"Se o xornalismo non é crible pode perder a batalla contra a máquina"

A comunicación volve estar na encrucillada nuns tempos de fake news, evolución de formatos e dificultades económicas. Ana Isabel Rodríguez, decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, lanza unhas claves sobre o futuro da profesión e como a formación pode contribuír á súa supervivencia
Ana Isabel Rodríguez Vázquez (Lugo, 1971). PEPE FERRÍN.
photo_camera Ana Isabel Rodríguez Vázquez (Lugo, 1971). PEPE FERRÍN.

Tras a súa elección en maio como decana dixo que apostaría "pola calidade como peza nuclear" da facultade. Un ensino de calidade é suficiente para ter un xornalismo de calidade?
Indubidablemente si. Hai informes que amosan unha crecente desafección entre a cidadanía e o consumo informativo, non só nas xeracións novas, senón tamén noutras máis adultas que xa estaban fidelizadas. E detectan certas tendencias preocupantes na saúde do xornalismo en xeral. Iso temos que coidalo desde a formación, coidando a esencia do xornalismo: a credibilidade e a confianza que lle podemos outorgar ás nosas audiencias. Porque unha sociedade que queira ser democrática e sa necesita un xornalismo forte, san e de calidade. E iso temos que inculcalo revalorizando e revitalizando o valor do xornalista no proceso mediatizador da comunicación.

Entón, cales son os grandes problemas do sector neste sentido?
Un dos primeiros condicionantes está no músculo económico das empresas. Desde 2008 levamos padecendo unha crise case sen tregua e iso afecta a algo esencial para manter a liberdade e a independencia do xornalismo, como é ter unhas condicións laborais dignas e consolidadas. Ademais, deuse a tormenta perfecta ao sumarse a complexidade do desembarco do contexto dixital, que houbo que afrontar nesas circunstancias de gran dificultade. Despois está a conexión coas audiencias: facer que o xornalismo siga sendo útil á sociedade e que esta o aprecie. Este terceiro desafío está en construír unhas audiencias críticas que saiban valorar o labor que hai detrás dunha noticia ben feita. Desde a profesión temos que ser máis transparentes e prácticos, dialogar moito con elas, abrirnos a explicar ben o noso traballo.

Pódeselle atribuír a esas audiencias unha parte de responsabilidade nas tendencias do xornalismo actual?
É unha das grandes preocupacións. Se lle vale á audiencia consumir calquera tipo de información con que sexa gratuíta e sen saber apreciar ben a súa fiabilidade, está claro que, por moito que nos esforcemos desde o xornalismo, pouco imos conseguir. Hai que reivindicar ese xornalismo de calidade, que ten un custo empresarial, e para iso tamén hai que reivindicar un público que saiba consumir ese xornalismo, que o valore, o busque e aposte por el. E, á vez, o xornalismo debe saber conectar a axenda co que quere o público e cos tipos de narrativas e formatos que demanda, cada vez máis áxiles pero non por iso máis superficiais, pero sen caer no tópico de que este sempre ten razón, senón diferenciando que información necesita a cidadanía.

Habería que reforzar os criterios de servizo público fronte a certas esixencias de viralidad e inmediatez.
É un xogo de equilibrios moi difícil, porque non podemos renunciar a cuestións como esa inmediatez que ofrece o xornalismo dixital ou ás necesidades da audiencia de que se expliquen certos temas que ao xornalista pódenlle parecer secundarios. Pero xunto a iso tamén hai que posicionar a responsabilidade ética e ese xornalismo de contextualización e investigación que ás veces custa tanto facer pero que é necesario dentro desta sociedade de ruído, de desinformación tóxica.

O rigor ético do xornalista é un dos factores nos que si pode influír a formación universitaria?
Nós temos a responsabilidade de que os novos profesionais entendan ben o escenario no que terán que traballar e as súas responsabilidades: que este labor hai que sabelo facer, que a información é delicada e que se manexarán temas sensibles. Para iso hai que darlles as ferramentas. Non só as tecnolóxicas, senón tamén as necesarias para ter o coñecemento do que é facer xornalismo. 

O ensino é capaz de adaptarse á velocidade á que evoluciona todo? 
Na facultade tentámolo por todos os medios. Nestes trinta anos elaboráronse xa distintos plans de estudo e agora mesmo estamos nun proceso de reactualización. O procedemento que conleva a verificación do título, que pase os filtros da universidade e do ministerio, publicalo e implantalo supón unha media de dous ou tres anos, que é un tempo no que poden producirse cambios moi fortes nesta profesión. Por iso temos que ir bastante por diante cando deseñamos un plan. Con este reto estamos agora facendo o esforzo de actualizar os das catro titulacións que implantamos na facultade, para seguir dando resposta aos desafíos do xornalismo e a comunicación.

