"A xente que vexa o documental fará o Camiño de Santiago dunha forma distinta"

José Antonio Vázquez Taín, xuíz titutlar do Xulgado do Pena nº 2 da Coruña, escritor e cineasta presenta o documental 'Peregrinas' que relatará as historias das mulleres que contribuíron ao crecemento e á expansión da ruta xacobea dende o seu nacemento. Estrearase "en outubro, ou como moi tarde en novembro" 
photo_camera

Sobre que versará a realización?

A idea principal responde a unha pregunta que me fixen cando estaba investigando o pasado do Camiño. Descubrín que o número de peregrinas mulleres é superior ao de peregrinos varóns. Por este motivo, cuestioneime se isto sempre fora así ou se é un fenómeno recente. Nese momento, comecei a estudar ás peregrinas da Idade Media. Foi aí cando me decatei de que xa no nacemento da ruta xacobea, no século IX, comeza a facerse unha peregrinación moi local. Afondando máis, tamén comprobei que, daquela, un terzo das camiñantes que ían a visitar a tumba do Apóstolo foran mulleres. E non só iso. Moitas das infraestruturas, como o Hostal dos Reis Católicos ou o Hospital da Condesa, foron construcións que responden á iniciativa feminina, das mulleres.

Que o levou a lanzarse ao formato documental?

Sempre fun un apaixoado da Historia, especialmente da de Galicia. Tamén arrastro a inquedanza por transmitirlle á xente os datos que demostran que Galicia posúe unha das tradicións culturais e documentais máis importantes de Europa. Por este motivo, busquei unha linguaxe popular coa que chegar á xente para transmitirlle a verdadeira importancia do Camiño de Santiago. Despois de escribir o libro ‘Mais alá e máis arriba’ descubrín que había outro formato que podería conseguir moita proxección internacional. Doutra banda, quería evitar a repetición dos tópicos sobre o Camiño para demostrar a verdadeira transcendencia histórica de Galicia.

Séntese máis cómodo con este traballo que coa ficción literaria?

Na ficción, normalmente escribes un libro e non tes que dar resposta del. No entanto, o documental ten que ser moi fiel á realidade e á documentación. Neste formato síntome máis responsable.

Quen lle contaxiou esa paixón polo Camiño de Santiago?

Eu percateime da súa importancia despois de facerme a promesa de percorrelo en canto aprobase as oposicións. En 1.200 anos con el aberto nunca se interrompeu. Aí é onde descobres que o motivo relixioso non é o único. Trátase dunha travesía que che fai conectar coa historia, sobre todo coa de Galicia. Daste conta de que participas nun fenómeno cunha traxectoria de máis de doce séculos.

Que lle pretende transmitir ao espectador contando tales relatos?

Pretendo comunicar realidades. A nosa vida parece que non ten nada que ver coa dos nosos avós pero ao final acabamos repetindo sempre os mesmos erros. O Camiño pódenos ensinar moitísimo sobre a importancia que tivo a nosa rexión nunha época na que semellaba que non eramos ninguén.

A contribución das mulleres ao Camiño foi esquecida pola Historia?

Tendo en conta que o 50% da humanidade son mulleres, a contribución a un fenómeno histórico sempre é igual. As mulleres sempre teñen tanto que ver nestas achegas coma os homes. Houbo un gran número de mulleres que emprenderon no pasado a perigosa aventura de percorrer a ruta xacobea e arriscar a vida para poder contemplar a tumba de Santiago. E houbo outras mulleres que mandaron levantar construcións para que atravesalo fose posible. Con esta recompilación, dende unha perspectiva feminina poderemos ver canto lle debemos a esas mulleres que non teñen nome propio en moitos casos, pero ás que llo imos poñer.

Que lle pode achegar o documental a quen vaia peregrinar?

A xente que le o meu libro ‘Máis alá e máis arriba’ comenta que cando fai o Camiño xa non o realiza da mesma forma. O mesmo sentirán as persoas que teñan a oportunidade de ver ‘Peregrinas’. Cando temos a oportunidade de coñcecer o que pasou exactamente en moitos dos recunchos e lugares somos capaces de aprecialos moito máis. Moitos peregrinos non se paran ante mosteiros de oito séculos de antigüidade porque non coñecen a súa relevancia histórica. Ao ver o documental os espectadores van a descubrir as curiosidades que fan tan importantes moitos monumentos.

"Peregrina a Santiago fíxome ser un mellor profesional e ensinoume a ir sen medo"

Que pegada lle deixou o Camiño na súa carreira?

Eu aprobei a oposición no 1998 e no 1999 era Ano Santo. Prometinme peregrinar cara a Santiago e cando o fixen descubrín que un pode superarse a si mesmo. O reto de ir avanzando en cada unha das etapas mediante o esforzo físico e espiritual demostroume que podía ser un xuíz que traballara polo ben de todo o mundo. Tamén me fixo ir sen medo. Cando cheguei a Santiago, xa imbuido nesa perspectiva de superación, deime conta de que podería ser unha mellor persoa e un mellor profesional.

Que leva a un xuíz de renome a facerse escritor?

Simplemente o poder transmitir experiencias propias. Considero que os que vivimos cos pés na terra e nos dramas dos demais somos os máis preparados para contar as vivencias para que o resto de individuos non cometan os erros que outros xa experimentamos, se non en primeira persoa, case case desde ela.

Comentarios