Villares pide ao Goberno que rectifique o nome dunha operación antidroga chamada Marea

O portavoz cre que o nome escollido pretende "desacreditar" e "relacionar" En Marea "con feitos delituosos moi graves" 

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

O portavoz de En Marea, Luís Villares, enviou unha carta á Delegación do Goberno na que solicita formalmente que rectifique o nome dunha operación antidroga chamada Marea, xa que entende que a denominación escollida pretende "desacreditar e relacionar indirectamente" o partido instrumental "con feitos delituosos moi graves" algo que, ademais, prodúcese "en véspera dunhas importantes eleccións municipais". 

O pasado mércores, a Delegación do Goberno informou da operación Marea, desenvolvida en varias fases desde o pasado mes de xuño e cualificada como o maior operativo contra o tráfico e a venda de sustancias estupefacientes levada a cabo este ano en Santiago. Esta semana, a Policía Nacional detivo a 12 persoas e interveu máis de 8.800 dose de droga. 

O nome elixido para a operación xerou malestar no seo de En Marea que, agora, pide formalmente unha rectificación a través dunha misiva asinada polo propio Luís Villares e que está dirixida ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada. 

A carta, difundida pola dirección do partido instrumental nun comunicado, recolle o descontento do portavoz rupturista, que asegura que recibiu "con desagrado e estupefacción" a noticia da actuación bautizada 'Marea', unha postura que xa tratou co propio Losada a través de conversacións previas ao envío da misiva. 

"A operación aberta no mes de xuño deste ano 2017 non pode ignorar a relevancia que este nome pode causar na nosa organización política, pois chamándolle en Marea cumpre dous obxectivos: desacreditar e relacionar indirectamente a nosa organización con feitos delituosos moi graves e a asimilación no subconsciente das persoas receptoras destas noticias dun armazón inexistente", reza o texto enviado á Delegación.

Ademais, Villares cre que o momento elixido "a menos de medio ano dunhas eleccións municipais" vai causar "graves prexuízos" contra En Marea porque "é a denominación que se escolleu" para os comicios do próximo mes de maio. 

Así as cousas, esixe "respecto" á organización e os seus votantes a través da "retirada" da denominación dunha operación "que nada ten que ver" co partido político; así como que se exerza o "dereito ao esquecemento, borrando o nome de En Marea deste tipo de operacións". 

Por último, reclama que a Delegación do Goberno publique unha rectificación "nos mesmos medios nos que se comunicou a noticia a todos os niveis, estatais e en Galicia pola súa repercusión, desvinculando o nome de Marea como organización desta operación policial". 

Comentarios