Villares lanza as primarias de En Marea fronte a "vella dinámica" das coalicións

O xuíz mostrou o seu desexo por contar coa actual deputada no Congreso Alexandra Fernández nas listas

Luís Villares. ÓSCAR CORRAL
photo_camera Luís Villares. ÓSCAR CORRAL

O portavoz de En Marea, Luís Villares, rexeitou este sábado concorrer ás eleccións xerais baixo “a vella dinámica” de coalición electoral que "non permite a participación plena de todos os inscritos e limita a toma de decisións ás cúpulas dos partidos".

En rolda de prensa, Villares sinalou que a mellor fórmula para concorrer ao proceso electoral do 28 de abril é baixo o paraugas dun partido como En Marea, que naceu en 2016 para superar a fórmula de coalición que nas pasadas eleccións xerais impediu que a confluencia galega contase con grupo parlamentario propio nas Cortes.

A única “forma xurídica” que garante esa representación no Congreso, asegura, é a de partido e non a coalición que pretenden reformular e relanzar as tres formacións que orixinaron a confluencia -Podemos, Esquerda Unida e Anova-. “Non queremos enganar a ninguén e non queremos que nos enganen”, afirmou.

Coa fórmula de partido, “cada persoa” terá “capacidade plena de participación” algo que coa “vella dinámica” de coalición non sucede, e engadiu que desta forma non existirán “militantes de primeira e non de segunda”, non se dará un escenario no que uns “teñan que pegar carteis e outros decidan o rumbo do partido”.

Con todo, a pesar das diferenzas existentes e xa postas de manifesto, o líder de En Marea asegurou que mantén “contacto fluído” coas direccións dos tres partidos aínda que admite que “hai mais intención pola nosa banda que pola outra, en verdade”, para chegar a un acordo.

Villares di que falou esta mesma semana co líder de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino e co fundador de Anova, Xosé Manuel Beiras, onte mesmo no que foi unha conversación “agradable”.

Primarias en marcha e unha proposta aglutinadora para o Senado
Baixo esta premisa, o Consello das Mareas lanzou este sábado o calendario de eleccións primarias para elixir candidatos para os comicios estatais, de forma que as persoas que queiran postularse poderán facelo entre o 25 e o 28 de febreiro e poderase votar do 8 ao 10 de marzo. O día 11 de marzo será a data de proclamación das candidaturas, e o prazo para presentar coalicións electorais finaliza o día 15 de marzo.

Villares mostrou o seu desexo por contar coa actual deputada no Congreso Alexandra Fernández nas listas de En Marea, despois de que a militante de Anova demostrase "obrar con coherencia e en consecuencia” durante o seu período como representante da confluencia galega no Congreso.

Esta é a proposta para o Congreso que, con todo, é diferente á do Senado, xa que a dirección de En Marea aposta por lanzar unha proposta que aglutine a todas as forzas progresistas de Galicia, para o que lanzou unha invitación a PSdeG e BNG para concorrer unidos a este proceso de listas abertas, que penaliza as minorías. 

Comentarios