''Potenciar la eurorregión y tratar a Portugal como si fuesen enemigos es incoherente''

Preto de cumprir as dúas décadas de existencia, o Eixo Atlántico vai gañando importancia e capacidade de decisión no ámbito da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Substituir os conceptos de rivalidade e competencia polo de oportunidade supón un dos obxectivos básicos desta organización, da que forman parte representantes de ámbolos lados do Miño. Xoan Vázquez Mao é o seu secretario xeral.

Pregunta: Cada día a eurorrexión ten un maior peso. Na rúa sábese o que significa? Hai coñecemento?

Resposta:
É un tema que non está medido. A miña impresión é que toda a xente sabe da eurorrexión porque fala dela pero ninguén sabe realmente en qué consiste. A xente analiza a eurorrexión en dous parámetros. No afectivo funciona moi ben a relación Galicia-Portugal, é moi positiva.

P: Hai unha parte negativa?

R:
O que hai é unha parte conflitiva, cando está recibindo as declaración políticas a través dos medios. O aeroporto de Sá Carneiro é o rival, por exemplo. E iso provoca que vexamos aos portugueses como os inimigos. Hai tal incoherencia nalgúns políticos e empresarios, que a xente ten unha tremenda confusión.

P: Como vai cambiar a eurorrexión o día que estea rematado o Ave Vigo-Porto?

R: Será un elemento dun impacto socioeconómico tremendo. Vai poñer en valor a intercomunicación dos aeroportos, fronte a ese discurso catastrofista duns aeroportos contra outros. E o mesmo vai ocurrir cos portos. Para competir temos que poñer os nosos portos en rede, como peiraos dun único porto. E a estrutura marítima que temos o permite. Galicia tamén será a porta de entrada de España en Portugal a nivel económico. Hai moitas máis afinidades e estruturas máis compatibles.

P: Xurdiron dúbidas respecto á rendibilidade do Ave...

R: O problema das dúbidas depende de quen faga os estudos. Como non os temos tampouco podemos medir a xente que se despraza, e por iso dise que non é necesario. Canta xente cruza a diario a ponte de Tui en coche? E canta xente non vai porque non ten forma de ir?

P:
É necesario?

R: Somos unha eurorrexión de 6 millóns de habitantes que non temos ningún sistema de transporte. Ningún. Alguén imaxina unha zona como Madrid sen transporte? Cun ferrocarril competitivo, como o que une A Coruña-Vigo, que relacións habería? É máis, canta xente ía a Cidade Real dende Madrid antes de que houbese o Ave? Ou a Guadalajara? Cero.

P: Agora mesmo as conexións non son competitivas.

R:
O tren Vigo-Porto tarda tres horas, eu definiríao como a versión cutre do Shangai Express. É surrealista, absolutamente impropio do século XXI e desta zona de Europa. Cando o explicas por Europa pensan que estás de broma. Non falamos de Uganda ou de Tanzania.

P: Vanse perder os fondos europeos?

R: Os fondos de momento non se están perdendo. Eu quero reivindicar que no 2000, sendo Loyola de Palacio comisaria de transportes, tivemos unha reunión con ela. Loyola integrou como eixo prioritario toda a liña de Ferrol a Lisboa. Iso significa que ata o límite do razonable a comisión vai aguantar. Todos estes aprazamentos son consecuencia da nosa xestión.

Aeroportos
P: Que lle parece a competencia entre os aeroportos galegos e Porto?

R: Moi incoherente. Temos no noso territorio un dos aeroportos máis modernos de Europa e poñémonos a pelexar con el. En Grenoble e a zona fronteiriza entre Francia e Suíza hai un aeroporto internacional e os franceses van encantados a ese aeroporto en territorio suízo. É máis, as autoestradas francesas así o indican.

P:
Veno como unha oportunidade?

R: Xustamente. E nas súas zonas teñen aeroportos, pero este serve para ir a outros sitios. Nós, non. O inimigo en casa.

P:
Pero moitos galegos seguen indo a Porto a coller o avión...

R:
A xente confunde competencia con competitividade, pero á cidadanía impórtalle pouco iso. O que hai que facer é complementarnos. Dentro dese xogo de rede, cada director de aeroporto ten que discutir, levarse para o seu aeroporto o que lle interese. Como se fosen departamentos dunha empresa.

''Valença non vai vivir toda a vida de vender toallas''
P: O concepto de fronteira ten mudado moito nos últimos anos...

R: Hai elementos intanxibles que teñen impacto na vida da xente. Un efecto fronteira é o límite das telefonías. Unha señora de Valença para falar co cliente de Tui, a 500 metros, paga conferencia internacional. E un de Vigo cun de Barcelona ten tarifa plana.

P:
Fai falla máis investimento?

R:
Agora hai unha interrelación potentísima. E canto máis potente é, máis recursos necesitas. Está claro que a fronteira non vai vivir toda a vida de vender toallas. Hai 20 anos Valença era unha cousa simpática, pero agora ten un parque empresarial e se está preparando para o Ave.

P:
A rede será un lobby de presión?

R: Si, claro. Pero lobby entendido como xogo de equilibrios, non como lobby americano.

Comentarios