Willy Toledo, Valtònyc e Otegui, entre os asinantes dun manifesto de apoio aos militantes do BNG que ocuparon Meirás

Comparten cos denunciados a demanda de que todos os bens expoliados polos Franco en Galicia "volvan ao patrimonio público" e expresan a súa total "solidariedade" cos afectados

Willy Toledo. ZIPI
photo_camera Willy Toledo. ZIPI

Arnaldo Otegui, o rapero Valtònyc, Willy Toledo ou o activista catalán Lluis Llach figuran entre os asinantes dun manifesto de apoio aos '19 de Meirás', o grupo de 19 militantes do BNG denunciado pola familia Franco por ocupar simbólicamente o pazo. 

Baixo o nome 19 de Meirás. Solidariedade, un grupo de representantes do mundo da cultura, da política e do sindicalismo galego e internacional lanzaron un manifesto en apoio a este grupo de militantes nacionalistas que realizaron unha acción "simbólica e pacífica". "Pensamos que esta denuncia é unha verdadeira barbaridade desde o punto de vista tanto político como xurídico. Unha vez máis se está intentando criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, feito que consideramos en si mesmo grave e inadmisible", reza o manifesto. 

Esta situación, apuntan, vese agravada porque quen o fai é "a familia do ditador, que se beneficia e aproveita do botín de guerra, e unha fundación que, polos seus obxectivos de realizar apoloxía do fascismo, non debería existir". Os asinantes din compartir cos denunciados a demanda de que todos os bens expoliados polos Franco en Galicia "volvan ao patrimonio público" e expresan a súa total "solidariedade" cos afectados. 

O grupo promotor da iniciativa, aberta ao apoio de quen o subscriba, está composto por Carlos Babío, Paula Carballeira, Paulo Carril, Cristina Domínguez, Pilar García Negro, Sonia Lebedynski, Margarita Ledo, Miguel de Lira, Ana Miranda, Alfonso Pato, Óscar Pazos, Manuel Pérez Lourenzo, Ana Pontón, María Reimóndez, Manuel Rivas, Francisco Rodríguez, Uxía Senlle, Suso de Toro e Artur Trillo. Ademais, entre os seus apoios desde fóra de Galicia, contan co actor Willy Toledo, o activista catalán Lluis Llach, o politólogo Ramón Cotarelo, o escritor Bernardo Atxaga, o rapero Valtònyc, o coordinador xeral de EH Bildu, Arnaldo Otegui, o vicepresidente do Parlamento Europeo, Dimitris Papadimoulos, entre outros. 

Comentarios