Villares gaña tempo no caso Quinteiro

A militancia non ten data para unha posible consulta ás bases sobre a continuidade da deputada

Luís Villares y Manuel Lago.LAVANDEIRA JR.(EFE)
photo_camera Luís Villares y Manuel Lago.LAVANDEIRA JR.(EFE)

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, evitou este luns avivar a polémica interna a raíz do incidente que mantivo a deputada Paula Quinteiro coa Policía Local de Santiago na madrugada do 18 de marzo e quixo centrar o debate público nas iniciativas políticas da súa formación.

As súas palabras foron acompañadas e secundadas polo deputado Manuel Lago, unha das persoas que como case a práctica maioría do grupo arroupou a continuidade de Quinteiro e a apertura dun expediente interno para aclarar o ocorrido e a súa actuación no control policial nocturno por mor dunha denuncia por vandalismo.

Villares, a diferenza de hai agora unha semana cando compareceu só e a título persoal instou a Quinteiro a dimitir, ofreceu unha rolda de prensa acompañado do portavoz económico do seu grupo e a preguntas sobre a evolución do caso internamente asegurou que non había "novidades" e insistiu en que En Marea "decepcionaría" se non "centrase" o interese "informativo" nas iniciativas políticas que impulsa.

Villares volveu escorregar unha posible consulta aos inscritos de En Marea sobre a decisión que debería tomar a deputada Paula Quinteiro respecto a súa acta.

Precisamente, xa matizou en días pasados que el non lanzara un ultimato dunha semana para adoptar unha decisión sobre o seu futuro e, de feito, a eventual consulta aos inscritos non ten data para a súa celebración.

Con todo, aínda que Villares na súa dobre faceta de portavoz parlamentario e portavoz do partido instrumental tratou este luns de liberar tensións internas, a dirección política mantén o pulso á deputada e agarda unha resposta á petición de dimisión que adoptou o Consello das Mareas de instarlle a que deixe a súa acta.

PRESENTACIÓN ALTERNATIVA

Á pregunta de se consideran que están a defraudar ao electorado, Villares asegurou que se "defraudaría á cidadanía se non se explicase cal é a crítica á execución orzamentaria que fixo Feijóo en 2017", asunto do que trataba a rolda de prensa.

"Sería defraudar que non fixésemos esta crítica e presentásemos unha alternativa. A preocupación do grupo está neste momento en seguir transmitindo a súa oferta de alternativa política para este país", aseverou. "Todos os que compomos o grupo temos este compromiso", remarcou.

Á pregunta de cando saberán se hai novidades, Villares remarcou que "non hai novidades sobre o que xa está explicado". "Si que decepcionariamos, e forma parte do interese informativo, que nós falásemos das cousas que preocupan á xente e das alternativas que ofrecemos e non só dese asunto sobre o que tamén nos pronunciamos", declarou.

Após iso, foi interpelado pola súa postura Manuel Lago. "Non che vou a defraudar: onde hai portavoz non manda mariñeiro. Sinto representado claramente coas declaracións e Luís Villares, compártoas ao 100%. Non hai novidades neste tema", contestou en referencia ao anteriormente dito polo portavoz, pechando así filas en torno ao grupo parlamentario.

"Entendo o interese por falar de temas que nós consideramos que non son problemas para o país. A min non me van a sacar fose da área que contribúe a que o país sexa mellor; falar de temas internos é perder o tempo", quixo resolver Lago.

Comentarios