''Nuestra tierra necesita menos baile y más trabajo''

Xoán Gato apuesta por la creación de empleo para relanzar Galicia (Foto: Jorge Meis. AGN)
photo_camera Xoán Gato apuesta por la creación de empleo para relanzar Galicia (Foto: Jorge Meis. AGN)

Á primeira pregunta, un 'que tal', responde:  ''Bueno, aquí estamos, en espera. Como están os toureiros en capilla, non sabes?''. Xoán Gato, candidato á Presidencia da Xunta por Terra Galega agarda o vindeiro 1 de marzo con expectación.

Son as súas primeiras eleccións autonómicas, despois de 23 anos ao frente do Concello de Narón, e concorre a elas co convencemento de que a súa formación é a alternativa que falta no 'menu político galego'.

Unha opción ''galeguista e de centro'', sen ansias de Consellerías, pero cunha mensaxe moi clara: ''Menos baile e máis traballo para a nosa terra''.

Pregunta: Nestas primeiras eleccións autonómicas ás que concorren, e despois de rematar como cuarta forza nas pasadas municipais, a cantos escanos aspira Terra Galega?

Resposta: Tendo en conta as nosas limitacións de tipo económico e de presencia nos medios oficiales como a Televisión de Galicia, estariamos conentos se quitaramos de 2 a 3 deputados; 1 ou 2 pola provincia da Coruña e 1 pola de Lugo.

Por Ourense e Pontevedra témolo máis difícil pero temos que intentalo.

O que pasa é que nós non temos cartos para facer enquisas e os que as fan non preguntan por nós. Terra Galega aparece nese 17% de 'Outros', xunto co 12% de indecisos e o 15% do 'Non sabe/non contesta'.

P:
Apoian a proposta de Esquerda Unida de baixar a barreira legal para acceder ao escano ao 3%?

R:
Apoiámola e ademais superámola. Pensamos que a barreira legal para estar no Parlamento tiña que ser o 1%, o Parlamento tiña que representar proporcionalmente o voto dos electores.

Home, medio deputado non pode ser! pero o que non pode pasar é que Izquierda Unida en España perda un millón de votos pola porcentaxe da barreira legal.

Ademais a barreira legal altísima ten unha consecuencia gravísima: que se vai utilizar o 'voto útil'. Por un lado ao PP, que non vai volver pactar; polo outro botar unha moeda ao aire para votar ao BNG ou ao PSOE, que é o mesmo porque van gobernar xuntos. Vai variar o número de Consellerías, pero non vai haber opción de cambio.

Competencia de principiantes
P:  UPyD, a outra formación 'que se estrea', vai ter espazo no Parlamento?

R: Un partido de carácter estatal que nace coa idea de competir con PP e PSOE, eu póñoo do mesmo lado da balanza ca eles.

Penso que non van ter incidencia, se triunfa a mensaxe de que o noso país se ten que normalizar con forzas políticas propias. Vanlle quitar votos aos socialistas e ao PP, non teñen nada que ver co galeguismo, a nós non nos van afectar.

Nós temos a nosa esperanza neses miles de galegos e galegas que están indecisos, que non van votar, e que están desencantados da política actual. Para eles aparece no menú político outra opción, galeguista e de centro como é Terra Galega.

Iso non ten nada que ver con UPyD que nin coñece o noso proceso histórico, nin como chegamos á situación actual de dependencia.

Disputas internas
P: Como lle pode afectar a división interna de Terra Galega -entre o sector partidario do liderado de Padín e o do liderado de Gato- á súa participación nos comicios?

R: No único que nos podía afectar era no senso de que a Xustiza non nos deixase presentar aos comicios coas siglas de Terra Galega. Pero iso xa está solucionado, e nós somos os poseedores e os representantes das siglas. O 95% dos concellais e dos alcaldes están con nós, nas catro provincias.

O noso traballo e a nosa dificultade vai estar en chegar ao electorado cunha opción totalmente nova e distinta. Olvidarnos de outros que queren vivir a conta das siglas pero sen dar alternativas a Galicia.

A outra opción galeguista
P: Considéranse moito máis radicais que o BNG no compromiso social con Galicia...

R: Cando falaba de normalizar o menú político de Galicia referíame a que o BNG non pode ser a única opción galeguista. Sobre todo tendo en conta a 'prostitución', esa é a palabra, do seu ideario político.

Non hai que esquecer que é o partido que primeiro dicía que había que pechar as Diputacións e agora están metidos nelas cobrando, que non valía a Constitución, que non valía entrar na OTAN, que había que votar en contra da Constitución Europea...

Dicían que o facían por amor a Galicia, pero agora que están gobernando, estes catro anos foron unha etapa de retroceso tremendo.

Cando precisaban o seu voto para aprobar os presupostos, os vascos arrincáronlles centos de millóns de euros aos socialistas para investir en I+D+i. Nós démosllo por 150 millóns de euros, que non é nin o presuposto do concello da Coruña.

O futuro: a reindustrialización
P: Din que o BNG foi negociar os presupostos con Zapatero e ''volveu sen nada''. Agora que se está a negociar a nova financiación autonómica, que lle pediría Xoán Gato a Madrid?

