A Xunta fomenta o emprego de máis de 150 vítimas de violencia de xénero

Acceden ao traballo en concellos e entidades locais con programas de reinserción

Nos cursos de defensa persoal as mulleres aprenden técnicas para actuar ante ataques físicos. RAFA FARIÑA
photo_camera Nos cursos de defensa persoal as mulleres aprenden técnicas para actuar ante ataques físicos. RAFA FARIÑA

A independencia económica é clave para garantir que as mulleres vítimas de violencia de xénero, física e psicolóxica, consigan maior estabilidade persoal, social e laboral e poidan saír desa situación. Por iso, a Xunta de Galicia, ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, puxo en marcha este ano de forma pioneira un programa para fomentar a contratación, a través das entidades locais, de mulleres que sofren violencia de xénero. Tamén se habilitou unha liña de fomento da contratación en entidades do mundo rural para axudar de forma especial ás mulleres dese colectivo.

A finalidade destas dúas liñas de axuda é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, ao tempo que se reforzan as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo último de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

O éxito da iniciativa obrigou a ampliar o orzamento previsto neste eido. Finalmente contratáronse preto dun cento de mulleres.

No Concello de Pontevedra a subvención permitirá contratar a once mulleres na área de Administración local durante doce meses

O programa de fomento da contratación de mulleres tanto por parte dos concellos como das entidades rurais forma parte das 65 medidas (38 de nova creación e 27 xa existentes que se ampliaron ou reforzaron) que o Goberno galego puxo en marcha para cumplir co Pacto de Estado en materia de violencia de xénero en 2019. O plan galego está dotado cun orzamento de 16 millóns de euros. Todas as accións están xa rematadas ou en execución polo que Galicia cumpre ó 100% a súa programación anual con respecto ao Pacto de Estado.

ENTIDADES LOCAIS. A liña adicada á contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero por parte dos concellos e entidades locais convocouse cun orzamento inicial de 800.000 euros que tivo que ser ampliado ata en dúas ocasións por mor do éxito da convocatoria. Finalmente, investirónse case 1,6 millóns de euros, que beneficiaron a 12 concellos e permitiron a contratación de 79 mulleres vítimas da violencia de xénero.

Na provincia de Pontevedra a cidade capitalina foi a que acadou a achega máis elevada (304.411,64 euros). Deste xeito, once mulleres, todas elas residentes na cidade, foron seleccionadas para traballar a xornada completa en distintas áreas da Administración local durante doce meses.

Os outros municipios da provincia beneficiados con estas axudas foron Mos (259.228,92 €) e Ponteareas (187.919, 44), que tamén contraron a once persoas; Lalín (167.264,42€) que empregou a dez mulleres e Fornelos de Montes (36.055,68€) a dúas.

No que respecta á liña de axudas para a contratación de mulleres por parte de entidades rurais, todos os beneficiados pertencen á provincia de Pontevedra. Deste xeito, empregáronse tres traballadoras na Comunidade de Montes de A Guarda, catro na comunidade de montes de San Xurxo e tres na Mancomunidade de Montes de Vigo.

OUTRAS LIÑAS. Ademais das axudas directas á contratación en concellos e entidades do rural, Galicia conta tamén con programas de inserción laboral específicos para vítimas de violencia de xénero. Foi en 2016 a primeira Comunidade Autónoma en facer unha convocatoria para entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento destes programas. Dende entón investiuse nesta iniciativa preto de 2,7 millóns de euros e participaron 1.450 mulleres que melloraron a súa empregabilidade. Acadáronse 289 insercións, das que 69 foron na última convocatoria.

O obxectivo deste programa é dotar a estas mulleres das ferramentas necesarias para incorporarse ao mundo laboral e obter independencia económica, moitas veces chave para rachar con a situación que as oprime.

As iniciativas que se desenvolven grazas a estas axudas inclúen itinerarios de inserción, formación para o emprego e actuacións de apoio á conciliación. Este ano resultaron beneficiarias destas axudas un total de dez entidades, cun orzamento de 725.000 euros que ten validez bienal (2019/2020).Ç

A entidade Fundación CIP, con sede en Vigo, foi a que acadou a axuda de maior cuantía (80.000). Acción Laboral, tamén con sede na ciudade olívica, e a Asociación de Empresarios de Mos foron os outros beneficiarios da provincia con 70.728,09€ e 70.000 €, respectivamente.

Máis de 300.000 euros na provincia para catorce colectivos que axudan a mulleres en risco de exclusión social

O plan galego contra a violencia de xénero, elaborado ao abeiro do Pacto de Estado, inclúe tamén axudas para as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que poñan en marcha programas específicos de recursos integrais de atención especializada dirixidos, especifica e exclusivamente, a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

A Xunta de Galicia destinou en 2019 unha contía inicial de 910.000 euros que ampliou, o pasado mes de xullo, en 429.477 euros. Deste xeito, puidose acadar ata as 69 o número de entidades beneficiarias este exercicio en toda Galicia. A Administración autonómica investiu nesta orde de axudas máis de 11,6 millóns de euros na última década.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade as vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas e exreclusas, entre outros.

Ao abeiro desta convocatoria subvencionanse programas que inclúen recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes con fillos ou fillas menores de tres anos, e tamén iniciativas de atención personalizada e especializada para aquelas mulleres pertencentes aos colectivos expostos.

Na última convocatoria resultaron beneficiarios na provincia de Pontevedra máis dunha ducia de colectivos. A congregación Siervas de la pasión, a Asociación pola Igualdade e a Coeducación Apico, a Asociación de Axuda á Vida Ayuvi, a Asociación Red- Madre Pontevedra, a Fundación Érguete, a Asociación Nós Mesmas, a Asociación de Diagnosticados/ as de cancro de mama de Pontevedra Adicam, Acción Laboral, Cáritas Diocesana Tui- Vigo, a Asociación Faraza pola Abolición da Prostitución, a Asociación Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, e a Asociación Diversidades.

En total, foron máis de 300.000 euros os que se adicaron na provincia a programas para axudar a mulleres en risco de exclusión social e loitar contra a violencia de xénero.

Comentarios