lunes. 23.11.2020 |
El tiempo
lunes. 23.11.2020
El tiempo

A Xunta impulsará axudas para o aluguer de locais de lecer nocturno afectados por peches

Interior dunha discoteca. EFE
Interior dunha discoteca. EFE
O importe chegará até os 20.000€

A Xunta impulsará axudas directas de até 20.000 euros para sufragar os gastos de aluguer dos locais de lecer nocturno obrigados a pechar como consecuencia das restricións sanitarias pola covid-19. As axudas, dotadas cun orzamento de 2,2 millóns de euros, inclúense no Plan de Reactivación do sector que tamén conta con apoios para a celebración de concertos e mantemento do emprego nestes locais. 

Así llo trasladou esta tarde o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aos representantes do sector nun encontro por videoconferencia. Á reunión tamén acudiu o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, e representantes da Consellería de Cultura e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). 

As axudas, habilitadas a través da Vicepresidencia Primeira para contribuír a sufragar os custos do aluguer, van dirixidas aos negocios que desde o pasado 15 de agosto permanecen pechados -excepto as terrazas- tras a decisión adoptada para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, co obxectivo de conter o virus. Trátase das discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores. 

Poderán ser beneficiarios das axudas os titulares destes establecementos que teñan contrato de aluguer en vigor desde xaneiro de 2020, vixentes durante un ano desde o permiso de reapertura do sector, co compromiso de manter a actividade durante ese período. De feito, terán que acreditar ambos os conceptos ao formalizar a solicitude mediante a presentación dunha declaración responsable. 

A contía das axudas variará con distintos tramos en función do importe mensual do aluguer. Deste xeito, as axudas poderán chegar até 20.000 euros como máximo por solicitude no tramo máis elevado. 

As subvencións intégranse no Plan de Reactivación do sector, posto en marcha pola Xunta para axudar a paliar os efectos económicos da pandemia e dotado con 4,8 millóns de euros. Ademais, no marco deste Plan, o Goberno galego convocará axudas por 600.000 euros nos establecementos habilitados como salas de concertos, salas de espectáculos ou cafés-concerto, que o ano pasado levasen a cabo un mínimo de 15 concertos. En concreto, sufragarán o 80% dos gastos de proxectos cun importe superior aos 25.000 euros. 

A Xunta impulsará axudas para o aluguer de locais de lecer nocturno...
Comentarios