Unha web impulsada por Xunta e USC funcionará como unha rede social entre neofalantes

Ademais tratará de servir como fío de contacto entre empresas e particulares que establezan negocios neste idioma
Acto de presentación da web NeoFalantes. USC
photo_camera Acto de presentación da web NeoFalantes. USC

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboraron para crear www.neofalantes.gal, unha web que a finais de 2022 buscará converterse nunha rede social na que interactúen os neofalantes e favorecerá a creación de comunidades virtuais que empreguen o galego. Ademais, tratará de servir como fío de contacto entre empresas e particulares que establezan negocios neste idioma. 

Esta iniciativa foi presentada este martes na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago –foi desenvolvida polo grupo de investigación Novos Medios– nun acto no que participaron, ademais do seu decano e vicedecana, Xosé Ramón Pousa e Alba Silva, respectivamente, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o reitor da USC, Antonio López. 

O proxecto constará de tres fases durante tres anos. A primeira, xa completada, consistiu no desenvolvemento desta web con varias seccións de noticias de actualidade sobre o galego, investigacións lingüísticas e polémicas en redes relacionadas co idioma, así como vídeos e columnas de opinión. Ademais, a iniciativa terá presenza en redes sociais, principalmente en Instagram e TikTok, pero tamén en Youtube, Facebook e Twitter. 

Na segunda fase, que está previsto completar a finais de ano, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará como unha rede social que permitirá crear comunidades virtuais que empreguen o galego. 

Posteriormente, crearase a área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas a facer negocios en distintos países, especialmente no mundo lusófono, a través da lingua galega. 

Desde o grupo Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, explican que o proxecto tenta "analizar como está a ser o proceso de incorporación de uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán, ou outro idioma, como primeira lingua", para logo adoptar o galego no seu día a día. "Vai destinada sobre todo a un público novo, sen desbotar que hai neofalantes de todas as idades", matizan. 

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta destacou a colaboración entre as institucións "para desenvolver iniciciativas orientadas a coñecer e animar a aquelas persoas que incorporan o galego á súa vida". "As institucións e sociedade debemos apostar por esas persoas e que as poñamos como exemplo para outros mozos, igual que elas apostaron por todos nós ao escoller a lingua que nos identifica e une como galegos", engadiu Valentín García. 

Mentres tanto, o reitor da USC destacou o traballo do grupo Novos Medios, que acumula dúas décadas de experiencia en investigación sobre novas ferramentas de comunicación, á vez que o decano reivindicou a "referencia" que é a Facultade de Ciencias da Comunicación para a docencia en galego. 

Comentarios