"Se xa hai unha situación de control, crítica e anulación, todo o que vén despois é posible"

A Cidade da Cultura acolleu obradoiros para ensinar aos adolescentes a detectar comportamentos machistas e promover relacións sas. E é que a sociedade comeza a condicionar xa "desde ese azul ou rosa cando a ecografía di se é neno ou nena", explica Chío Couto, traballadora social especializada en igualdade de xénero e fundadora de Anacos Educativos.
Chío Couto (Vedra, 1985). EP
photo_camera Chío Couto (Vedra, 1985). EP

Hai quen alerta dun retroceso na concienciación dos adolescentes contra o machismo. 
Máis que un retroceso, eu creo que é un cambio. Antes identificábanse condutas moi claras, e agora digamos que esas condutas mudaron, igual que mudaron as súas condutas en moitas outras cousas. Cambiaron os seus estilos de entretemento, o lecer é distinto, os medios de comunicación cambian a través das redes sociais... Hoxe visibilízanse máis outras realidades. É un cambio de formato máis que un incremento da intensidade do machismo. Hai un tipo de control diferente: utilízanse máis os móbiles e as redes sociais. Saben en todo momento onde está o outro ou como facer dano, e desde a distancia pódeno facer dunha forma moi accesible. 

Que sinais de alerta amosarían o machismo dun rapaz ou rapaza?
Nós traballamos moito con eles nesas violencias sutís, esas que non son de fácil identificación pero que están aí. Un exceso ou necesidade de control, as opinións sobre como se viste, como se fala, como se actúa... Todo iso ao final condiciona. Se hai ese control, esa crítica e esa anulación, todo o que vén despois é posible. Por iso, traballamos ca autoestima das persoas, en visibilizar que as mulleres poidan ter esa aceptación de si mesmas, como unha maneira de que se fagan máis fortes para combater estas situacións. 

Onde lles nacen estas actitudes? 
Pois de absolutamente toda a nosa realidade social. A nosa sociedade é machista e patriarcal en si mesma, o que dá pé e xustifica moitas condutas machistas pero socialmente aceptables. Desde esa primeira boneca que se regala a unha nena para que aprenda coidados ou a estar ben amañada. Os xoguetes xa condicionan e educan. Din o que debes ser para ser socialmente aceptada. O machismo nace aí. Ese azul ou rosa desde que a ecografía di se é neno ou nena. A partir de aí vanse reproducindo roles que se van mantendo no tempo e fan que o machismo perdure. 
 

Na xente nova, máis que un aumento da intensidade de machismo, hai un cambio de formato"


Como podería ser unha guía básica de boas prácticas en casa? 
Máis que boas prácticas, é ter consciencia. Estar alerta, visibilizar o que non está ben por moito que estea denominado como normal, falar diso, preocuparnos moito de como sentimos e de como nos fan sentir os demais nas nosas relacións afectivas. É facer unha análise de toda a realidade social para despois poder identificar cada caso. Por onde se empeza? Creo que por ter moita información contrastada. Hai moitos manuais, cursos... Nós facilitamos recursos aos centros de ensino para traballar con eles, que haxa contido adaptado á súa idade e gustos. 

Entre as actividades do obradoiro tamén hai xogos en familia. Educar aos adultos é aínda máis necesario que educar aos adolescentes? 
Iso sempre. Moitas veces falamos de cambiar desde a raíz, reeducar desde as idades máis temperás, pero non facemos nada se non educamos tamén a parte que temos en casa: nas familias. Porque se non se modifican os espazos domésticos, as accións machistas reprodúcense. Os pais e as nais teñen que estar actualizados nestas problemáticas. A coeducación é básica e ten que afectar a todos os piares da sociedade. Se só intervimos na realidade dos pequenos nunca lograremos un cambio efectivo. 

É necesario incidir máis sobre os rapaces que sobre as rapazas? 
Falar disto por separado é algo que está mal exposto. Hai que traballar tanto a conciencia dos mozos como das mozas, aínda que con enfoques distintos, sendo conscientes da diferenza na situación de cada un, na que uns son prexudicados e outros beneficiados, pero facendo partícipe a todo o mundo, visibilizando ambas as responsabilidades. Ambos teñen o seu labor e o seu parte activa que poden facer para axudar ao cambio. 
 

Falamos de cambiar desde a raíz, pero non facemos nada se non se educa tamén a parte que temos en casa: as familias"


Eu creo que nin sequera se pode dicir que os mozos se beneficien sempre do machismo.
Totalmente, porque o machismo crea uns roles e estereotipos de como ten que ser un mozo e unha moza. E se non eras un home normotípico e non reproduces o que a sociedade che impón, tamén te ves prexudicado. Todo isto beneficia á sociedade no seu conxunto. Fálase de equilibrar dereitos para que todo o mundo teña as mesmas oportunidades. Iso non pode ser malo para ningunha parte. 

Fan falta máis referentes masculinos que abanderen esta influencia contra o machismo entre os adolescentes? 
Fan falta referentes de todo tipo. Sempre se buscan para sentirse identificado, para ver que é posible ou para, dalgunha maneira, estar presente. E si fan falta máis homes que abanderen a figura do feminismo e desmitificar a palabra ‘feminista’ asociada á muller, aínda que sen quitarlle a súa poder, porque tampouco se trata de que os homes tomen todo o protagonismo, senón que acompañen unha loita que é compartida. 

A xente nova que hoxe é machista recalcitrante... é recuperable? 
Por suposto, porque se trata de algo adquirido socialmente. Non digo ningunha loucura se digo que todo o mundo ten condutas machistas, mesmo a persoa máis feminista e máis concienciada, porque é un patrón que está aí e que consumimos desde que nacemos. Aínda que poida estar máis ou menos intensificada esa conduta, nunca é tarde para revertela. É simplemente mostrar, abrir conciencia, sensibilizar. Porque se cadra, pensando en xente de xeracións maiores, esa persoa pode reproducir condutas machistas sen tomar conciencia do que está a facer, senón como unha conduta social adquirida en tempos nos que non se poñían en cuestión cousas que agora si se empezan a poñer.


"Quitarlles o móbil aos rapaces só é ocultar un problema que non vai desaparecer" 

Adoita falarse moito do peso das redes. Quitarlles o móbil aos mozos é unha solución ou só é meter o problema baixo a alfombra? 
Evitar ou prohibir trae consigo ese poñerse en contra. Ao final, os medios tecnolóxicos están na nosa realidade e necesitámolos para moitas cousas. Quitalos é ocultar un problema que non vai desaparecer, cando ademais ofrecen moitas alternativas para que axuden contra o machismo. Son unha ferramenta máis, só que hai que educar no seu uso. En como utilizalas, saber que contidos son adecuados, analizalos... Moitas veces poño o exemplo do reggaeton: non podemos prohibir que o escoiten, ou sexa que hai que poñerse diante deles, preguntarlles cales son os seus gustos e pedirlles que analicen e sexan moi conscientes da mensaxe que hai implícito. Que o escoiten, pero desde outra perspectiva e con toda a información.

Comentarios