Villares responde a Noriega e Beiras: "Unha mesa de partidos é unha volta atrás"

"Non podemos volver atrás porque a historia mira cara a adiante. Emprazamos a todo o mundo a participar dentro do espazo que nos dotamos para avanzar, para seguir construíndo aí onde non hai exclusións", apuntou

Villares e Noriega sobre o logo de En Marea
photo_camera Villares e Noriega, sobre o logo de En Marea. EP

O portavoz de En Marea, Luís Villares, referiuse este sábado á proposta de Compostela Aberta para iniciar un proceso de reconfiguración do espazo político a nivel galego a través do adianto das eleccións internas e a creación dunha "mesa da confluencia" que, para Villares, tería un carácter excluínte e suporía "unha volta atrás". 

"Unha mesa de partidos é unha volta atrás, a unha idea de coalición que foi superada en 2016", indicou este sábado Villares en declaracións á Radio Galega recollidas por Europa Press durante o transcurso dunhas xornadas sobre feminismo organizadas por En Marea en Santiago. 

No mesmo día no que Anova sumouse á proposta da formación que lidera o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o maxistrado lucense cualificou de "positiva" a proposición da marea compostelá no sentido de que realiza un chamamento ao diálogo. 

No entanto, na liña do exposto pola coordinadora do partido instrumental após coñecerse o contido da proposta, Villares considera que En Marea xa conta cos órganos e mecanismos para exercer ese diálogo e que a constitución dunha "mesa de partidos" sería dar un paso "atrás". 

En concreto, Compostela Aberta ofrécese como "mediadora" no proceso de reconfiguración do espazo político para o que se crearía unha "mesa da confluencia" cos tres partidos que formaron parte da primeira coalición electoral -Anova, EU e Podemos- e as mareas da Coruña, Ferrol e Santiago. 

"TODAS AS VOCES". "Unha mesa onde non estean todas as voces, unha mesa dos partidos que no seu momento alentaron o partido é unha volta atrás a unha idea de coalición que foi superada en 2016", remarcou Villares en referencia á configuración de En Marea como un partido instrumental no que as persoas participan a título individual e non como representantes de partido, fórmula escollida na súa asemblea fundacional, da que se cumpren dous anos a finais deste mes de xullo. 

"Non podemos volver atrás porque a historia mira cara a adiante. Emprazamos a todo o mundo a participar dentro do espazo que nos dotamos para avanzar, para seguir construíndo aí onde non hai exclusións", apuntou. 

"ADSCRICIÓN PARTIDARIA". Nesta liña, cre que a través da formulación que propoñen os de Noriega persoas que, como el, non pertencen a ningún partido político quedarían excluídas á hora de participar no proxecto rupturista. 

"Unha mesa ten o problema de pór a uns dentro e a outros fóra. Non queremos que ninguén quede á marxe. Unha mesa de partidos sería deixar fóra a todas esas persoas que, como eu por exemplo, non temos partido. Somos xente da sociedade civil que criamos que era necesario participar en política sen ningún tipo de adscrición partidaria", aseverou. 

Nesta liña, ve "lexítimo" que "os representantes dalgúns partidos" defendan "o papel" das súas formacións, pero remarca que En Marea "naceu para incluír a todo o mundo, tamén aos que están en partidos" pero que "sobre todo" o obxectivo do proxecto é "integrar" ás persoas "da sociedade civil" que querían "participar en política". 

Comentarios