Villares pon en dúbida que se vaia celebrar a consulta sobre o futuro de Quinteiro

A cuestión sobre o incidente da deputada non está na orde do día da reunión da coordinadora de En Marea

O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, suxeriu que a consulta aos inscritos da formación rupturista sobre o futuro da deputada implicada nun incidente coa Policía Local, Paula Quinteiro, non é inminente e mesmo tratou de sementar dúbidas sobre que se vaia a realizar. 

Á súa chegada á reunión da coordinadora de En Marea —o órgano que se corresponde coa executiva dun partido clásico—, dixo, en declaracións aos medios que non está incluída esta cuestión na orde do día. Con todo, fontes deste órgano consultadas por Europa Press aseguraron que si está previsto abordar cuestións de actualidade política en xeral e que, no marco deste punto da orde do día, sacarase esta cuestión. 

Pero en todo caso, Villares quere gañar tempo e, publicamente, insistiu en que esta cuestión non está na orde do día. É máis, incidiu en que se se chega a convocar a consulta aos inscritos, sería o consello das mareas —máximo órgano de decisión entre plenarios— o que ten a competencia para facelo. 

Villares evitou este luns, nunha rolda de prensa, avivar a polémica interna. As súas palabras foron acompañadas e secundadas polo deputado Manuel Lago, unha das persoas que como case a práctica maioría do grupo arroupou a continuidade de Quinteiro e a apertura dun expediente interno para aclarar o ocorrido e a súa actuación no control policial nocturno por mor dunha denuncia por vandalismo.

Villares, a diferenza do que dixo o luns da semana anterior, cando compareceu só e —a título persoal— instou a Quinteiro a dimitir, ofreceu o luns desta semana unha rolda de prensa acompañado do portavoz económico do seu grupo e a preguntas sobre a evolución do caso internamente asegurou que non había "novidades" e insistiu en que En Marea "decepcionaría" se non "centrase" o interese "informativo" nas iniciativas políticas que impulsa. 

"Nin se tomará unha decisión", dixo este mércores á súa chegada ao local de En Marea. A iso, engadiu que "chegado o momento, se é que se aborda, non a toma a coordinadora, senón o consello das mareas", sementando así dúbidas de que finalmente se produza.

"SAiREMOS REFORZADOS". Villares confiou en que a formación resolverá este asunto "de tal xeito que sairemos reforzados e todo o mundo verá en En marea a esperanza de cambio que lles ofrecemos cando chegamos á política".

Asimesmo, destacou que o principal punto da reunión deste mércores será continuar na senda da preparación das eleccións municipais de 2019, co "municipalismo" como eixe central da xornada.

Comentarios