R: Hai que loitar para Galicia non volva ser a 'irmá pobre' do Estado español. Somos a Comunidade Autónoma que máis envellece, e que pasou en 15 anos de ser o 9% da poboación española a ser o 6.

Hai uns datos demográficos que hai que ter en conta á hora do reparto do financiamento autonómico para que a converxencia de todos vaia achegándonos a todos. Que Galicia deixe de ir no vagón de cola, sempre enganchada ao Estado español, pero sempre detrás.

De todos os xeitos, se agora fas unha enquisa entre a poboación galega, sobre as súas maiores preocupacións, están o paro, a crise, a vivenda, a sanidade, a educación... E ao fondo de todo, aló polo décimo posto, está a cuestión autonómica.

Aposta pola austeridade
P: Terra Galega opta pola austeridade para superar a crise. Onde hai que recurtar?

R: Cos presupostos actuais Galicia podía dispoñer de máis de 1.500 millóns de euros para poñer en marcha políticas activas de creación de emprego.

Non fai falta que un país pobre como Galicia teña un gran monumento pra a inutilidade como a Cidade da Cultura. Gastamos 8 millóns de euros en coches oficiais e teléfonos móbiles. É incrible.

Con políticas activas de emprego refírome a políticas de asentamento de chan industrial, porque non hai un metro cadrado de chan industrial en Galicia; apoiar as pymes, inclusive regalándolles os terrenos. E coller aos autónomos de Galicia, que están ao límite. Porque o día que estes autónomos caian vai caer moito máis o emprego.

Aforro e austeridade no uso dos cartos dos galegos e todo isto revertido en políticas sociais. Non vale con andar botando bailes coas señoras maiores cando non chega ao 20% a xente que ten necesidade de axudas de dependencia e están atendidas.

O 'tufo' do concurso eólico
P: E o concuro eólico non servirá para crear industria?

R: Dende fóra non podo dar unha explicación exhaustiva do parque eólico. Pero debe de cheirar moi mal cando os mesmos membros da mesa, do equipo da Xunta, se levantaron cos pañuelos na boca porque lles daban vómitos.

Non hai dereito a que o 18% dos galegos, que é a porcentaxe de votos que obtivo o Bloque, lle poida impoñer un parque eólico ao outro 20%.

O parque éolico debía darlle a Galicia máis de 7.000 millóns de inversión direta en creación de emprego. E hai exemplos de concesións a empresas que están a crear periódicos moi ligados ao BNG; e ás dúas caixas de aforros, que case non acompañan ningún expediente de reindustrialización. Os grandes proxectos industriais quedaron aparcados.

Se nós chegamos a ser chave no Parlamento hai que levantar as alfombras e airear todo esto, que sexa 'luz e taquígrafos'. Iso que tanto reclamaba o BNG.

Expectativas de Goberno
P:
Que prezo lle poría a ser chave de Goberno e a quen se aliaría?

R: Nós somos un partido de centro, con experiencia na vida municipal e temos pactado con todos: co PSOE, co BNG, con Alianza Popular, co PP agora.  Aquí o importante é aquela frase tan famosa que tiña Anguita cando estaba en Izquierda Unida: ''programa, programa, programa''.

Nós temos un programa de oito puntos. Deles, os básicos son austeridade presupostaria, políticas activas de emprego e cando saian beneficios de todo isto investilos en políticas de carácter social.

Estes tres puntos son os que poden relanzar Galicia e acabar co clientelismo e os amiguismos. Coa prostituída palabra subvención que se otorga ao gusto da música que lle sona aos conselleiros. As subvencións deben quedar para as catástrofes, para cando non hai máis remedio, pero non poden ser a norma como son agora.

P: E de poder pedir unha Consellería, como chave de Goberno, cal sería?

R: Non temos preferencia ningunha. Ou ao mellor ningunha Consellería. Co tempo que levo na política, non me interesa ter unha Consellería porque si, por estar.

O importante é que quen goberne, se quere contar cos nosos votos, cambie a situación actual. E se temos que coller algunha responsabilidade de Goberno, falariámolo en pé de igualdade.

P: Que se pode facer co voto emigrante?

R:
É a maior cacicada da Historia pero esta aí e é un péndulo: cando goberna o PP válelle, cando goberna o PSOE protesta o PP e cando goberna o PP protesta o PSOE.

A ningún dos dous lle interesa cambialo porque é moi fácil coller unha saca de votos cando vén voando por riba do Atlántico, contar 500 votos e cambialos para o outro lado.

Con vistas ao 1-M
P: Adiante un resultado electoral

R: Vai depender moito do que Terra Galega poda incidir. O normal é que gane o Partido Popular, aínda que penso que vai perder algún deputado.

O PSOE pódese manter, pero tamén lle pode incidir a crise. E o BNG penso que non vai medrar máis porque inclusive ten problemas internos.

E aparece esa masa de indecisos, de non votantes, dos que non saben/non contestan; pero que son máis dun 20%. Imos incidir nese 20% e se as eleccións saen como temos previstas pode haber un cambio radical, e subliño o de radical, na política galega.

Non no senso de que imos poñer, como dicían outros, fronteiras en Piedrafita ou que imos dicir que non nos vale a Constitución. Cambio radical nos presupostos e na atención aos problemas reais de Galicia.

É dicir, menos baile e máis traballo para a nosa terra.

Comentarios