Villares chama ao voto porque "están en xogo" liberdades e dereitos

"Queremos chamar a todo o mundo á participación", asegurou o portavoz de En Marea

El portavoz de En Marea, Luís Villares. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera El portavoz de En Marea, Luís Villares. LAVANDEIRA JR (EFE)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, fixo un chamamento ao voto ao considerar que este domingo "están en xogo" liberdades e dereitos. "Queremos chamar a todo o mundo á participación. Porque en democracia é esencial expresarse e participar. Están en xogo as liberdades públicas, a xustiza social, a defensa dos intereses de Galicia. Aínda que haxa persoas que pasen da política, a política non pasa dun", proclamou Villares tras exercer o seu dereito ao voto en Lugo.

En declaracións aos medios, lembrou que "as bolsas dependen da política, ter traballo depende da política, a ampliación das liberdades depende da política" e por iso é importante participar do exercicio democrático.

"Este é o momento decisivo para ampliar liberdades, ampliar o estado do benestar e defender mellor os nosos intereses. Porque temos dereito a ser felices na nosa terra", destacou.

Villares acudiu ao colexio electoral acompañado polos cabezas de lista por esa provincia ao Congreso e ao Senado, Cristina Pérez Herraiz e Vitoria Esteban, respectivamente.

Tamén o candidato ao Congreso por Ourense, Iván Olmos, apelou á participación "nunhas eleccións nas que debemos ser capaces de frear á nova dereita reaccionaria".

Na mesma liña expresouse a candidata pola Coruña, Ana Seijas, que considerou que "hoxe temos unha ocasión decisiva para defender Galicia, para defender un futuro de progreso, blindar dereitos e garantías e apostar polo benestar da nosa cidadanía".

Desde Vigo, a aspirante por Pontevedra, Iris Malvido, achegouse a un colexio electoral lembrando que durante o día de hoxe os "galegos xóganse unha xornada decisiva para frear ás dereitas e garantir un futuro feminista e xusto para un estado que non deixe ninguén atrás".

Comentarios