Villares: "Temos un equipazo para derrotar a Feijóo"

O político insiste nun proxecto con máis protagonismo da xente que dos partidos e garante fidelidade ao espazo rupturista, tanto se gaña como se perde

Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Luís Villares. PEPE FERRÍN (AGN)

Cal é a palabra que mellor define a súa candidatura?
Dúas palabras: social e municipalista. A primeira porque está integrada por xente que ten ás costas moito traballo en movementos sociais, feministas, veciñais, ecoloxistas... E municipalista porque participa xente de 26 mareas das 35 existentes. Todas son persoas que escoitan cada día o que ocorre na rúa e que coñecen os veciños e o territorio. Todo isto complementado con xente con experiencia institucional en concellos, Parlamento, Europa... Temos un equipazo, un proxecto gañador, pero non para vencer a outra lista senón para derrotar a Feijóo; isto non é un combate interno senón pola hexemonía en Galicia.

E que diferencia a súa proposta para En Marea da dos seus rivais?
En primeiro lugar, intentamos ser coherentes co proxecto político que se lanzou hai dous anos, de adscrición individual e non unha coalición de partidos: todo o protagonismo debe ser das persoas. En segundo lugar, reivindicamos todo o poder político para o espazo de En Marea, sen sometementos nin tutelas como ocorre no grupo do Congreso en Madrid. Que as relacións sexan entre iguais.

Vostede adoita ser crítico coas cúpulas dos partidos, pero está loitando por manterse nunha. Non ve aí certa contradición?
En Marea non é un partido clásico, que é algo do que fuximos, senón un espazo de convivencia onde as persoas que pertencen a outras forzas, a título individual, atopan un lugar participación. Iso é o que reivindicamos: un espazo onde ninguén sexa máis ou menos por estar na dirección dun partido. E iso non significa renegar dos partidos, porque na nosa lista hai xente de Podemos, Anova, de mareas locais...

"Eu nunca criticarei os dirixentes deste espazo publicamente xa que non me gustaría fcer o que fixeron conmigo"

Vese favorito nas primarias?
Véxome con ilusión e se a ilusión dá puntos, de partida eu xa teño moitos. Levamos dous anos pelexando por sacar adiante o proxecto con honestidade e penso que a xente saberá recoñecer En Marea como a súa propia casa.

Interpreta o aumento de 1.500 inscritos como o desembarco de Podemos dentro de En Marea?
Hai unha evidencia: Podemos chamou a súa xente a inscribirse e participar; pero iso é positivo, porque En Marea estaría incompleta sen eles. A súa implicación completa o proxecto e dálle máis lexitimidade ao proceso. É xente que se gaña para a acusa e que demostra que En Marea é máis importante que calquera proxecto de parte, porque sen a unidade non se pode derrotar a Feijóo.

Se gaña, que será o primeiro que fará ao día seguinte?
O mesmo que o día antes, seguir loitando por construír un proxecto gañador para vencer o PP e deixarlle claro a todo o mundo que no Consello das Mareas haberá só 35 persoas remando na mesma dirección. Hai que cohesionar completamente o proxecto para poder ilusionar a xente e ofrecer solucións aos problemas de Galicia.

E se perde?
Pois farei o mesmo que se gaño. A xente que está nesta lista conmigo integrarase nun só proxecto, no que participaremos do primeiro día ao último. Estes dous anos houbo xente que se descolgou dos órganos de dirección, o que empobreceu os debates. Nós participaremos, sexa cal sexa o resultado. E a nivel personal, eu nunca vou criticar as persoas con responsabilidades en En Marea publicamente; non me gustaría facer o que fixeron conmigo. A crítica é lexítima, pero nos órganos internos.

"A transparencia non é malintencionada; só se di que hai deputados que cumpren a carta financeira con máis rigor que outros"

Entendo polo que di que non existe risco de ruptura tras as primarias.
Pola nosa parte non. Só temos un proxecto, que é En Marea. Nós non temos partidos nin outra casa distinta a esta a onde ir; nós só somos mareantes. Así que todo o mundo pode confiar en que ninguén abandonará nada.

E teme vinganzas persoais contra vostede? Algúns conflitos no Parlamento como o de Paula Quinteiro convertéronse en persoais.
Eu confío na madureza política de todo o mundo, non en vinganzas.

A campaña viuse alterada pola polémica da doazón de salarios dos deputados a En Marea. Por que agora?
Varios medios preguntaron polo asunto e a coordinadora, nun exercicio de transparencia, tivo que emitir unha información que, por outra parte, é certa. Todo o mundo sabe que aquí ninguén se queda con cartos; simplemente que uns cumpren con máis rigor que outros a carta finaceira.

Hai quen o ve a vostede detrás da manobra. No seu día tamén lle sacaron a vostede as súas peticións salariais e de chofer. É vinganza?
Non. O exercicio da transparencia nunca pode ser malintencionado. 

Din que nestes anos baixo a súa dirección En Marea minguou.
Antes non había plenarios cada seis meses, nin mareas sectoriais, nin encontros provinciais, nin referendos telemáticos, e xa xurdiu unha treintena de mareas municipais... Todo iso ensancha En Marea, non a empequenece. 

Comentarios