Villares destaca que En Marea representa "a unidade cidadá" que "non se subordina"

Sinala que as condicións que puxo para integrar unha candidatura única foron "o compromiso coa ética, o programa e a participación"

En Marea presentou os seus candidatos ás Xerais no Parrote da Coruña. CABALAR, EFE
photo_camera En Marea presentou os seus candidatos ás Xerais no Parrote da Coruña. CABALAR, EFE

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou este sábado que o partido instrumental representa "a unidade cidadá" que "non se subordina" aos partidos políticos "clásicos" e que non obedece a máis nada que "ao clamor social por ampliar dereitos". 

Así o sinalou Villares na presentación na Coruña da candidatura de En Marea para as próximas eleccións xerais, nas cales a organización política non concorrerá da man de Podemos, Anova e Esquerda Unida. 

Neste sentido, indicou que, fronte á división das organizacións políticas, nas "grandes mobilizacións" en defensa da igualdade entre mulleres e homes, a favor da xustiza ecolóxica, ou para protexer os servizos públicos como a sanidade ou o ensino "non existe división". 

"Esas loitas non están fraccionadas. Aí non existe división. Aí existe máis unidade que nunca, e En Marea quere representar esa unidade cidadá a favor dunha serie de bens comúns, duns principios que en definitiva buscan ampliar dereitos, que a xente viva un pouco mellor, oportunidades para que todo o mundo sexa un pouco máis feliz", sinalou Villares. 

Ademais, insistiu en que este "tempo novo" é o tempo "da esperanza" polo que a organización presenta unha candidatura para o Congreso e o Senado que quere acompañar esta nova época de "ilusión e futuro".

XERAIS
Preguntado polos xornalistas sobre por que En Marea decidiu non presentarse na mesma coalición que nas últimas xerais, o portavoz evitou responder directamente pero asegurou que as "únicas condicións" que o espazo político En Marea puxo para integrar a candidatura foron "o compromiso coa ética, co programa e coa participación en primarias abertas á cidadanía". 

"Respondemos ante estes principios: a idea de rexeneración democrática, a idea de participación e a idea de compromiso ético cunha serie de principios, esas foron as únicas condicións que o espazo político En Marea puxo para integrar esta candidatura", subliñou Villares. 

Así mesmo, engadiu que En Marea apostou por candidatos "que representan a diversidade social", polo que nas súas listas hai "xente que vén do mundo do traballo, do feminismo e do ecoloxismo". "Xente comprometida que loita porque quere un futuro mellor", sentenciou. 

"O 15M foi un reclamo tamén no interno dos espazos políticos, que teñen que ser abertos e transparentes. Espazos onde todo o mundo poida decidir sobre o seu programa político e sobre as persoas que o representan", explicou.

MUNICIPAIS 
Noutra orde de cousas, Luís Villares reivindicou o espazo municipalista e o modelo de mareas como a Marea Atlántica da Coruña, "que no seu día souberon recoller as inquietudes dos veciños e sumar toda esa forza a favor dun proxecto común". "Ese é o modelo polo que apostamos para conseguir levar o cambio tan necesario ao Estado", indicou o portavoz. 

Neste sentido, a división das eleccións xerais entre En Marea e o resto de grupos políticos non se trasladará ás municipais na Coruña, xa que o partido instrumental non presentará unha candidatura diferente. 

"O noso referente na Coruña é a Marea Atlántica. Eu se estivese empadroado na Coruña votaría sen ningunha dúbida á Marea Atlántica nas eleccións municipais", sentenciou Villares.

Comentarios