A Xunta propón charlas informativas, teatro e exposicións para previr a violencia de xénero

O Goberno autonómico elaborou unha ampla programación que se desenvolveu en 134 concellos galegos. O espectáculo 'Golpes', protagonizado por Estíbaliz Veiga, pon o foco nas consecuencias dunha relación machista
Mural no que se representa o empoderamento feminino. DP
photo_camera Mural no que se representa o empoderamento feminino. DP

Ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a Xunta de Galicia adicou en 2019 preto de 16 millóns de euros cos que preparou 65 medidas para a prevención da violencia de xénero. Entre todas as iniciativas levadas a cabo está una ampla programación cultural (espectáculos teatrais, exposicións…), charlas informativas e terapias familiares, entre outras. A programación desenvolveuse nos municipios que forman parte da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, integrada por 209 concellos. A programación de 2019 chegou a 134 concellos que se suman aos 60 que organizaron cursos de defensa persoal, dirixidos a mulleres para facilitarlles técnicas coas que se defender en caso de verse atacadas físicamente. 

Entre as actividades deste ano está Golpes, un espectáculo teatral protagonizado pola actriz Estibaliz Veiga, que interpreta a Pamela, unha adolescente que ven de sufrir violencia machista e comparte a sua experiencia para evitar que ese episodio se repita. A obra ten un carácter pedagóxico xa que analiza o impacto da violencia de xénero e tenta concienciar á mocidade na súa prevención. Na provincia, representouse nos concellos de Mos, Nigrán, O Grove, Ribadumia e Meis

Baixo o título de A violencia de xénero… Dille Non presentouse unha exposición gráfica ilustrada dirixida á mocidade para axudala a recoñecer, identificar e rexeitar condutas sexistas e nocivas nas suas relacións. O IES Illa de Tambo de Marín, a casa de cultura de Silleda, o centro de saúde de Crecente e o IES Chano Piñeiro acolleron esta exposición. Por outra banda, Cartas de Amor amosou ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade. 

A exposición fotográfica Express-Arte ofreceu unha perspectiva de diferentes realidades desde a arte. Foi creada no marco do programa de inserción laboral para vítimas da violencia de xénero e impulsada pola Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses. Foi exposta nos concellos de Vilaboa, Soutomaior, Rodeiro e Tomiño

Igual a Nós é unha representación escénica seguida dun debate coloquio para afondar nos conceptos e aspectos abordados na representación, fomentando a participación social das mulleres maiores. Sanxenxo, Ponteareas, Pontecesures, O Rosal, Cuntis, A Guarda e Bueu foros testemuñas da representación desta peza. 

Por outra banda, o programa de asesoramento e terapia familiar de apoio con nenos e nenas que sufriran, de maneira directa ou indirecta, a violencia de xénero.

 Coa denominación Hai saída grazas a ti formúlase un encontro-debate sobre a abordaxe da violencia de xénero, con especial énfase na xente moza. Baiona, Gondomar, O Porriño e As Neves acolleron este encontro na proprovincia. 

A programación incluíu tamén charlas informativas sobre agresións sexuais e violencia sexual a cargo de persoal especializado, que se desenvolveron en Caldas de Reis, Poio, Barro, Redondela, Pazos de Borbén, Cangas e Ponte Caldelas

No Concello de A Lama organizouse unha visita ás instalacións do Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, mentres que no de Valga desenvolveuse un programa de impulso das Mesas de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de Xénero, que inclúe formación para a constitución ou dinamización da Mesa Local e programa de apoio e seguimento na dinamización da Mesa Local. 

A estas actividades formativas súmase o curso de defensa persoal que a Secretaría Xeral de Igualdade programou, en colaboración coa FEGAMP, nas entidades adheridas á Rede Galega de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero. En total foron 60 concellos galegos. Na provincia de Pontevedra a formación chegou a A Estrada, Cuntis, Nigrán, Baiona, Moaña, Cangas, Pontevedra, Tui, Mos, Lalín, Silleda e Soutomaior

A formación foi impartida por técnicas e técnicos en defensa persoal, que forman parte de Fegaloita e das forzas e corpos de seguridade, con coñecementos en violencia de xénero e con ampla experiencia en formación e técnicas de intervención. 

OUTRAS MEDIDAS. O plan galego contra a violencia de xénero inclúe tamén un apartado de axudas económicas que conta con tres liñas de axudas directas ás vítimas (prestacións periódicas, axudas de pago único e indemnizacións). O seu obxectivo é garantir ás vítimas unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor ou, no caso das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, da persoa que mantivese con ela unha relación de dominación, de xeito que se lles facilite dar o primeiro paso para romper con esa situación de violencia. 

Galicia foi a primeira comunidade autónoma en dispoñer de prestacións periódicas para as mulleres que sofren violencia de xénero e a única que as ten operativas de maneira ininterrompida ao longo de todo o ano. 

Na provincia de Pontevedra, no periodo 2009-2019, concedéronse 1482 prestacións periódicas, 276 axudas de pago único e catro indemnizacións. No total de Galicia, foron más de 4.000 prestacións periódicas, 793 axudas de pago único e 83 indemnizacións. 

Outra das novas medidas incorporadas no plan de 2019 é o Bono Social. Trátase dun programa específico destinado ás mulleres vítimas de violencia de xénero, que conta cunha consignación orzamentaria de 1,6 millóns de euros e que ata o momento xa ten beneficiado a medio cento de mulleres, 24 delas na provincia de Pontevedra. Este ano tamén se habilitaron por primeira vez axudas ás vítimas gravemente feridas e aos orfos.

Plan galego: 65 medidas e 16 millóns de euros
O Goberno galego executou prácticamente o 100% do seu plan contra a violencia de xénero, deseñado ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, no que se inclúen medidas que deben ser aplicadas polo Estado, comunidades autónomas e polos concellos. O documento redactado pola institución autonómica está composto por 65 medidas e conta con 16 millóns de euros de fondos do Pacto de Estado.

As axudas máis numerosas son as relacionadas coa sensibilización e prevención (26) e coa asistencia, axuda e protección das vítimas (15). Outros eixos son mellora da resposta institucional e traballo en rede; intensificación da protección aos menores; impulso da formación; seguimento estatístico; recomendacións ás comunidades autónomas; ou visualización e atención a outras formas de violencia contra as mulleres.

Previsión

Para o vindeiro 2020 está previsto incorporar un plan estratéxico que avance cara a plena comunicación e compartición de información entre as bases de datos informáticos das diferentes Administracións públicas, a posta en marcha de novos centros de acollemento, o impulso da formación dos profesionais, o traballo cos menores agresores (porase en marcha, xunto coa Fiscalía o proxecto Fénix, unha iniciativa pioneira de reeducación para menores con medidas xudiciais por violencia, que comezará cunha experiencia piloto en Lugo), e medidas para loitar contra outras formas de violencia como agresións sexuais, acoso ou trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. 

Comentarios