sábado. 07.12.2019 |
El tiempo
sábado. 07.12.2019
El tiempo

A Xunta presenta os orzamentos con maior gasto social da historia

El presidente de la Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, junto al conselleiro de Hacienda, Valeriano Martínez. LAVANDEIRA JR. (EFE)
El presidente de la Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, junto al conselleiro de Hacienda, Valeriano Martínez. LAVANDEIRA JR. (EFE)
O conselleiro de Facenda detallou todos os detalles das contas de 2020

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, detallou este sábado o proxecto de orzamentos aprobado pola Xunta de Galicia este xoves, no que se prevé un gasto social no exercicio de 2020 de ata 7.400 millóns de euros, o máis alto da historia da Comunidade autónoma.

Martínez compareceu ante os medios este sábado na sede do Parlamento galego, onde minutos antes entregara a proposta de contas públicas ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, e explicou as particularidades dunhas finanzas autonómicas que o próximo ano supoñerán unha cantidade superior aos 10.000 millóns de euros por primeira vez nesta década.

O conselleiro comezou a súa intervención repasando a evolución e o crecemento sostido que experimentou a Administración autonómica durante o últimos corenta anos e insistiu en seguir aplicando para a mesma o modelo de rebaixas impositivas que –na súa opinión– caracterizou ao actual goberno na última década.

Así pois, os beneficios fiscais promovidos polo Goberno galego supoñen nas contas autonómicas un impacto de 448 millóns de euros, un 4,1 % máis que en 2018, aínda que Martínez insistiu en que estas medidas contan cunha "gran aceptación social" entre a cidadanía galega.

Entre as modificacións previstas para este ano está a "práctica eliminación" do imposto de sucesións entre familiares directos en Galicia, despois de elevar de 400.000 euros a un millón a cantidade máxima exenta de tributación, unha decisión que permite elevar do 99 % ao 99,94 % o número de galegos que non pagarán por recibir herdanzas.

Tamén se dispoñen beneficios fiscais para as empresas familiares, a compra de vivendas en zonas pouco poboadas do rural galego, os deportistas de elite bolseiros, ou no cálculo do IRPF para aquelas persoas que realicen nos seus fogares obras de mellora da eficiencia enerxética.

O cadro macroeconómico previsto polos orzamentos elaborados pola Xunta establece que Galicia seguirá crecendo a un ritmo "estable" do 1,9 % e que a taxa media de paro ao termo de 2020 será do 10,6 %, "a máis baixa da década" e mesmo chegando a pechar o ano cun desemprego inferior ao dez por cento tras crear "como mínimo, 9.000 novos postos de traballo".

Todo iso está relacionado, segundo Martínez, con que Galicia fose a Comunidade autónoma onde menos creceu a cociente de débeda sobre o PIB desde 2008, tras reducir en case 4.000 millóns de euros o debido nestes anos e entrar en fase de "consolidación fiscal técnica".

O cálculo de ingresos da Xunta para 2020 determina que a maior cantidade de recursos (7.974 millóns de euros) provén do sistema de financiamento, un 3,9 % máis que no exercicio anterior, á vez que tamén aumentan as axudas do marco europeo que, ao ser o último ano do actual programa, presentan un "incremento significativo".

Novamente, o Goberno galego esgotará no próximo exercicio a cantidade máxima fixada no teito de gasto, nesta ocasión 10.160 millóns de euros, que se destinarán principalmente a gastos de persoal, un capítulo que crece un 3,6 % respecto a 2019 e que "sobe ata máis de 4.000 millóns de euros" por primeira vez na historia das contas autonómicas.

Todos os capítulos de gasto corrente crecen respecto ao ano anterior, a excepción do dedicado a cubrir os intereses da débeda, que cae en 22 millóns de euros.

En canto aos gastos de capital, o responsable autonómico de Facenda quixo recalcar que Galicia é a Comunidade que realiza un "maior esforzo investidor" por habitante, de ao redor de 608 euros por persoa, xa que alcanza un total de 1.691 millóns de euros, 274 millóns máis que ao comezo da lexislatura e "moi por encima da media das Comunidades autónomas".

Referido á repartición territorial destes fondos, a pesar de que en termos nominativos as provincias da fachada atlántica son as que reciben máis recursos, na división por habitante saen beneficiadas as do interior da seguinte forma: Lugo (4.252 euros por persoa), Ourense (4.096 euros), A Coruña (3.281 euros) e Pontevedra (3.200 euros).

Así mesmo, Martínez insistiu en que nestes orzamentos refórzanse "de maneira prioritaria" aqueles departamentos relacionados co gasto social, de ata 7.400 millóns de euros, como son Sanidade, Política Social ou Educación.

Sanidade será, como afai, a consellería da Xunta cun maior orzamento (4.109 millóns) e superará en 2020 os 4.000 millóns de dotación por primeira vez na historia; seguida por Educación, Universidades e Formación Profesional, que alcanza os 2.446 millóns de euros a pesar de crecer por baixo da media xeral.

Impulsada polo aumento do gasto en dependencia e atención a maiores, Política Social é, con 776 millóns de euros, o terceiro departamento en liza; seguido a maior distancia por Economía, Emprego e Industria –540 millóns–, Medio Rural –537 millóns– ou Infraestruturas e Movilidad –383 millóns–.

O vagón de cola queda para as áreas de Vicepresidencia –307 millóns–, Mar –167 millóns–, Medio Ambiente –164 millóns–, Cultura e Turismo –157 millóns, a pesar de ser o departamento que máis crece, un 8,9 % dada a aposta polo Xacobeo 2021–, Presidencia –157 millóns– e, finalmente, Facenda –59 millóns–.

Ademais do mencionado anteriormente gasto social, entre as prioridades de investimento do Goberno galego para o exercicio de 2020 están os investimentos ambientais, o gasto en innovación e desenvolvemento, a dinamización do medio rural, a protección da pesca ou o fomento do turismo; un dos apartados que máis crece respecto ao ano anterior.

Todas estas medidas –subliñou o conselleiro– responden á aposta da Xunta por definir unha Galicia nova, familiar, innovadora e verde: as catro áreas que guían a política do Executivo autonómico e que marcarán o Plan Estratéxico 2021-2030 que –anunciou– prevén presentar no primeiro semestre do próximo ano.

Durante a súa longa exposición, Martínez aludiu á evolución de partidas concretas dos orzamentos, como a destinada a persoal, que sobe debido aos acordos retributivos xenerais e sectoriais cos empregados públicos, e cuxo aumento tamén responde á dotación prevista de 407 novas prazas na sanidade pública, así como á contratación de máis orientadores e coidadores para educación, 28 profesionais máis de igualdade e benestar ou a ampliación dun mes do tempo de traballo dos bombeiros forestais do sistema público.

O financiamento local experimentará un lixeiro aumento en 2020 co obxectivo de atender cuestións como a loita contra a avespa velutina, a cobertura telefónica e de datos móbiles en todo o territorio ou a constitución dunha empresa pública que se encargue de xestionar o ciclo da auga.

Finalmente, o Xacobeo 2021, tras dous anos dispoñendo de partidas específicas para a súa preparación, contará en 2020 cunha reserva de crédito de 82 millóns de euros repartidos entre todos os departamentos do Goberno galego para preparar este ano Santo e os vindeiros, a diferenza –sinalou Martínez– do que sucedeu en 2009 co goberno bipartito cando "non había nada previsto" para esta cita. 

A Xunta presenta os orzamentos con maior gasto social da historia
Comentarios