E cara a onde apuntan os principais cambios na universidade?
Unha vía mira cara ao contexto  dixital. Dentro diso está a dobre vertente da adaptación ás ferramentas e as narrativas propias del, reforzando o xornalismo de datos, a visualización, a documentación, os formatos para redes, o enfoque do xornalismo baseado nas audiencias... E doutra banda, estamos a reforzar as bases do xornalismo e os valores clásicos da profesión, como a ética neste contexto tecnolóxico, por exemplo co debate sobre a intelixencia artificial e como afecta á profesión.
 

Se á audiencia lle dá o mesmo consumir unha noticia intoxicada, o xornalista pouco vai lograr por moito que se esforce


A máquina está a condicionar demasiado a forma de facer xornalismo? De tanto forzar a redacción para que guste a Google ás veces custa diferenciar cando estamos ante un texto humano ou dunha intelixencia artificial.
Obnubilámonos moito coa tecnoloxía, o big data e con destacar nos posicionamentos nos buscadores, xa que a competencia é cada vez máis complicada. Pero creo que agora estamos nun proceso de aprender dos erros que puidésemos cometer nesta carreira da dixitalización e de entender que, nesa loita polas audiencias, ten que haber unha volta ao xornalista, á comunicación máis de base. E aí está precisamente a oportunidade para enfrontarse contra a intelixencia artificial: en ser capaces de ofrecer ese labor crítico, analítico e contextualizador que implica o traballo xornalístico de calidade, que é o que non pode facer unha máquina. Pero se non ofrecemos esa información confiable e crible, igual ata perdemos a batalla contra as máquinas.

Pero é posible para o xornalista mostrarse crible nun campo tan enlamado desde todos os ámbitos por tácticas como iso que agora se rebautizou como fake news?
Ao longo da historia aprendemos a distinguir o que era propaganda do que era xornalismo. Pero ata a pandemia veu ben, xa que supuxo un punto de inflexión porque, cando a xente se viu na necesidade de atopar información confiable, as marcas xornalísticas volveron rexurdir fronte ao ruído das redes e a desinformación. Aí tamén entran temas regulamentarios como o que está a tentar poñer en marcha a Unión Europea. Aínda que se á audiencia lle dá o mesmo consumir unha noticia boa ou outra intoxicada, non facemos nada.

Aínda estamos a tempo de recuperar o respecto da audiencia?
Temos que tentalo por activa e por pasiva. Desde 2015 vense xa tendencias moi interesantes dalgúns medios por aproximarse a elas sen velas como un simple número; escoitándoas, integrándoas, dialogando con elas... E están a dar os seus froitos. Eu non o dou todo por perdido. Os xornalistas temos armas, aínda que me preocupa que non acompañe a saúde económica das empresas para que nos deixen asumir esta tendencia. Pola nosa banda, desde a facultade tentamos chamar ás portas de administracións e institucións para que nos axuden nese labor de alfabetización mediática que tanto precisamos.

E as novas vías de comunicación, con plataformas como Twitch ou TikTok, ofrecen saídas laborais sostibles para o alumnado?
Hai que exploralas como vías de acceso ao público, porque á audiencia hai que chegar, non hai que esperar a que ela chegue a nós. Na facultade, eses contextos xa forman parte do noso ecosistema de traballo diario. Non temos números taxados de inserción laboral nestas vías, pero está claro que as oportunidades laborais xorden tamén nestes escenarios dixitais, desde webs a redes sociais, integradas nese contexto transmedia.

A inmediatez destes novos medios pon caducidade a formatos como o diario de papel ou o telexornal?
As pautas de consumo reflicten un descenso dos medios tradicionais en todos os soportes e que estes novos usos chegaron para quedar. Eu aposto por que os medios tradicionais deben atopar unha vía de reinvención. Se cadra, o usuario demándalles outro tipo de información. Moitas veces as noticias dun telexornal xa as coñecemos previamente por outras vías máis áxiles e directas, como as redes, polo que, se non se ofrece outro produto diferente, alternativo, que complemente e que busque o valor que lle pode ofrecer ese soporte a unha información e ao usuario, eses medios van sufrir máis. Porque a audiencia vaise, pero é difícil que regrese. Cada soporte, como o xornalismo en xeral, debe recuperar ese espazo, esa esencia ou reinventarse para ter un futuro.

Comentarios