Lunes. 27.05.2019 |
El tiempo
Lunes. 27.05.2019
El tiempo

Un xulgado de Lugo condena á Xunta pola morte dun axente nun lume en Guntín en 2015

Os xulgados de Lugo. EP
Os xulgados de Lugo. EP

Sentenza que Medio Rural non actuou de forma "dilixente" ao denegar o cambio de posto a un enfermo do corazón que faleceu dun infarto

O xulgado do Social número tres de Lugo condenou á Consellería de Medio Rural pola morte dun ataque ao corazón dun axente forestal, que padecía unha cardiopatía e se lle denegou o cambio de posto, polo que acudiu a un incendio no municipio lucense de Guntín en 2015. Nun fallo con data do 21 de marzo, ao que tivo acceso Europa Press, condénase á Xunta a abonar unha indemnización á viúva do axente forestal. Contra esta sentenza cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A sentenza sinala que o falecido sufrira un infarto agudo de miocardio en 1996. En 2005 presentou unha solicitude a Medio Rural para pasar á segunda ocupación "por motivos de saúde", co fin de cambiar de posto de traballo para ser excluído das gardas extraordinarias e das tarefas de control e extinción de incendios. Esta petición foi acompañada dun informe do Sergas de 2005 no que se indicaba que "se desaconsella totalmente traballos que signifiquen unha tensión física ou psíquica" por unha cardiopatía isquémica. Esa solicitude por parte do axente forestal foi enviada até en tres ocasións máis ao longo de 2010, pero Medio Rural "non accedeu ao solicitado en ningún momento".

Por iso, a xuíza conclúe que "non se pode considerar" que a Xunta "actuase de forma dilixente na protección da saúde dun traballador que, finalmente, faleceu dunha cardiopatía que padecía con motivo das súas funcións". E é que apunta que "a falta de dilixencia neste caso é clara se se ten en conta a doenza do traballador, o tipo de traballo realizado e as condicións nas que se efectuaba". Aquí, remarca a sentenza que "os axentes forestais que prestan servizos para a Consellería de Medio Rural acostuman a acudir ás alarmas de incendio en vehículos oficiais e en soidade", polo que están sometidos, "obviamente, as situacións de tensións derivadas da responsabilidade en tomas de decisións inmediatas en situación de perigo e de esforzo físico".

SEN RECOÑECEMENTOS MÉDICOS. Ademais, o fallo estima nos seus fundamentos de dereito que "a Consellería de Medio Rural non comunicou expresamente a X.E.C.S. a posibilidade de realizar recoñecementos médicos xornais", de forma que o falecido "nunca" chegou a facelos.

Remarca que así o determinou Inspección de Traballo nun requirimiento de marzo de 2016 no que instaba á Xunta a implementar medidas correctoras respecto da "non realización dos recoñecementos médicos periódicos segundo a normativa vixente", así como pola "falta de comunicación urxente á autoridade laboral".

FEITOS. O axente forestal, que prestaba servizos como traballador por conta allea para a Consellería de Medio Rural, acudiu ao lugar do incendio en solitario en Guntín após de recibirse unha chamada ás 15,30 horas do 27 de xuño de 2015 na que se informaba do lume.

Os seus compañeiros perderon contacto co axente ás 16,10 horas e posteriormente foi localizado e evacuado a un hospital. O seu falecemento produciuse ese mesmo día por unha cardiopatía isquémica crónica.

CRÍTICAS DA CIG. Pola súa banda, o sindicato CIG denuncia que catro anos despois desta morte "a Consellería non adoptou ningún tipo de medida para garantir a seguridade do seu persoal". "A día de hoxe non temos plan de prevención nin protocolos adecuados de evacuación nos incendios", censura.

A este respecto, a secretaria da CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, fai mención a que a pasada semana houbo un incendio en Boiro cun axente forestal ferido por un golpe na cabeza após dunha caída, pero como a ambulancia non logrou chegar até o lugar "houbo que improvisar no momento como trasladar á persona ferida".

E é que o sindicato lembra que leva anos reclamando a Medio Rural que implante plans e protocolos para afrontar estas situacións de risco. Ademais, demanda que se evite que os traballadores realicen os seus labores sós e que, "como mínimo, traballen en parella".

Un xulgado de Lugo condena á Xunta pola morte dun axente nun lume...