"Xa houbo a ilusión do 'sorpasso' o 26-J e vimos o que pasou"

"O PSdeG vai intensificar a recuperación creando emprego por unha vía menos lenta e incerta"

O candidato socialista á Xunta, profesor e economista de Noia ao que avalan anos de xestión no sector público, defende que o único cambio "responsable" pasa por un PSdeG que anteporá o "respecto ao programa" á hora de pactar
Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) colle velocidade para o 25-S
photo_camera Xoaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) colle velocidade para o 25-S

¿Por que hai que votar ao PSdeG?

Porque nós representamos un cambio fronte as políticas do PP. Un cambio que defende os servizos públicos, que impulsa o emprego de calidade e ampara os sectores produtivos para conseguir unha Galicia máis forte. Pero somos un cambio responsable, tranquilo e firme no que se pode confiar.

Unha das súas medidas estrela consiste en eliminar o copago sanitario para 650.000 pensionistas.

As pensións tiveron un crecemento moi escaso nos últimos anos e as de Galicia están entre as máis baixas de España. O Goberno de Rajoy obriga os pensionistas a pagar polas medicinas, unha esixencia excesiva para as pensións baixas. Nós cremos que se pode facer un esforzo desde a Xunta e inicialmente suprimiríamos esta taxa para aquelas rendas de menos de 18.000 euros ao ano. De todas formas, aspiramos a que no futuro o copago sexa eliminado desde o Goberno central e non ter que compensalo desde a Xunta.

Crise demográfica

"A solución é unha vez máis crear emprego, para que así regrese a xente que emigrou e atraer a cidadáns estranxeiros"

A crise demográfica é un dos maiores problemas de Galicia, senón o maior. Que solucións achegan os socialistas para paliala?

Non se pode actuar de forma decidida contra a regresión demográfica se non hai unha aposta pola creación de emprego estable e de calidade. Só así se pode lograr que, por unha parte, regrese xente que emigrou e, por outra, atraer a Galicia a cidadáns doutros países.

E en canto á escasa natalidade?

De novo, as parellas mozas que deciden crear unha familia necesitan empregos estables. Ademais, cómpre fomentar a conciliación da vida laboral e familiar. Isto conséguese cunha maior oferta de escolas infantís e cunha organización máis intelixente dos seus horarios. Neste senso, o PSdeG propón ampliar as actividades extraescolares. En canto aos horarios laborais, deben negociarse con empresas e sindicatos.

Para aforrar custos aos pais o PSdeG insiste en establecer a gratuidade dos libros de texto nos colexios. Por que é tan importante?

É importante para a economía das familias e sobre todo neste mes, en setembro. Porque empeza o curso escolar e hai xente con dous fillos en situación precaria que ten que gastar 800 euros en libros de texto. O sistema de préstamo poñeríaos a disposición de todos os alumnos e significaría menos gasto para familias e Administración.

Agora mesmo hai un programa que os subvenciona.

Subvenciónaos só para algúns pais, e aínda así gástase máis que co programa de gratuidade do Goberno de Pérez Touriño, que ademais era máis solidario.

Campañas electorais

"Son necesarias para volver a explicar o valor da política nun tempo de fartazgo dos cidadáns"

No seu programa figura un plan para crear 10.000 empregos ao ano para mozos e parados de longa duración. Como agarda conseguilo?

Nós non aspiramos a que se creen 10.000 empregos ao ano, que serían 40.000 en toda a lexislatura, senón moitos máis. Pero eses son os que segundo as nosas contas poderíamos bonificar. É dicir, podemos incentivar a que as empresas contraten a 10.000 mozos e parados de longa duración. Son dous colectivos con dificultades de empregabilidade e por iso hai que facer un esforzo adicional, que ciframos nuns 100 millóns de euros.

A taxa de paro reflicte certa recuperación respecto aos anos máis duros da crise pero... que hai dos mozos no estranxeiro?

Nós non negamos certa recuperación. Estamos saíndo da crise pero por unha vía demasiado lenta e incerta. A proba está en que Galicia medra menos e crea menos emprego que o resto de España. O noso programa baséase en intensificar esa recuperación. O Goberno de Feijóo perdeu 136.000 postos de traballo e isto propiciou a fuxida de miles de mozos galegos. A solución para que regresen está unha vez máis en crear emprego, e créano sobre todo as empresas, ás que debemos bonificar e facilitarlles as condicións en canto a solo industrial ou infraestruturas.

O seu programa contén moitas medidas económicas. Supón unha vantaxe ser profesor de Economía?

Levo anos ocupándome da economía de Galicia en diversos ámbitos e sei en que clave se moven as cousas porque as teño estudiadas.

Situación no PSdeG

"Os ecos das batallas internas hai tempo que deixei de escoitalos. Vexo unha militancia unida para desaloxar a Feijóo"

Aínda resoa o eco das batallas internas e a convulsa elaboración das listas no PSdeG. Pode isto pasar factura o domingo?

Esos ecos hai tempo que deixei de escoitalos. Desde que entramos en campaña o que vexo é o compromiso do conxunto da militancia para desaloxar a Feijóo da Xunta.

E como vai a campaña en Vigo?

Con normalidade. Tivemos un acto co alcalde e a presidenta da Deputación, con moita entrega por parte da militancia.

Cre que a presencia de Sánchez na campaña, excesiva segundo algúns, é beneficiosa ou pode prexudicar a imaxe do PSdeG tal e como está o panorama nacional?

Eu non diría que é excesiva, senón necesaria. Demostra que a dirección do PSOE apoia o partido en Galicia e a min coma candidato.

Que o levou a presentarse como candidato socialista en Galicia?

En primeiro lugar, o compromiso coa política, que non perdín malia a estar uns anos alfastado. E o segundo, o convencemento de que podo aportar renovación, apertura, conexión coa sociedade e galeguismo ao meu partido.

Comentarios