A Xunta recurre a sentenza de Meirás por ver acreditada a "mala fe" dos Franco

O recurso, que se suma ao do Estado, considera "contraditoria" a boa fe cando eran "coñecedores" da adquisición irregular do inmoble 
Pazo de Meirás. DP
photo_camera Pazo de Meirás. DP

A Xunta de Galicia recorreu a sentenza do Pazo de Meirás, ditada pola Audiencia Provincial da Coruña o pasado 12 de febreiro, por considerar acreditada a "mala fe" dos herdeiros do ditador Francisco Franco na posesión do inmoble. En concreto, segundo informa nun comunicado, os servizos xurídicos da Administración autonómica presentaron nas últimas horas ante a Sala Primeira do Tribunal Supremo un recurso extraordinario por infracción procesual e recurso de casación contra o fallo que confirmaba a titularidade pública do inmoble pero que, á súa vez, obrigaba a indemnizar os Franco polo seu mantemento desde 1975. 

Neste sentido, na mesma liña que o recurso presentado pola Avogacía do Estado esta mesma semana, a Xunta conclúe que, á vista dos feitos probados na sentenza da Audiencia Provincial, é "contraditorio" aplicar a boa fe aos descendentes do ditador na posesión do pazo. De feito, o recurso do Goberno autonómico subliña "a incoherencia" que supón que esta resolución xudicial vexa boa fe nos Franco mentres considera "probado" que eran "coñecedores da situación na que se adquiriu o inmoble". Por esta mesma "contradición" entende a Xunta que se infrinxiron as normas procesuais. 

"Á vista dos feitos probados declarados na sentenza, non pode deducirse, sen atentar contra as regras máis elementais da lóxica e da razón, que estamos ante unha posesión de boa fe, pois é obvio que Francisco Franco non só era coñecedor do vicio do seu título, senón que ademais fixo intentos forzados para ocultalo", subliña o recurso presentado ante o Supremo. 

Ademais, o escrito do Executivo galego sinala que houbo "unha transmisión da mala fe" á súa filla, Carmen Franco: "Existen feitos declarados na sentenza que necesariamente conducen a pensar que a mesma era consciente do vicio da posesión". 

A Administración galega explica que os seus servizos xurídicos ven argumentos suficientes para sustentar que, tras a morte do ditador en 1975, tanto a súa muller —Carmen Polo— como a súa filla eran "coñecedoras desta situación", polo que "debe revogarse" a decisión da Audiencia sobre a indemnización. Finalmente, no comunicado, a Xunta defende que a decisión de recorrer o fallo da Audiencia Provincial da Coruña se enmarca na postura que mantivo "desde o inicio do proceso xudicial" para reclamar o Pazo de Meirás, no que actúa como coadxuvante do Estado, demandante principal. 

Precisamente, o Goberno central anunciou o martes a súa intención de recorrer en casación ante o Supremo esta sentenza que, aínda que ve "favorable" aos seus principais postulados, contén "erros de interpretación" ao dicir que o Estado recoñece boa fe nos herdeiros do ditador: "De aí extráense unha serie de conclusións que non se corresponden coa realidade". 

Cabe lembrar que esta mesma semana os tres grupos con representación no Parlamento de Galicia —PPdeG, BNG e PSdeG— apoiaron por unanimidade que tanto o Estado como a Xunta interpuxesen recursos contra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña. A terceira institución que xa anunciou a súa intención de presentar o seu propio escrito foi o Concello de Sada, que prevé facelo este mesmo luns.

RECURSO DOS FRANCO. Pola súa banda, o Franco presentaron o venres o seu recurso, no que reafirman que a sentenza da Audiencia recoñécelles a ocupación do inmoble "pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de donos" e de maneira "exclusiva" durante máis de 30 anos, desde a morte do ditador en 1975. Disto sérvense para xustificar que o pazo é seu por usucapión extraordinaria e denuncian que o fallo, que reafirma o carácter público das Torres de Meirás, contravén o Código Civil, a Lei de Enjuiciamiento Civil e a propia xurisprudencia do Supremo. 

Así mesmo, entre os sete puntos do recurso, os herdeiros de Franco chaman a atención sobre o feito de que o Estado recoñecese ao ditador "a condición de propietario", á vez que insisten en que, tras 1975, houbo unha "inequívoca vontade" por parte da Administración de "separar" o pazo "de toda posible adscrición ao público" e de "desentenderse" do seu uso e xestión.

SENTENZA DA AUDIENCIA PROVINCIAL. A Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña ditou o pasado 12 de febreiro unha sentenza na que confirmaba que o pazo e as leiras incluídas no recinto eran propiedade do Estado, ao entender que o inmoble nunca estivo a nome de Francisco Franco porque a doazón realizada en 1938 pola Xunta Pro Pazo do Caudillo nun pergamiño non era "un título hábil" para recoñecer a transmisión. 

Por este motivo, ditou que os herdeiros do ditador debían desaloxar o recinto —como xa fixeran a principios de decembro—, aínda que lles recoñeceu o dereito a ser resarcidos nos gastos nos que incorreron desde 1975 para conservar o edificio. 

Así, a Audiencia Provincial descartou "mala fe" na posesión por parte dos demandados porque nunca foron requiridos pola Administración para que entregar o pazo e "levan máis de catro décadas utilizándoo de forma pública, pacífica, ininterrompida e en concepto de donos". 

Comentarios