domingo. 09.08.2020 |
El tiempo
domingo. 09.08.2020
El tiempo

Villares ve a Galicia nunha situación de "emerxencia social, climática e económica"

Intervención de Villares no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)
Intervención de Villares no Parlamento. PEPE FERRÍN (AGN)
O portavoz de En Marea volveu a acusar a Núñez Feijóo de tentar "desgaleguizar o debate da nación"

O portavoz do grupo mixto e líder de En Marea, Luís Villares, advertiu este mércores sobre a verdadeira situación de Galicia posto que a "sensación de tranquilidade" que se tenta transmitir desde a Xunta non é real, porque "o certo é que vivimos nunha situación de emerxencia".

"O país está en chamas" cunha situación de emerxencia "social, climática e económica" que supón unha "tormenta perfecta que cristaliza nun triste síntoma, a implosión demográfica de Galicia", relatou.

O portavoz de En Marea volveu a acusar a Núñez Feijóo de tentar "desgaleguizar o debate da nación" botando a culpa da situación a outras administracións "coma se non tivese responsabilidade do que pasa no noso país".

"Buscou vostede as datas para desgaleguizar o debate sobre o estado da nación. Unha distracción para mirar para outro lado e non falar dos problemas das galegas e galegos", denunciou.

Un exercicio de escapismo que segundo Villares débese a que "non hai ideas e non hai proxecto de país" porque na Xunta existe "un goberno de cartón-pedra ao servizo dos lobbies das grandes corporacións empresariais que esquilman e contaminan o territorio, escravizan ás traballadoras, vampirizan o público e empobrecen o noso país".

Neste sentido, o parlamentario acusou ao presidente galego de exercer unha "sorte de anti Robin Hood" que lle quita aos pobres para "darllo aos ricos" con agasallos fiscais.

Na súa primeira intervención durante un debate do estado da autonomía como responsable do grupo mixto tras fracturarse o grupo parlamentario de En Marea o pasado xullo, a intervención de Villares foi máis sosegada e menos crítica que nos anos anteriores nos que interviña como líder da oposición.

Nesta ocasión, o discurso de Villares foi máis propositivo, lanzando medidas para facer fronte ao problema demográfico ou a situación de precariedade porque "cousas que dixo Feijóo esta mañá" están "moi ben" se non fose porque "logo non se cumpren".

"O presidente e o seu goberno fixeron abandono de funcións este dez anos", lamentou neste sentido Villares, que propuxo a posta en marcha de novas medidas para as vítimas de violencia de xénero.

De igual forma, apostou por implantar en Galicia a renda social básica.

Nun terreo de defensa do medioambiente, tamén apostou por establecer aranceis ambientais para as multinacionais e un paquete de medidas contra a emerxencia climática.

Para este fin, ademais, rematou a súa intervención dirixíndose á bancada progresista pedindo un gran acordo das forzas de esquerda para "desde unha perspectiva integral, de carácter social, feminista e nacional", poder acordar un gran acordo social galego contra o cambio climático. 

Villares ve a Galicia nunha situación de "emerxencia social,...
Comentarios