porreiro, O Pino, edificio administrativo da Xunta en Pontevedra e San Paio de Vigo) garantiuse a apertura dos centros. 

Firmas de CIG-Ensino
A sección de ensino da CIG entregou este martes 558 sinaturas dos traballadores de escolas infantís de 0 a 3 anos que se concentraron demandando un convenio "digno e xusto".

Os delegados da central manifestáronse en Santiago diante da Confederación de Empresarios de Galicia para demandar a retirada da rúbrica do XII Convenio Estatal de Infantil "por seguir profundando na precariedade laboral e salarial e por ser rexeitado maioritariamente polos traballadores do sector". 

Vigo centraliza a protesta galega dos educadores infantís contra...
Comentarios