lunes. 19.04.2021 |
El tiempo
lunes. 19.04.2021
El tiempo

Villares: "Non debe volver repetirse un voto en contra da dirección"

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

O consello das mareas podería decidir este sábado se expedienta aos catro deputados que votaron a favor dos orzamentos

O portavoz de En Marea, Luís Villares, lamentou este mércores que catro deputados da formación no Congreso votasen en contra do acordado polo consello das mareas e, por tanto, en contra das prioridades de Galicia "é algo que non debe volver repetirse sen dúbida ningunha".

O consello das mareas, órgano máximo de dirección de En Marea entre plenarios, acordou votar de forma negativa ao proxecto de Presupostos Xerais do Estado (PXE) pero unicamente a deputada Alexandra Fernández (Anova) obedeceu este mandato, xa que os outros catro parlamentarios apoiaron continuar coa tramitación das contas.

Segundo a dirección galega, as razóns desta negativa son a falta de compromiso orzamentario nos investimentos coas necesidades económicas, ambientais e sociais de Galicia, e a falta de vontade negociadora para a súa modificación durante a tramitación parlamentaria.

Os outros catro deputados de En Marea —Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez, Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán Vello— votaron en contra das emendas á totalidade presentadas contra os orzamentos, aínda que na súa intervención Yolanda Díaz tamén se queixou da falta de compromiso orzamentario cos investimentos galegos.

En declaracións á prensa, Villares esgrimiu que a dirección do partido se posicionou en contra dunhas contas contraproducentes para Galicia e cun forte recorte polo que "non podiamos confiar no PSOE" xa que apoiar o proxecto do Goberno era "inaceptable para intereses do noso país".

Segundo Villares, a postura da dirección de En Marea é coherente co anunciado desde coñecer uns orzamentos "prexudiciais para Galicia", tras o que se dixo que para contar co respaldo da confluencia galega era "necesario o compromiso explícito e por escrito" de asumir a axenda galega antes do debate de totalidade que tivo lugar este mércores. Algo que non sucedeu, polo que para que "se nos tomase en serio como organización política" debíase votar en contra. "Decepcionariamos se autorizásemos a continuación dos presupostos sen o máis mínimo compromiso de Galicia". Por iso, dentro de En Marea "lamentamos a posición dos catro deputados".

Con todo, Villares non avanzou se o partido instrumental abrirá un expediente a estes deputados por votar en contra das directrices marcadas; "non me corresponde a min decidilo, nin aquí, nin agora". O consello das mareas reúnese este sábado en Compostela e podería tomarse unha decisión neste sentido.

Fronte aos argumentos de  Anova, Podemos e Esquerda Unida que alegan que no grupo no Congreso, elixido en xuño de 2016, non se deben á dirección dun partido que nesa data aínda non estaba constituído debido a que se creou en xullo de 2017, Villares sostén que na Asemblea constituínte de Vigo decidiuse asumir á dirección autonómica como órgano director de toda En Marea.

Así mesmo, para Villares esta idea reforzouse no plenario de 2018 coa "doutrina Beiras" coa que se asumiu, seguindo a proposta de Xosé Manuel Beiras, que se establecese un marco para as relacións cos parlamentarios en Madrid, de forma que atendesen ao "suxeito político galego" e non ás ordes de Unidos Podemos.

"Nós non estamos sometidos á disciplina de voto de Podemos, son os nosos aliados estratéxicos pero non estamos subordinados a Podemos nin en Galicia nin no conxunto español", resolveu  Villares, que sinalou que se o presidente Pedro Sánchez tiña un acordo co líder de Podemos, Pablo Iglesias, "fantástico pero iso non inclúe a En Marea".

Deste xeito, o portavoz da formación puxo de relevancia o peso político da confluencia valenciana e dos partidos vascos e cataláns que viron atendidas as súas demandas nos orzamentos mentres que "todo iso non pasou con En Marea", detectando como "problema" o feito de que non se "nos respecte como grupo político".

Villares: "Non debe volver repetirse un voto en contra da dirección"
Comentarios
ç