A Xunta deseña unha ferramenta para informar sobre a ocupación dos albergues 

"O noso obxectivo é que os peregrinos poidan volver pronto ao Camiño de Santiago, pero a prioridade é garantir a seguridade", destacou o conselleiro
Indicador del Camino de Santiago
photo_camera Indicador del Camino de Santiago

A Xunta de Galicia traballa no desenvolvemento de plataformas tecnolóxicas que permitan facilitar a reserva en albergues do Camiño, así como informar os peregrinos sobre a ocupación e as prazas dispoñibles, unha opción que ata agora non existía. 

Esta é unha das iniciativas nas que traballa o Goberno galego dentro do programa 'Camiño Seguro', que busca establecer a máxima coordinación entre todos os axentes implicados para favorecer a reactivación progresiva da peregrinación a Santiago. 

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, mantivo este xoves unha videoconferencia cos alcaldes da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, na que deu conta do traballo da Administración galega para a reactivación do camiño nas próximas semanas, unha vez que se dean as condicións de mobilidade e seguridade sanitaria necesarias. 

Todas as voces implicadas coincidiron na importancia de ofrecer a "máxima seguridade" aos peregrinos e aos profesionais e veciños que participan dos servizos ofertados no Camiño. 

Para iso, explicou o conselleiro, o programa Camiño Seguro contará cunha batería de medidas para cooperar cos concellos das distintas rutas e co propio sector turístico. 

Entre elas, referiuse ao protocolo de medidas hixiénico-sanitarias que a Xunta está a desenvolver en colaboración co Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) ou aos cursos de formación para traballadores de albergues, que comezarán a próxima semana cunha oferta inicial de 500 prazas. 

"O noso obxectivo é que os peregrinos poidan volver pronto ao Camiño de Santiago, pero a prioridade é garantir a seguridade tanto para os que percorren a ruta, como para os profesionais ou voluntarios que traballan nela", destacou o conselleiro.

AXUDAS EN MARCHA. A reunión permitiu analizar a posibilidade de que os albergues públicos abran de xeito gradual, en función da oferta de prazas de aloxamento totais de cada concello. 

Esta foi unha medida na que todos estiveron de acordo, polo seu efecto positivo nas economías locais, algo que será trasladado tamén ao sector de aloxamento privado, que xa o solicitou", así como ás asociacións de Amigos do Camiño, cuxa actividade é "imprescindible". 

Román Rodríguez recordou a convocatoria de axudas directas, por valor de 6 millóns, para que o sector turístico e da restauración poida adaptar os seus negocios, unha liña que tamén está aberta para os establecementos do Camiño. 

DESTINO TURÍSTICO SEGURO. Por outra banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a necesidade de garantir que a comunidade represente un destino que ofreza as máximas condicións de seguridade sanitaria para profesionais e usuarios do sector. 

Durante unha reunión mantida por videoconferencia con representantes do sector da provincia de Pontevedra, Nava Castro explicou que, neste sentido, púxose en marcha un plan de formación voluntario e gratuíto impartido polo Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) e entidades sectoriais e provinciais e abordou el 'Pacto por un destino seguro'. 

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro; a xefa territorial da Consellería de Cultura e Turismo de Pontevedra, María José Echevarría; a subdirectora técnica e de planificación do ISSGA, Encarna Sousa Rodríguez; e a xefa de sección de Hixiene Industrial e Analítica do centro do ISSGA, Myriam Garabito; tamén participaron na reunión. 

Ademais, a directora de Turismo de Galicia incidiu na necesidade de dispor "claves e protocolos claros" no marco do proceso de 'desescalada' e recordou que se elaboraron 11 manuais cuxos aspectos hixiénico-sanitarios detallou. 

En concreto, estes documentos, dispoñibles na páxina web de Turismo de Galicia ofrecen información sobre seguridade adaptada a restaurantes, establecementos extrahoteleiros, hoteis, balnearios, campos de golf, axencias de viaxes, guías e oficinas de turismo. Ademais, poderán actualizarse de acordo coa evolución do estado de alarma e as instrucións ditadas polas autoridades sanitarias. 

Así, estes manuais condensan os requisitos establecidos polo Ministerio de Sanidade, as recomendacións elaboradas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e outros consellos adaptados a establecementos galegos. 

A elaboración do documento contou con achegas do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Saúde Pública e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), así como de representantes do sector, o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e especialistas. 

Comentarios